G1902011 Simposio ILG 2019. Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional. Plan Proxecta

Simposio ILG 2019: Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional
O Simposio ILG 2019 Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional ten por obxectivo xeral poñer en valor o patrimonio inmaterial e sensibilizar arredor da necesidade da súa recollida, protección, promoción e desenvolvemento, con especial atención ao patrimonio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Xov, 10/10/2019 - 11:20
Simposio ILG 2019: Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional
Simposio ILG 2019: Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

O Simposio ILG 2019 Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional ten por obxectivo xeral poñer en valor o patrimonio inmaterial e sensibilizar arredor da necesidade da súa recollida, protección, promoción e desenvolvemento, con especial atención ao patrimonio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Con este marco de fondo, o encontro organízase en tres xornadas con cadanseu foco temático.

A finalidade da primeira xornada é facilitar principios metodolóxicos básicos, desde o punto de vista da antropoloxía cultural e da dialectoloxía, para unha recolleita adecuada do patrimonio inmaterial. Na segunda xornada preténdese mostrar o valor dos datos lingüísticos e presentar unha nova ferramenta para o estudo da variación dialectal, poñendo o foco no léxico de Galicia e do norte de Portugal. Finalmente, a terceira xornada estará dedicada á presentación de proxectos vinculados coa recolleita de léxico e concibidos para o ámbito do ensino non universitario.

Pretendemos que este simposio sexa un lugar de encontro de investigadores, docentes e estudantes ao redor do patrimonio inmaterial, un punto de confluencia de disciplinas, enfoques e intereses diversos que sirva para ampliar a nosa mirada, crear sinerxías e promover novos proxectos ao redor da riqueza léxica e cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Como cada ano, o Simposio ILG 2019 está organizado polo Instituto da Lingua Galega en colaboración co Consello da Cultura Galega; nesta anualidade, ademais, forma parte da oferta formativa do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o curso académico 2019/2020.

Data de realización: 5, 6 e 7 de novembro

Lugar de celebración: Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC (Avda. Castelao, s/n, Campus Norte)

Código en fprofe: G1902011

 

Programa

Menús CAFI node R

 

Sección

Áreas-CAFI