Skip to Content

literatura infantil

2 de abril: Día internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Todos os  2 de abril, data do nacemento de Hans Christian Andersen, celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Este ano, baixo o lema "Suca os mares coas ás da túa imaxinación", é Xapón o pais  encargado da elaboración da mensaxe e do cartel para esta efeméride. O cartel é obra de Nana Furiya e a mensaxe  foi redactada por Eiko Kadono:

Sobre as ás, os contos viaxan.
Desexando sentir o latexo do teu corazón.

Son o Conto Viaxeiro. Vou voando a calquera sitio.
Unhas veces vou nas ás do vento. Outras, nas das ondas. E outras nas aliñas que ten a area. Por suposto, hai veces en que monto tamén nas ás das aves migratorias.
E, loxicamente, tamén uso as dos avións de cando en vez.
E así, preséntome diante túa, séntome ao teu carón, ábrome nun santiamén por algunha páxina e cóntoche as historias que queiras.
Gústanche as historias fantásticas, ou vanche máis as historias tristes? As de medo? As divertidas?
E se por agora non queres ningunha, pois tampouco pasa nada. Seguro que algunha vez éntranche ganas. Entón, chámasme. Non tes máis que dicir: “Conto Viaxeiro, ven aquí!”, que irei voando ao teu carón.
Mira, teño historias deste estilo.
Unha historia dunha illa que estaba farta de estar soa e aburrida, e púxose a practicar natación e ao final atopou compañía; a dunha misteriosa noite na que apareceron dúas lúas… E a historia de cando Papa Noel se perdeu, entre outras moitas.
A ver? Si, si, paréceme que estou a oír latexar o teu corazón!
Bom, bom! Bum, bum! Pumba, pumba!
Iso é que o Conto Viaxeiro se che meteu dentro e está a facer soar os sinos do teu corazón.
Seguro que a próxima vez es ti o Conto Viaxeiro e vas estar ansioso por saír de viaxe!
E así, un novo Conto Viaxeiro nacerá no mundo.

E, para finalizar, coñece ás autoras da mensaxe e do cartel:

Eiko Kadono nada en Toquio en 1935 pasóu a súa infancia no norte de Xapón, a onde foi evacuda durante a Segunda Guerra Mundial. Despois licenciouse en Literatura Inglesa pola Universidade de Waseda, Tokio, e trasladouse a Brasil, onde viviu dous anos.
En 1981 dou ao prelo  a súa primeira novela infantil, aínda que foi en 1985 cando se consagróu definitivamente coa publicación de Nicky, a aprendiz de bruxa (Nocturna, 2019), sobre unha moza con habilidades máxicas que emprende un servizo de entregas a domicilio nunha cidade costeira. A novela foi adaptada ao cine e recibiu varios galardóns, entre eles o Premio Noma de Literatura Infantil e o Premio Shōgakukan de Libros Infantís, e foi incluída na Lista de Honra IBBY.
En 2018, Eiko Kadono gañou o prestixioso premio Hans Christian Andersen.

Nana Furiya nada en Toquio, ilustradora e autora de máis de setenta libros ilustrados para a rapazada. Despois de ilustrar Mekkira Mokkira Dondon, un popular libro infantil escrito por Setsuko Hasegawa, Furiya trasladouse a Eslovaquia para estudar litografía.
En 2012 organizou a exposición itinerante "De man en man", na que ilustradores de todo o mundo reflexionan sobre o papel da arte en tempos de catástrofes.
Nana Furiya gañou a Pluma de Ouro na Bienal Internacional de Ilustración de Belgrado en 1999 e foi seleccionada para os White Ravens 2021.

Data: 
Mar, 26/03/2024 - 15:35

2 abril: Domingo de Ramos e Día da Literatura Infantil e Xuvenil

Todos os  2 de abril, data do nacemento de Hans Christian Andersen, celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Este ano é Grecia a encargada da elaboración da mensaxe e do cartel para esta efeméride. Baixo o lema "Son un libro, leme" a mensaxe  foi redactada por Vagelis Iliopoulos:

Eu son un libro.
Ti es un libro.
Todos somos libros.

A historia que conto é a miña alma
e cada libro ten a súa propia.

Se cadra non nos parecemos en nada
–hainos grandes, hainos pequenos,
hainos coloridos, outros en branco e negro,
hainos moi finos e outros moi grosos.

As nosas historias serán diferentes ou semellantes:
velaquí a nosa beleza.
Que aburrido se todos fósemos iguais!

Cada un de nós é único.
E merece ser respectado,
ser lido sen prexuízos,
ter o seu espazo, o seu andel.

Pode que constrúas unha opinión sobre min.
Pode que elixas cuestionar ou comentar o que les.

Pode que me devolvas á biblioteca,
ou talvez queiras terme preto na túa viaxe.

Pero xamais permitas que me tiren
nin que me manden cambiar de andel.
Non pidas nunca que me destrúan, nin deixes que outros o fagan.

E se un libro vai onda ti desde outro andel,
porque alguén ou algo o empurrase a iso,
faille un oco.
Ao teu lado, cabe.

Trata de sentir como se sente.
Compréndeo. Protéxeo.
Quizais esteas mañá na súa situación.

Pois ti tamén es un libro.
Todos somos libros.

                                                     Veña, dío moi alto para que se oia ben:
                                                                                                         “Son un libro, leme”

 

A tradución da mensaxe ao  galego é unha contribución de Mercedes Pacheco.

E o cartel é un deseño de Photini Stephanidi:


Coñece, para finalizar, quen son a ilustradora e o escritor:

Photini Stephanidi (Atenas, 1962). Artista e ilustradora. As súas ilustracións forman parte de máis dun centenar de publicacións, incluíndo edicións de contos populares gregos, literatura e poesía, e converteuse en especialista na creación de edicións de coleccionista. Ademais, é autora de dez libros. De entre os galardóns e recoñecementos ás súas ilustracións e gravados, cómpre destacar a Placa da Bienal de Ilustración de Bratislava (2001), o Premio Estatal de Ilustración de Grecia (2003, 2007 e 2011), a Pluma de Ouro na Bienal de Ilustradores de Belgrado (2005 e 2013) e Plaquette (2010), o premio a ilustradores que outorga a sección grega do IBBY (1995, 2005, 2011 e 2018), así como o Premio EBGE e unha mención en 2007 e 2013. Foi tamén seleccionada pola sección grega do IBBY para o Premio Hans Christian Andersen e para o Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA). Recentemente, recibiu o premio de literatura xuvenil da sección grega do IBBY (2021).

Vagelis Iliopoulos (Atenas, 1964). Escribiu o seu primeiro libro infantil en 1995 e en 1997 publicou O Trigonopsaroulis (O pequeno peixe triángulo). Este peixiño, que fala de tolerancia e comprensión, converteuse no maior heroe literario grego da actualidade. Desde entón, Vagelis escribiu numerosos libros para rapazada e mocidade. Traducíronse e publicáronse moitos deles en varios países, e recibiron galardóns como o Premio da sección grega do IBBY e o Premio Estatal de Literatura Infantil de Grecia. Os seus libros seleccionáronse para a Lista de Honra do IBBY, para os Libros Destacados para Nenos con Necesidades Especiais do IBBY e para o catálogo White Ravens da International Youth Library. A Asociación Grega para a Saúde Psicosocial da Infancia e a Adolescencia nomeouno Mensaxeiro da Saúde Mental nas Escolas. Foi nominado para o Premio Hans Christian Andersen pola sección grega do IBBY e para o Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) pola sección chipriota do IBBY. IBBY Grecia proclamouno Embaixador do Libro Infantil Grego.


Data: 
Mar, 28/03/2023 - 20:24

2 de abril: Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil

 

OS LIBROS FAN GRANDE O MÁIS PEQUENO

(mensaxe de Inese Zandere)

 As persoas tenden ao ritmo e á regularidade, do mesmo xeito que a enerxía magnética organiza as lascas de metal nun experimento de física, do mesmo xeito que unha folerpa crea cristais a partir de auga. Xa sexa nun conto de fadas ou nun poema, ás nenas e aos nenos gústalles a repetición, os refráns e os motivos universais porque poden recoñecerse unha e outra vez; danlle regularidade a un texto. O mundo adquire unha orde preciosa. Aínda me lembro cando de nena loitaba comigo mesma por defender a xustiza e a simetría, a igualdade de dereitos para a esquerda e a dereita: se tamborilaba cos dedos unha melodía sobre a mesa, contaba cantas veces debía golpear con cada dedo para que os demais non se sentisen ofendidos. Adoitaba aplaudir dando unha palmada coa man dereita sobre a esquerda, pero pensei que iso non era xusto e aprendín a facelo ao contrario, coa esquerda sobre a dereita. Por suposto, este afán instintivo de equilibrio resulta gracioso, pero o que mostra é a necesidade de evitar que o mundo chegase a ser asimétrico. Tiña a sensación de ser a única responsable de todo o seu equilibrio.

 Inese ZandereA inclinación das nenas e os nenos cara aos poemas e ás historias xorde, do mesmo modo, da súa necesidade de levar regularidade ao caos do mundo. Dende a indeterminación todo tende cara a unha orde. As cancións infantís, as cancións populares, os xogos, os contos de fadas, a poesía... son formas de existencia ritmicamente organizadas que axudan aos máis pequenos a estruturar a súa presenza no gran caos. Crean a conciencia instintiva de que a orde no mundo é posible e que todas as persoas teñen un sitio único nel. Todo flúe cara a este obxectivo: a organización rítmica do texto, as series de letras e o deseño da páxina, a impresión do libro como un todo ben estruturado. A grandeza revélase no máis pequeno e dámoslle forma nos libros infantís incluso cando non estamos pensando en Deus ou nos fractais. Un libro infantil é unha forza milagrosa que promove o enorme desexo dos pequenos e a súa capacidade de ser. Promove a súa coraxe para vivir.cartel

Nun libro, os pequenos sempre son grandes, de forma instantánea, e non só cando chegan a adultos. Un libro é un misterio no que se encontra algo que non se buscaba ou que non estaba ao alcance de ninguén. O que non poden comprender as lectoras e os lectores dunha certa idade permanece na súa conciencia como unha pegada e continúa actuando aínda cando non o entendan completamente. Un libro ilustrado pode funcionar como un cofre do tesouro de sabedoría e cultura incluso para os adultos, do mesmo xeito que as nenas e os nenos poden ler un libro destinado a adultos e atopar a súa propia historia, un indicio sobre as súas vidas incipientes. O contexto cultural modela as persoas, establecendo as bases para as impresións que chegarán no futuro, así como para as experiencias máis difíciles ás que terán que sobrevivir sen perder a súa integridade.

Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que todo, incluída a literatura infantil, é simplemente un traballo moi pesado e baleiro.

 (Traducida por Ana Luna e Antía Marante, cartel de Reinis Pêtersons)

Distribuir contido


by Dr. Radut