Eternity de Xosé Monteagudo
Esta novela, último premio de narrativa breve Repsol, invítanos “a reflexionar sobre o futuro dunha sociedade que aspira á permanencia concibíndose como un inmenso arquivo dixital” (da presentación editorial).
Dalmao, un emprendedor licenciado universitario, funda Eternity: un lugar en internet para conservar a memoria virtual dos mortos; para manter, da man das novas tecnoloxías, indelebles e perennes as pegadas daqueles que marcharon na barca de Caronte. Socios nesta empresa son Larisa, Daniel e Héitor, outros tres enxeñeiros informáticos necesitados de alguén que domine varias linguas e saiba redactar: ese alguén é a protagonista desta novela; a esta escritora e tradutora as historias das vidas dos demais van levala a descubrir as orixes da súa propia e agochada historia.
… A eternidade xa non é o que era. Esta é a idea en que acreditamos firmemente todos nós…
o proxecto que se dispoñían a iniciar consistía nunha aplicación informática que levaban meses deseñando entre os catro. Algo así coma un cemiterio virtual cuxos confíns eran a propia humanidade. Nel, os familiares dos que falecían poderían depositar a historia do finado, á disposición de todo o mundo, para que a súa memoria non se perdese...
A historia dos falecidos sería depositada na aplicación informática por algún dos seus seres queridos... xunto co certificado de defunción ou cunha necrolóxica que demostrase a morte. A súa extensión estaría dentro duns límites prefixados. Desde o intre en que o supervivente aceptase as condicións de uso, a historia pasaría a integrarse na aplicación, á disposición de todos os usuarios rexistrados. Por suposto, debería terse en conta a carencia ou a limitación nas aptitudes para contar a historia do finado por parte dos que o apreciaban. Iso requiría conxugar a vontade de perpetuar a memoria do falecido coas esixencias mínimas que había de cumprir a narración. Era o primeiro aspecto onde se precisaba o meu traballo. A min corresponderíame a corrección lingüística e de estilo das historias que recibísemos.![](/centros/iessanpaio/system/files/u19/xos%C3%A9%20monteagudo2.jpg)
... miña nai semellaba cada vez máis interesada en que lle contase cousas de miña situación actual. Eu non quería crear nela unha expectativa profesional sobre o futuro que o tempo se encargase de frustrar do modo máis desapiadado, como ocorrera cos meus anteriores proxectos e traballos, pero tampouco desexaba darlle a imaxe de que non tiña nada concreto en perspectiva, así que lle falei de Eternity. Díxenlle que era unha oferta que me fixeran e que estaba a considerar. Cando lle contei as características principais do proxecto, sen concederlle maior importancia, comezou a interesarse. Entón non tiven máis remedio que explicarlle máis polo miúdo en que consistía, confesándolle todo o que me contaran Dalmao e máis os seus compañeiros. Conforme lle describía o proxecto, fun consciente de que as miñas palabras adquirían un ton levemente entusiasta. Despois de media hora falando daquel asunto, preguntoume por que non aceptaba a oferta. Díxenlle que non me ofrecía moita confianza e que non lle vía demasiado futuro. Miña nai preguntoume entón se era máis atraente o futuro que me deparaba o tipo de traballos que estaba facendo desde que rematara o posgraduado. Non sei o que lle contestei a iso, pero recordo perfectamente que a súa pregunta representou o punto inicial do camiño que me levou a considerar o proxecto de Eternity con outros ollos.
... intentei variar o máis posible as historias, con mortes en idades avanzadas e prematuras, con relatos procedentes de fillas, netos ou sobriños que sentían grande aprecio polo familiar finado, con persoas de diferente condición económica,social e profesional. A única prevención que tomei foi a de situar as súas vidas na cidade, onde calquera nome se pode inserir sen risco de que a falsidade quede ao descuberto, contrastando a lectura cos coñecementos veciñais de quen le...