Skip to Content

Outubro 2020

48 HORAS
de
Cándido Paniagua Pousa

        Os principais protagonistas desta novela (escrita “a fume de carozo” como di Vicente Araguas) son adolescentes que están gravando un documental sobre a historia e a mitoloxía da Lagoa Antela. A busca  de Lois Figueirido, un dos adolescentes desaparecido durante a confección do traballo, mobiliza aos seus compañeiros, veciños e familiares e constitúe un dos tres alicerces desta obra, os outros dous son: un xogo do tesouro, proposto a un dos amigos do desaparecido, que facilitará a súa localización e os datos de carácter erudito e histórico-lendarios sobre a lagoa que fan tamén desta narración unha especie de libro de viaxes para percorrer esas terras ourensás.
    
    (...) Revisaron a imaxe tantas veces que entraron en bucle. De onde saía aquel rapaz? Por un intre, semellaba que se colaba entre as madeiras do chan da cabana. Non obstante, aquilo era imposible. Como alguén podía estar a darse un baño a altas horas da madrugada? Non tiña frío? Era un inconsciente. Podía aterecer e sufrir unha hipotermia. Fose quen fose era un insensato.
    Non esperaron moito tempo para mandar unha unidade e revisar o perímetro. As empresas areeiras non tiñan cámaras de vixilancia e iso dificultaba os labores. No solo non había pisadas nin marcas de vehículos que puidesen xustificar unha fuxida. Tamén inspeccionaron a cabana e intentaron levantar as madeiras, pero resultou ser unha tarefa inútil. Non había rastro de quen era aquel mozo, que facía alí, como chegara e como marchara sen ninguén decatarse.
    Ramón achegouse á auga. Axeonllouse e coas xemas dos dedos acariñou a auga. Unha xélida sensación arrepiouno. Estaba conxelada! A pel púxoselle de galiña. Quedou pensativo sen saber por onde continuar. Que quebracabezas era aquel? No horizonte, enredada nas pólas baixas dun amieiro, albiscou unha camiseta. Era verde e, lembrando a descrición que lle deran, podía ser a de Lois.
                                                                                         (...)
    -Antioquía, así é o nome desta cidade asolagada da que hoxe só sobrevive a lenda -o dron tomou un primeiro plano de Lois para proseguir cunha vista xeral da charca-. Segundo contan, a urbe foi fundada por Antíoco, un dos líderes celtas que sucumbiron á derrota contra os romanos.
    -Os seus veciños eran coñecidos en toda a contorna pola súa falta de caridade. Quizais hoxe se coñeza o planeta no universo por esta característica -Olaia tamén lle aportaba un punto acedo á locución.
    -Din os vellos que logo da conquista e posterior cristianización, Deus quixo inflixirlles un castigo, mais Xesús Cristo propúxolle redimir os máis xustos, probando a súa bondade cristiá.
    Nese intre houbo que facer un descanso. Lois botouse a rir ao ver a Santiago disfrazado de mendigo. Un grupo de rapaces interpretaba, asemade, unha recreación da lenda á que lle superpoñerían as voces dos presentadores.
    -Baixo a capa dun mendicante, foi pedindo esmola porta por porta. E sempre atopou como resposta un...



page | by Dr. Radut