Saltar navegación.
Inicio

Xornada de convivencia en galego co CPI de Baralla

Baralla 

O pasado 30 de abril o noso alumnado de 3º da ESO visitou o CPI Luís Día Moreno de Baralla (Lugo), como colofón a unha serie de actividades que fomos desenvolvendo entre os dous centros. O obxectivo último foi poñer en contacto a rapazada do Val Miñor cos seus pares noutro contexto sociolingüístico diferente, para desterraren de vez moitos prexízos arredor do uso do galego entre a xente nova.

Para isto, creamos material audiovisual onde o alumnado dun e doutro centro se foron presentando. Desde o Val Miñor tamén realizamos vídeos en equipo cos lugares preferidos da comarca e, finalmente, o 30 de abril visitamos o CPI de Baralla. Lamentablemente, o tempo non acompañou e non puidemos facer parte do Roteiro Kunig do Camiño de Santiago a través da comarca. No seu lugar realizamos unha olimpíada intercentros. Despois de visitarmos a súa biblioteca xantamos xuntos no comedor do CPI para logo realizarmos unhas sesións de miniteatro con pequenas compañías con alumnado dun e doutro lugar. Aquí podedes ver moitas máis fotos das actividades.

Encantounos coñecer xente nova e tan hospitalaria. Agora quedamos á espera de recibilos o curso que vén e mostrarlles toda a beleza onde o mundo se chama Val de Miñor.