Skip to Content

Blogue de admin

Certificación da Competencia Dixital

Para acceder á proba de certificación de nivel da competencia dixital ComDix Intermedio - Área 4 para alumnos e alumnas de 2º Bacharelato, pincha no seguinte enlace:

 

ENLACE Á PROBA

21 de marzo: Día da Poesía

O 21 de marzo celebramos o Día da Poesía. Na Biblioteca fixemos unha selección de títulos de poesía moi variados: poesía galega, poesía castelá, poesía estranxeira traducida, poesía para nenos e nenas, poesía para adultos, poesía clásica, poesía actual...

Pasa pola Biblioteca e bota un ollo, porque "a poesía non morde" e "ninguén morreu de ler poesía"!!

Formámonos en Ciberigualdade

O pasado venres 15 de marzo, catro alumnos de 4º ESO impartíronlle ao alumnado de 1º ESO unha charla formativa sobre os riscos que pode ocasionar un uso inapropiado das novas tecnoloxías.

Juan, Lover, Marcos e Manuel prepararon unha sesión sobre algúns dos problemas máis frecuentes asociado aos móbiles: a sextorsión ou chantaxe coa ameaza de divulgar fotos ou vídeos de contido sexual. A través dunha presentación, de material audiovisual e de exemplos coñecidos e publicados na prensa, explicaron en que consiste, cales poden ser as consecuencias, como se podería evitar e remataron dando unha serie de consellos para facer un uso responsable e seguro das novas tecnoloxías.

O alumnado de 1º ESO mostrouse moi interesado e moi participativo, comentando outros casos coñecidos e facendo preguntas ben acaídas.

Aula nas ondas: entrevista a Clara Rodríguez (2º BAC)

O pasado martes 13 de marzo o noso centro participou nunha nova edición do programa "Aula nas ondas" de Radio Líder Noia.

Os alumnos Pepa Nieto e Rubén García, de 1º ESO, entrevistaron a Clara Rodríguez, de 2º de BAC. Puidemos saber algo máis da súa práctica deportiva, o taekwondo, dos seus premios e recoñecementos e de como compaxina o deporte co estudo.

Picade na imaxe e poderedes escoitar a entrevista.

Lecturas para o 8M

Na Biblioteca fixemos unha selección de lecturas (e audiovisuais) relacionados co Día Internacionala da Muller, que conmemoramos o pasado 8 de Marzo.

Pásate por alí e escolle a túa novela, o teu cómic, a túa película, o teu disco... sobre esta temática.

Ler abre a mente!

“De min para ti”. TITORÍA ENTRE IGUAIS

Comezamos o ano 2024 e botamos a andar o proxecto “De min para ti. Titoría entre iguais”. Esta experiencia estase levando entre alumnado de 2º e 4º de ESO e constitúe unha especie de pilotaxe para desenvolver o plan de acción titorial no noso centro. O punto de partida son unhas exposicións orais que realizou o alumnado de 4º de ESO ao longo do 1º trimestre na materia de Lingua e Literatura Galega sobre temáticas relacionadas coas preocupacións e problemas que afectan a esta franxa de idade: acoso, identidade sexual, trastornos da alimentación, adiccións aos xogos de azar, redes sociais…

Dada a calidade dos traballos e a habilidade discursiva das nosas mozas e mozos, as titoras de 2º de ESO pensamos que sería unha oportunidade fantástica para que compartisen esta información cos niveis inferiores. Por outra banda, o feito de que sexan compañeiras e compañeiros os protagonistas destas charlas favorece unha maior atención e mellor acollida por parte do alumnado que as recibe.

Así que comezamos xaneiro con Martiño Saa que lle falou ao alumnado de 2º do perigo dos xogos de azar online e con Naiala Santos que tratou o tema das redes sociais.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut