Skip to Content

Xaneiro 2022

Eternity de Xosé Monteagudo

        Esta novela, último premio de narrativa breve Repsol,  invítanos “a reflexionar sobre o futuro dunha sociedade que aspira á permanencia concibíndose como un inmenso arquivo dixital” (da presentación editorial).
    Dalmao, un emprendedor licenciado universitario, funda Eternity: un lugar en internet para conservar a memoria virtual dos mortos; para manter, da man das novas tecnoloxías, indelebles e perennes as pegadas daqueles que marcharon na barca de Caronte. Socios nesta empresa son  Larisa, Daniel e Héitor, outros tres enxeñeiros informáticos necesitados de alguén que domine varias linguas e saiba redactar: ese alguén é a protagonista desta novela; a esta escritora e tradutora as historias das vidas dos demais van levala a descubrir as orixes da súa propia e agochada historia.
    
… A eternidade xa non é o que era. Esta é a idea en que acreditamos firmemente todos nós…
o proxecto que se dispoñían a iniciar consistía nunha aplicación informática que levaban meses deseñando entre os catro. Algo así coma un cemiterio virtual cuxos confíns eran a propia humanidade. Nel, os familiares dos que falecían poderían depositar a historia do finado, á disposición de todo o mundo, para que a súa memoria non se perdese...
    A historia dos falecidos sería depositada na aplicación informática por algún dos seus seres queridos... xunto co certificado de defunción ou cunha necrolóxica que demostrase a morte. A súa extensión estaría dentro duns límites prefixados. Desde o intre en que o supervivente aceptase as condicións de uso, a historia pasaría a integrarse na aplicación, á disposición de todos os usuarios rexistrados. Por suposto, debería terse en conta a carencia ou a limitación nas aptitudes para contar a historia do finado por parte dos que o apreciaban. Iso requiría conxugar a vontade de perpetuar a memoria do falecido coas esixencias mínimas que había de cumprir a narración. Era o primeiro aspecto onde se precisaba o meu traballo. A min corresponderíame a corrección lingüística e de estilo das historias que recibísemos.
... miña nai semellaba cada vez máis interesada en que lle contase cousas de miña situación actual. Eu non quería crear nela unha expectativa profesional sobre o futuro que o tempo se encargase de frustrar do modo máis desapiadado, como ocorrera cos meus anteriores proxectos e traballos, pero tampouco desexaba darlle a imaxe de que non tiña nada concreto en perspectiva, así que lle falei de Eternity. Díxenlle que era unha oferta que me fixeran e que estaba a considerar. Cando lle contei as características principais do proxecto, sen concederlle maior importancia, comezou a interesarse. Entón non tiven máis remedio que explicarlle máis polo miúdo en que consistía, confesándolle todo o que me contaran Dalmao e máis os seus compañeiros. Conforme lle describía o proxecto, fun consciente de que as miñas palabras adquirían un ton levemente entusiasta. Despois de media hora falando daquel asunto, preguntoume por que non aceptaba a oferta. Díxenlle que non me ofrecía moita confianza e que non lle vía demasiado futuro. Miña nai preguntoume entón se era máis atraente o futuro que me deparaba o tipo de traballos que estaba facendo desde que rematara o posgraduado. Non sei o que lle contestei a iso, pero recordo perfectamente que a súa pregunta representou o punto inicial do camiño que me levou a considerar o proxecto de Eternity con outros ollos.
... intentei variar o máis posible as historias, con mortes en idades avanzadas e prematuras, con relatos procedentes de fillas, netos ou sobriños que sentían grande aprecio polo familiar finado, con persoas de diferente condición económica,social e profesional. A única prevención que tomei foi a de situar as súas vidas na cidade, onde calquera nome se pode inserir sen risco de que a falsidade quede ao descuberto, contrastando a lectura cos coñecementos veciñais de quen le...



page | by Dr. Radut