XVI Encontros con escritores: Pedro Feijoo

O escritor Pedro Feijoo conversará con Javier Pintor e Xavier Seoane e presentará a súa nova novela: "Un lume azul"
Mér, 11/12/2019 - 09:48
Pedro Feijoo
Pedro Feijoo
Informámosvos que este mércores, 11 de decembro ás 18.30h. no Salón de actos da Uned de Coruña dentro do ciclo de Encontros con escritores contaremos coa presenza de
Pedro Feijoo como autor invitado. Aproveitaremos a presenza do autor para presentar a súa novela máis recente, Un lume azul (Xerais, 2019) e percorrer o resto da súa obra.
 
A sesión poderase seguir por videoconferencia dende a seguinte ligazón: http://www.intecca.uned.es/portalavip/directos.php?ID_Grabacion=289237&ID_Sala=243483
 

Pedro Feijoo (Vigo, 1975). Antes de adicarse á escritura, exerceu profesionalmente como músico, cunha intensa traxectoria como produtor, compositor e membro dalgúns dos máis salientables proxectos musicais galegos como Los Feliz e Lamatumbá. En 1997 publicou o seu primeiro libro, Cousas do «Galicia», por Castelao, no que se explica a relación de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao co xornal Galicia que dirixiu Valentín Paz-Andrade.  En 2005 publicou Viva o Fu Remol! (Xerais,2005), unha crónica sobre os problemas do panorama musical galego. A súa primeira obra Os fillos do mar (2012, finalista do Premio Xerais en 2011). En 2013 publica A memoria da choiva, novela arredor da figura de Rosalía de Castro. En 2015 cambia de rexistro con Morena, perigosa e románica, a súa novela máis cómica. En 2017 publica Os fillos do lume, na que os mesmos personaxes de Os fillos do mar, se enfrontan a unha das intrigas mellor protexidas na historia da cidade de Vigo: a da súa fundación. En 2018 publica Sen piedade, un libro dolorosamente persoal no que o autor tivo que enfrontarse a algúns dos fantasmas pendentes da súa vida. Tamén en 2018 sae Camiñar o Vigo vello. Un paseo pola historia da cidade, un libro de a cabalo entre os manuais de historia e as guías turísticas.

De moi recente aparición é a súa novela Un lume azul (Xerais, 2019), unha historia de suspense, dura por veces mesmo violenta, pero tamén emotiva e, sobre todo, imprevisible, intensa e apaixonante como son todas as narracións deste autor.