suxestións

Xaneiro 20

O muiñeiro ouveador
de
Arto Paasilinna

    Nunha aldea de Laponia Gunnar Huttunen é un muiñeiro que  engaiola  coas súas imitacións de animais aos rapaces e que ouvea nos momentos de tristura, facendo ladrar aos cans, e que aínda que ás veces se comporta como un tolo, é un bo traballador no seu muíño á beira do río Kemi. Moitos veciños lévanse mal con el pola súa forma de ser. Finalmente méteno nun manicomio, cando se estaba empezando a namorar dunha veciña, Sanelma Käyrämö, unha asesora agrícola, e pintando o muíño de vermello. No hospital mental atopa cun home san ingresado  que lle axuda a escapar de alí. Volve á aldea mais ten que andar fuxido polo monte para que non o volvan meter no manicomio.

    Gunnar Huttunen era fraco e ben feito. Ao camiñar daba alancadas que eran paso e medio máis grandes ca as do resto dos homes. As súas pegadas na neve semellaban as dun home normal a correr. Cando comezou a nevar fixo uns esquís tan longos que se os poñía de pé chegaban até o beirado dunha casa normal. O carreiro que abría na neve era ancho e normalmente recto, e como era un home livián podía impulsarse cos dous brazos ao mesmo tempo. Calquera que vise as marcas dos bastóns sabía ao momento que Huttunen pasara por alí.
    Ninguén puido saber de onde procedía o muiñeiro. Dicíase que podía ser de Ilmajiki, pero outros aseguraban que chegara a Peräpohola dende a provincia de Satakunta,(...)
    A vida do muiñeiro estaba marcada por longas depresións. Adoitaba quedar no medio do traballo coa mirada perdida sen ningunha razón aparente. Os seus ollos escuros brillaban tristes no fondo das cuncas. A súa mirada era penetrante pero ao mesmo tempo morriñenta, e cando miraba aos ollos de quen falaba con el, a súa ollada queimaba e facía tremer. Se un falaba con Huttunen cando se atopaba así sentía ao momento unha sensación de tristura e inquietude.
    Pero o muiñeiro non sempre estaba triste. A miúdo alporizábase de mala maneira e sen motivo. Facía bromas, ría e divertíase, e ás veces daba choutos coma un parvo coas súas longas pernas. Facía estalar os artellos dos dedos, braceaba, retorcía o pescozo e falaba xesticulando. Contaba historias fantásticas pero sen sentido, facía escarnio da xente, batíalles nas costas aos granxeiros e gabábaos sen motivo ningún, ríase deles diante dos seus fociños, chiscáballes o ollo e daba palmas.
    Cando Huttunen tiña unha tempada en que estaba de boas, os rapaces da aldea adoitaban reunirse no muíño de Suukoski para gozar das actuacións do muiñeiro. Sentaban na súa casopa, como se facía antano, e estaban de carallada e contaban chistes. Naquela penumbra relaxante e leda, entre os escuros cheiros do vello muíño, sentíanse felices e afortunados...

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer