Convocatoria do primeiro ‘Concurso de Traballos por Proxectos’

Convocatoria do "Concurso de Traballos por Proxectos" por parte da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Dom, 16/03/2014 - 09:23
Concurso_proxectos

Esta convocatoria do primeiro ‘Concurso de Traballos por Proxectos’ enmárcase no Plan LÍA 2010-2015 (Lectura, Información, Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os centros interesados en participar deberán enviar a súa solicitude acompañada dunha pequena memoria do proxecto á Consellería, cun prazo que remata o 30 de xuño de 2014.
Este novo certame ten como obxectivo estimular, mediante o recoñecemento de boas prácticas, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinar ou de proxectos de investigación baixo a coordinación do equipo da biblioteca escolar ou co apoio desta, realizados en centros non universitarios durante o presente curso 2013/2014.
Esta  iniciativa vén apoiar propostas de proxectos interdisciplinares que favorezan o uso dos recursos informativos e a elaboración de traballos de investigación documental, e axudar ao profesorado a que desde as súas respectivas materias reforce estas aprendizaxes.
Recoñécese con esta convocatoria o papel das bibliotecas escolares no desenvolvemento das competencias básicas, nos procesos de innovación  e de mellora da calidade educativa.
A biblioteca escolar é imprescindible para o desenvolvemento das competencias; especialmente para as de tratamento da información e competencia dixital, aprender a aprender, autonomía e iniciativa persoal, cívica e cidadá, comunicación lingüística en todas as áreas.

CONVOCATORIA