Celebración das VII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia

Na fin de semana do 17 e 18 de novembro celebráronse en Santiago de Compostela as VII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia.
Xov, 24/11/2016 - 14:08
Inauguración das VII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia
Inauguración das VII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia

Na fin de semana do 17 e 18 de novembro reuníronse no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela preto de mil docentes para celebrar as VII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, froito da colaboración entre a Asesoría de bibliotecas escolares e o CAFI, coa colaboración da Rede de Formación do Profesorado.

 

Estas VII Xornadas foron inauguradas polo Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que, no seu discurso, puxo de relevo o papel das bibliotecas na mellora da calidade educativa, agradeceu o compromiso das persoas asistentes, e anunciou a presentación da segunda fase do Plan Lía o para o periodo 2016-2020.

 

Entre a nómina de expertos que colaboraron na actividade, contamos coa presenza de Andrea Giráldez, Xosé Tomás, Silvia González Goñi, Mónica Muñoz Sobrino e Asunción Carballo, Glória Durban, Maria Conceição Tomé, Carlos A. Scolari e Fran Alonso, e cunha selección de boas prácticas das bibliotecas escolares dos centros de ensino público de Galicia.

“Biblioteca Escolar, territorio das Artes” é o lema deste ano para as bibliotecas escolares de Galicia, e sobre esta idea versou a conferencia inaugural de Andrea Giráldez, así como varias das experiencias de centros. Outros relatorios ocupáronse de Alfabetización Informacional, literatura transmedia, biblioteca escolar e currículo, de lectura e de integración, completando un programa que abarca os diversos aspectos que conforman a función da biblioteca escolar.

Nesta ocasión, e por primeira vez, organizamos “A fume de carozo”, unha sesión de comunicacións breves para dar difusión a actividades innovadoras, que foi moi ben recibida e valorada polo público asistente.

Para clausurar estas xornadas interviu Carlos Scolari cun relatorio sobre narrativas transmedia, e Fran Alonso realizou unha magnífica exposición verbo de poesía, educación e tecnoloxía.