2 de abril: Día internacional do Libro Infantil e Xuvenil
Todos os 2 de abril, data do nacemento de Hans Christian Andersen, celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Este ano, baixo o lema "Suca os mares coas ás da túa imaxinación", é Xapón o pais encargado da elaboración da mensaxe e do cartel para esta efeméride. O cartel é obra de Nana Furiya e a mensaxe foi redactada por Eiko Kadono:
Sobre as ás, os contos viaxan.
Desexando sentir o latexo do teu corazón.
Son o Conto Viaxeiro. Vou voando a calquera sitio.
Unhas veces vou nas ás do vento. Outras, nas das ondas. E outras nas aliñas que ten a area. Por suposto, hai veces en que monto tamén nas ás das aves migratorias.
E, loxicamente, tamén uso as dos avións de cando en vez.
E así, preséntome diante túa, séntome ao teu carón, ábrome nun santiamén por algunha páxina e cóntoche as historias que queiras.
Gústanche as historias fantásticas, ou vanche máis as historias tristes? As de medo? As divertidas?
E se por agora non queres ningunha, pois tampouco pasa nada. Seguro que algunha vez éntranche ganas. Entón, chámasme. Non tes máis que dicir: “Conto Viaxeiro, ven aquí!”, que irei voando ao teu carón.
Mira, teño historias deste estilo.
Unha historia dunha illa que estaba farta de estar soa e aburrida, e púxose a practicar natación e ao final atopou compañía; a dunha misteriosa noite na que apareceron dúas lúas… E a historia de cando Papa Noel se perdeu, entre outras moitas.
A ver? Si, si, paréceme que estou a oír latexar o teu corazón!
Bom, bom! Bum, bum! Pumba, pumba!
Iso é que o Conto Viaxeiro se che meteu dentro e está a facer soar os sinos do teu corazón.
Seguro que a próxima vez es ti o Conto Viaxeiro e vas estar ansioso por saír de viaxe!
E así, un novo Conto Viaxeiro nacerá no mundo.
E, para finalizar, coñece ás autoras da mensaxe e do cartel:
Eiko Kadono nada en Toquio en 1935 pasóu a súa infancia no norte de Xapón, a onde foi evacuda durante a Segunda Guerra Mundial. Despois licenciouse en Literatura Inglesa pola Universidade de Waseda, Tokio, e trasladouse a Brasil, onde viviu dous anos.
En 1981 dou ao prelo a súa primeira novela infantil, aínda que foi en 1985 cando se consagróu definitivamente coa publicación de Nicky, a aprendiz de bruxa (Nocturna, 2019), sobre unha moza con habilidades máxicas que emprende un servizo de entregas a domicilio nunha cidade costeira. A novela foi adaptada ao cine e recibiu varios galardóns, entre eles o Premio Noma de Literatura Infantil e o Premio Shōgakukan de Libros Infantís, e foi incluída na Lista de Honra IBBY.
En 2018, Eiko Kadono gañou o prestixioso premio Hans Christian Andersen.
Nana Furiya nada en Toquio, ilustradora e autora de máis de setenta libros ilustrados para a rapazada. Despois de ilustrar Mekkira Mokkira Dondon, un popular libro infantil escrito por Setsuko Hasegawa, Furiya trasladouse a Eslovaquia para estudar litografía.
En 2012 organizou a exposición itinerante "De man en man", na que ilustradores de todo o mundo reflexionan sobre o papel da arte en tempos de catástrofes.
Nana Furiya gañou a Pluma de Ouro na Bienal Internacional de Ilustración de Belgrado en 1999 e foi seleccionada para os White Ravens 2021.