XI Encontros con escritores

Xoves 11 de decembro ás 18:30 h. no salón de actos da UNED: Xabier Puente Docampo e Marcos Calveiro.
Mar, 09/12/2014 - 12:26
XI encontros con escritores

O vindeiro xoves, 11 de decembro,  ás 18.30 no Salón de actos da UNED da Coruña terá lugar unha nova sesión da actividade "A creación literaria e os seus autores: XI Encontros con escritores". Este día contaremos coa presenza como autores invitados dos escritores XABIER PUENTE DOCAMPO e MARCOS CALVEIRO.

Organiza estes encontros o CENTRO DE FORMACIÓN E RECURSOS DA CORUÑA baixo a coordinación de Javier Pintor. Intervén como interlocutor na mesa de debate, Xabier Seoane, recoñecido autor galego. Estas xornadas pretenden propiciar un diálogo literario e cultural con algúns dos autores máis relevantes do momento presente. Ademais de comentar textos, aproveitase a proximidade dos escritores para establecer vías de diálogo e pontes de debate, tanto sobre as súas obras como sobre aspectos culturais da actualidade dentro dun ambiente distendido e participativo. 

Emitiremos a sesión por videoconferencia dende o seguinte enderezo:

http://www.intecca.uned.es/portalavip/directos.php?ID_Grabacion=73311&ID_Sala=119977


Xabier P. Docampo (Rábade, 1946). Mestre, actor de teatro, autor e director de guións para cine e radio. Promotor da lingua e a cultura galega, ademais de animador á lectura, sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica, pertenceu ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Escribiu libros de texto para a escola e textos de ensaio didáctico e pedagóxico. Trátase dun dos grandes renovadores da literatura infantil-xuvenil galega. Autor dunha extensa obra narrativa, ten traducidos boa parte dos seus títulos nas linguas peninsulares. As súas obras para público xuvenil e adolescente abrangue títulos tan coñecidos como : O misterio das badaladas (1986 – Xerais 2011); O país adormentado (Xerais 1993-2012); Cando petan na porta pola noite (Xerais 1994), Premio Rañolas ó mellor libro do ano, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1995), Lista de Honra do IBBY (1996); O pazo baleiro (1997, Xerais 2002);  A casa da luz (Xerais 2002); O libro das viaxes imaxinarias(Xerais 2008) Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado do Ano 2008, Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Infantil - Xuvenil), 2008 e Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil, 2008 e A illa de todas as illas, (Xerais 2013).
 
Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968), deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007). En 2007 recibiu o XVIIIº Premio Ala Delta de Literatura Infantil por O carteiro de Bagdad, novela editada en galego e castelán, que logo recibiría o Premio White Ravens en 2008. Despois, mereceu o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil 2008 por O canto dos peixes (2008), o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 e Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil, 2010 pola novela O pintor do sombreiro de malvas (Xerais 2010) e o Premio Merlín de Literatura Infantil 2012 por Palabras de auga (Xerais 2012). En 2011 publicou Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais 2011) e Centauros do norte (2011) polo que obtivo o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil 2010. Tamén é autor da tetraloxía El samurai del rey (2010-2011). Ten publicadas tamén novelas para a público adulto como son Festina lente (2008) Premio da Crítica 2008 (narrativa), Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa adultos, Autor do ano 2008 e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2009 e Setteccento (2010). Como poeta publicou Cartas do terceiro día (2007), VIIº Premio de Poesía Concello de Carral.