Título node Learning object
Ciberexpert@ é un programa creado pola Policía Nacional, co apoio de Telefónica e a colaboración da Fundación Cibervoluntarios, que nace co obxectivo de achegar unha mellor educación dixital ás familias.
Este programa, a través de diferentes actividades de formación, capacitación e da web Ciberexpert@, pretende achegar unha visión máis segura do uso responsable da internet, ademais de permitir visualizar de maneira real os riscos e problemas que se poden atopar na rede, e mesmo facilitar as denuncias sobre situacións de risco nas que se pode atopar o noso alumnado.
O programa é levado a cabo por persoas delegadas de participación cidadá da Policía Nacional que, co apoio da comunidade educativa, imparten charlas de formación coordinadas e xestionadas pola Unidade Central de Participación Cidadá da Policía Nacional.
Os obxectivos do programa son os seguintes:
- Realizar actividades dirixidas ao uso seguro da internet, especialmente nas redes sociais.
- Sensibilizar e formar minimizando os riscos que os menores poden atopar no uso cotián das TIC.
- Achegar aos menores, contorna educativa e familiar o uso de ferramentas que lle faciliten unha navegación máis segura.
- Capacitar ao noso alumnado na adquisición de habilidades para unha comunicación máis segura nas redes sociais.
- Concienciar aos menores da importancia dunha boa xestión da privacidade online e offline.
O beneficiario do programa é a sociedade en xeral e de maneira directa, os/as menores e a contorna educativa e familiar quen, preocupados polo que experimentan os menores na internet, queren aprender sobre ferramentas, aplicacións e outros recursos tecnolóxicos que lles axuden a propiciar unha navegación máis segura.
Ao alumnado que desenvolvese o programa de forma satisfactoria e supere o test final de coñecementos fáiselle entrega do carné de Ciberexpert@.
Os centros educativos poden solicitar o programa a través do correo electrónico seguridadescolar@policia.es.