Skip to Content

Abril 2020

A peste Antonina

A PANDEMIA EN TEMPO DOS ANTONINOS

A gran epidemia dos Antoninos (en referencia á dinastía homónima da que formaba parte o emperador Marco Aurelio,  unha das vítimas mortais da peste) tamén chamada de Galeno (médico cuxa intervención foi solicitada polo propio emperador) veu  desde Oriente a Occidente e  pode ser considerada una pandemia por ter afectado a moitas zonas do imperio romano.

Comprobemos o que din as fontes antigas sobre as orixes, extensión, sintomatoloxía e consecuencias desta praga.

Amiano Marcelino (s. IV p. C.) escribe que a peste enche de enfermidade e morte a todo o territorio situado entre a terra dos persas, o  Rhin e as  Galias. (Hist., XXXI. 6, 24)

Para a  Historia Augusta  o retorno de  Vero e o exército oriental tivo a fatalidade, segundo parece, de levar consigo a peste a todas as provincias por onde pasou ata que chegou a Roma (...) E din que a epidemia xurdiu en  Babilonia cando se escapou un bafo pestilente dunha arqueta de ouro do templo de Apolo, na que un soldado abrira por casualidade unha físgoa, e que desde alí enche de enfermidade e morte o reino dos partos e o orbe”(SHA., Vita Verus, VIII.1)

Un fragmento do historiador Crepereius Calpurnianus, sinala a orixe da peste en Exipto.

Para Luciano de  Samosata (Quomodo Hist. conscr. 15) en realidade a peste nace en Etiopía e, a través de Exipto, chega a Asia e  Seleucia, e logo o exército romano expandiríaa por todo o imperio.

Galeno como testemuña directa describiu os síntomas presentados polos enfermos desta maneira: ardor  inflamatorio nos ollos;  arroibamento sui generis da cavidade bucal e da lingua; aversión aos alimentos; sede  inextinguible; temperatura exterior normal, contrastando coa sensación de  febre interior; pel arroibada e húmida; tose violenta e rouca; signos de  flegmasia  laringobronquica;  fetidez  do alento;  erupcións e  fístulas, diarrea, esgotamento físico;  gangrenas parciais e separación espontánea de órganos;  perturbacións das  facultades intelectuais; delirio tranquilo ou furioso e morte  entre o sétimo e noveno día. (Methodus Medendi, XII)

 

Eugène Delacroix, Últimas palabras do emperador Marco Aurelio, óleo (1844, Museo de Belas Artes de Lyon

A imaxe máis terrible da peste ofrécea a vida de Marco Aurelio dentro da Historia  Augusta, onde se di que presentouse unha peste tan atroz que se tiñan que sacar os cadáveres da cidade en vehículos e carretas. Foi entón cando os  Antoninos sancionaron unhas leis  moi rigorosas sobre enterramentos e sepulcros, prohibindo mesmo que os particulares construísen tumbas nas súas vilas, disposición que aínda hoxe se cumpre. A peste consumiu a moitos milleiros e a moitos próceres, aos máis ilustres dos cales Antonio fixo erixir estatuas. E tan grande foi a súa bondade que celebrou funerais para as clases baixas correndo os gastos a cargo do Tesouro. (SHA, Vita  Marcus  Aurelius,  XIII, 3-6).

As últimas palabras do emperador antes de morrer resumen a virulencia da praga:

Por que me chorades e non pensades máis na peste e na morte ante a que todos caeremos? (SHA, Vita  Marcus  Aurelius,  XXVIII, 4)

Estímase que esta pandemia (que rebrotou durante dúas décadas, 165-180 p. C) causou a morte de entre tres e medio e cinco millóns de persoas en todo o imperio Romano sen facer distinción de clases sociais. Afectou tamén á economía (paralizada total ou parcialmente, incremento do prezo dos escravos) e ao exército provocando o recrutamento de escravos, gladiadores, mercenarios e incluso delincuentes:
 
... instruíu para a milicia aos escravos, como se fixo en tempo da guerra  púnica, aos que se chamou voluntarios como aos  volóns [escravos rescatados a cargo do erario público e alistados no exército]. Tamén armou aos gladiadores a quen chamou os compracentes, e fixo soldados dos bandoleiros de  Dalmacia e os  Dardanelos. (SHA,Vita Marcus Aurelius, XXI, 8)

FONTES
https://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lspost04/Ammianus/amm_re31.html

https://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lspost05/HistoriaAugusta/hia_vi05.html

http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus%3Atext%3A2008.01.0511%3Achapter%3D15%3Asection%3D22

http://cmg.bbaw.de/epubl/online/cmg_05_04_02.php?p=67

http://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lspost05/HistoriaAugusta/hia_vi04.html

http://asclepio.revistas.csic.es/index.php/asclepio/article/viewFile/215/211&a=bi&pagenumber=1&w=100

http://revistas.uned.es/index.php/ETFII/article/viewFile/13738/12424

https://scielo.conicyt.cl/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S0716-10182016000200011

https://www.despertaferro-ediciones.com/2017/brote-zombi-imperio-romano/

A peste mitolóxica de Exina

A PESTE DE EXINA NAS METAMORFOSES DE OVIDIO

O poeta latino Ovidio (43 a. C.-17 p. C.) nuns cen versos (520-613) do libro VII das súas Metamorfoses descríbenos a terrible peste (mitolóxica) que sufriu a illa de Exina.

Exina, ninfa filla do deus río Asopo, foi unha máis das moitas conquistas do donxoanesco Zeus quen a levou á illa de Enone  e doulle un fillo chamado Éaco. Este Éaco será o rei da illa que, en honor a súa nai e amante de Zeus, pasará a chamarse Exina.
Hera, a lexítima cónxuxe de Zeus, vai vingarse desta  enésima aventura extramarital do seu esposo, enviando unha terrible peste contra a illa de Exina, peste que vai ser relatada por Éaco.

Jean-Baptiste Greuze (1725 – 1805) Exina visitada por Xúpiter,  Metropolitan Museum of Art, New York


Seguindo a descrición que desta peste fai Ovidio, todo parece indicar que o poeta lera o relato que doutra peste, a de Atenas (esta real), compuxera o historiador grego Tucídides.

Resumamos, pois, algunhas das características do andazo mitolóxico que Ovidio pon en boca de Éaco.

A peste comeza provocando unha atmosfera asfixiante, as serpes coa súa pezoña contaminaron as fontes, afectou despois aos animais tanto domésticos como salvaxes, os seus cadáveres podrecían sen que aves de rapina ou famentos lobos os toquen e finalmente os miasmas atacan aos granxeiros e chegan á cidade (Ov., Metamorfoses, VII, 527-553)

… abrásanse primeiro as entrañas, e da chama oculta
é síntoma o  eritema e a respiración  ampeante; polo ardor,
áspera, incha a lingua;  reseca polo cálido alento,
móstrase a boca aberta e as  boqueadas capturan un aire pesado.
Non poden soportar leito nin roupa algunha,
senón que colocan os seus  espidos peitos sobre a terra,
e o corpo non se arrefría co chan, máis ben o chan quéntase co corpo.
E non hai quen atalle o mal, entre os propios médicos
o terrible azoute desátase , e a súa ciencia dana a quen a exercita.
Canto máis preto e con maior dedicación atende ao enfermo,
máis pronto chega a compartir a morte, e  de sandar
cando se desvaneceu a esperanza e ven na morte o fin da enfermidade,
abandónanse aos seus instintos e non se preocupan do que poida ser útil,
pois nada é útil… (ib. 554-567)

... vagando medio mortos polas rúas, mentres podían terse en pé,
podíaselles ver;  a outros chorar, tendidos na terra,
e extraviar os seus cansos ollos no supremo esforzo;
alongan os seus brazos cara ás estrelas do ceo que sobre eles penden,
e aquí e alá expiran, onde a morte os sorprende. (ib. 577-81)

... Os corpos sen vida non son conducidos como de costume
en cortexos fúnebres, pois as portas da cidade non admiten tantos cortexos:
xacen  insepultos por terra ou son arroxados sen  exequias
sobre xigantescas  piras. E xa non hai piedade,
pelexan polas  piras e arden en lumes alleos.
Non hai quen bote unha bágoa e non choradas vagan
as almas de fillos e pais, de mozos e vellos,
nin sitio para as tumbas ni árbores para o lume chegan. (ib. 606-613)
 
Éaco (ib. 614-660) que viu ao seu pobo decimado pola peste,  pide e consegue de Zeus a repoboación de Exina: as formigas converteranse nun formidable exército de hoplitas: os mirmidóns (xentilicio derivado do substantivo grego que significa “formiga”) que, máis tarde asediarán Troia e alí tamén sufrirán unha peste polo comportamento insolente de Agamenón co sacerdote de Apolo Crises, episodio do que xa falamos.

Non será por pestes... reais ou mitolóxicas!


FONTES:
http://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lsante01/Ovidius/ovi_me07.html#07
https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Jean-Baptiste_Greuze_-_Aegina_Visited_by_Jupiter,_1767-69.jpg

A peste de Agrigento

EMPÉDOCLES E A PESTE DE AGRIGENTO

Dióxenes Laercio, historiador do século III p. C., na súa obra Vidas, opinións e sentenzas dos filósofos máis ilustres, oferta unha gran contribución á historia da filosofía antiga xa que fai unha breve introdución sobre a vida e doutrinas da maioría dos filósofos gregos. Dividida en dez libros hoxe  imos ocuparnos dun fragmento do libro VIII dedicado a Pitágoras e os pitagóricos. Nel, despois do mestre, fálasenos da figura de Empédocles e dalgunhas lendas a propósito da súa peculiar biografía, é aquí onde aparecen referencias á peste de Selinunte ou Agrigento:

...τοῖς Σελινουντίοις ἐμπεσόντος λοιμοῦ διὰ τὰς ἀπὸ τοῦ παρακειμένου ποταμοῦ δυσωδίας, ὥστε καὶ αὐτοὺς φθείρεσθαι καὶ τὰς γυναῖκας δυστοκεῖν, ἐπινοῆσαι τὸν Ἐμπεδοκλέα καὶ δύο τινὰς ποταμοὺς τῶν σύνεγγυς ἐπαγαγεῖν ἰδίαις δαπάναις: καὶ καταμίξαντα γλυκῆναι τὰ ῥεύματα. οὕτω δὴ λήξαντος τοῦ λοιμοῦ καὶ τῶν Σελινουντίων εὐωχουμένων ποτὲ παρὰ τῷ ποταμῷ, ἐπιφανῆναι τὸν Ἐμπεδοκλέα: τοὺς δ᾽ ἐξαναστάντας προσκυνεῖν καὶ προσεύχεσθαι καθαπερεὶ θεῷ.

...acometendo aos  selinuntios (habitantes de Selinunte ou Agrigento, unha das cidades máis importantes da Magna Grecia, Sicilia) unha peste polo fedor dun río próximo corrompido, de modo que non só morrían, senón que tamén se lles dificultaban os partos ás mulleres, discorreu  Empédocles conducir a el a costa súa dous dos ríos máis inmediatos, con cuxa mestura se  dulcificaron as augas. Cesada a peste, e achándose os  selinuntios  facendo unha festa ás beiras do río, apareceu alí  Empédocles; e eles, levantándose, adorárono e ofrecéronlle os seus votos como a un deus. (VIII, 2, 70)

Deixando de lado o que de lendario e fantasioso poida ter o relato, hai un fondo histórico. Durante o asedio de Agrigento, o xeneral cartaxinés Aníbal Magón (non confundir con Aníbal Barca) e moitos dos seus soldados pereceron por mor dunha peste, corría o ano 406 a. C.

Unha vez máis confírmase que guerra e peste son, de xeito habitual, aliadas.

FONTES:

http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus%3Atext%3A1999.01.0257%3Abook%3D8%3Achapter%3D2     

https://www.biografiasyvidas.com/biografia/e/fotos/empedocles_1.jpg

A peste de Siracusa

Diodoro Sículo ou de Sicilia (s. I a. C.) fálanos, no libro XIV (70, 71 e 76) da súa Bibliotheca Historica, da peste que azoutou ao exército cartaxinés cando asediaba a cidade de Siracusa. 

Esta peste, bautizada como de Siracusa, tivo lugar no ano 396 a. C. 

A enfermidade expandiuse rapidamente entre os soldades cartaxineses e calcúlase que matou unhas cento cincuenta mil  persoas.

O mal comezaba con síntomas respiratorios, febre,  tumefacción do pescozo e dores nos costados. Logo sobreviñan  disenterías e  erupcións  pustulosas en todo o corpo. Os doentes morrían ao quinto ou sexto día en medio de delirios e sufrimentos atroces, con escasos ou nulos coidados médicos e abandonados dos seus que estaban temerosos de contaxiarse.

A causas desta epidemia están, por unha banda, na vinganza divina: previamente os cartaxineses saquearan o templo de Ceres e Proserpina e, sobre todo, na aglomeración de moita xente nun espazo pequeno e insalubre e na excesiva calor.

Unha vez máis, igual que aos gregos diante de Troia, a peste asediou aos asediadores, neste caso aos cartaxineses diante de Siracusa.

Pero vexamos  este episodio da peste no propio texto de Diodoro:

[70] (...) Despois…. do saqueo do templo de  Ceres e  Proserpina, o exército dos  cartaxineses sufriu unha enfermidade. Á vinganza da divindade, así manifestada, hai que agregar que miles de homes reuníronse no mesmo espazo, e que estabamos nunha tempada moi favorable ao desenvolvemento de enfermidades. Ademais, neste ano, a calor do verán foi excesiva. Este lugar parecía destinado a ser escenario de inmensas calamidades; porque xa, antes, os atenienses que estableceran o seu campamento neste terreo baixo e  pantanoso, foron decimados por enfermidades. Primeiro, antes do amencer, un calafrío, causado por un aire frío e húmido, apoderouse dos corpos, e ao mediodía a calor sufocou a esta multitude de homes amontoados nun espazo estreito.

Gaetano Giulio Zumbo (1656-1701), La peste

[71] A enfermidade afectou primeiro os libios, moitos dos cales morreron. Ao principio, enterraron os seus cadáveres; pero pronto, debido ao número de mortos, e sendo atacados pola enfermidade os propios coidadores, ninguén se atreveu a achegarse máis aos doentes. Cesando a axuda médica, a praga quedou sen remedio. O fedor dos corpos  insepultos e a  putrefacción das marismas, primeiro causou un fluxo  catarral que foi seguido por tumores no pescozo; pronto apareceron febres, dores nos tendóns das costas e  gravidez nas pernas. Estes síntomas foron seguidos por  disentería e  pústulas en toda a superficie do corpo. Esta era a enfermidade que atacara á maioría dos  cartaxineses. Algúns sufriron ataques de tolemia e perderon por completo a súa memoria; Fóra de si, deambularon polo campamento e golpearon aos que atoparon. Finalmente, a gravidade da peste e a rapidez da morte fixeron inútil a axuda dos médicos; os enfermos morreron o quinto ou máis a miúdo o sexto día, experimentando dores tan insoportables que consideraron felices aos que pereceran na loita. Como o mal gañara a quen coidaba aos enfermos, foron abandonados para a súa desgraza, ninguén quería quedar con eles. Por tanto, non só os parentes abandonáronse entre si, senón que os irmáns  aos irmáns, os amigos aos seus íntimos deixáronos perecer, por temor a verse afectados polo contaxio. (Diodoro Sículo, Bibliotheca Historica, XIV, 70-71)

[76] Tal foi o cambio de fortuna experimentado polos cartaxineses; Foi un exemplo para os homes que aqueles que se elevan demasiado poden caer rapidamente moi baixo. De feito, os cartaxineses, donos de case todas as cidades de Sicilia, coa excepción de Siracusa, despois de aspirar a apoderarse desta última, pronto tiveron que temer pola súa propia patria. Eles que violaron as tumbas dos siracusanos, tiveron que ver, amontoados e insepultos, cento cincuenta mil cadáveres, vítimas da peste. (ib. 76)

 

CRÉDITOS:

http://remacle.org/bloodwolf/historiens/diodore/livre14a.htm

https://www.lahornacina.com/curiosidadesdifuntos27.htm

https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/1/1d/Diodoro_siculo_-_storico_di_Agira.jpg

A peste tebana

O EDIPO REI DE SÓFOCLES

E A PESTE DE TEBAS


Se na anterior entrada falamos da peste que daba comezo ao poema épico Ilíada, agora faremos referencia a peste coa que Sófocles inicia a súa traxedia Edipo Rei, baseada no chamado ciclo tebano.

Xa coñecemos a historia: Edipo converteuse en rei de Tebas ao mesmo tempo que, sen sabelo, cumpría a profecía de que mataría ao seu pai, Laio (o rei precedente), e casaría coa súa nai, Iocasta (a quen Edipo tomou por raíña despois de resolver o enigma da Esfinxe).

A traxedia sofóclea comeza cando os infortunados tebanos, que están a padecer unha terrible peste, acoden suplicantes diante do seu rei: 

A cidade, como ti mesmo podes ver, está xa demasiado axitada e non é capaz aínda de levantar a cabeza das profundidades pola sanguenta sacudida. Debilítase nas plantas frutíferas da terra, nos rabaños de bois que pacen e nos partos infecundos das mulleres. Ademais, a divindade que produce a peste, precipitándose, aflixe á cidade. Odiosa epidemia, baixo cuxos efectos está despoboada a morada Cadmea, mentres o negro Hades enriquécese entre suspiros e queixumes. (Edipo Rei, 22-30)


...Se xa anteriormente, en socorro dunha desgraza sufrida pola cidade, conseguistes arroxar do lugar o ardor da praga, presentádevos tamén agora.
 Ai de min! Soporto dores sen conto. Todo o meu pobo está enfermo e non existe a arma da reflexión coa que un se poida defender. Nin crecen os froitos da nobre terra nin as mulleres teñen que soportar  queixosos esforzos nos seus partos. E un tras outro, cal rápido paxaro, podes ver que se precipitan, con máis forza que o lume irresistible, cara á costa do deus das sombras. 
A poboación perece en número incontable. Os seus fillos, abandonados, xacen no chan, portadores de morte, sen obter ningunha compaixón. Namentres, esposas e, tamén, encanecidas nais  xemen por todas as partes nas bancadas dos templos, en actitude de  suplicantes, por mor das súas tristes desgrazas. (ib. 165-185)

Edipo, que quere salvar á cidade da peste, proponse investigar cal é a causa que a provoca. Creonte, o seu cuñado, encamíñase cara a Delfos para consultar ao oráculo de Apolo. E a Pitonisa dille que a peste é o resultado dunha contaminación relixiosa, pois o asasino do anterior rei, Laio, non foi atrapado: o seu sangue derramado ameaza con dar morte a todos os habitantes da cidade ata que se execute ou exilie ao culpable. Compre descubrilo. Edipo ponse mans á obra.  O  cego pero clarividente adiviño Tiresias  proclama:

afirmo que ti es o asasino do home acerca do cal están a investigar. (ib. 362)

Edipo pensa que hai unha confabulación contra el promovida por Creonte e Tiresias. Iocasta, esposa actual de Edipo e anterior de Laio, trata de mediar e acalmar a Edipo pero, ao longo da traxedia, todo se vai aclarando,  as pezas do quebracabezas van encaixando, o enigma resólvese e a terrible realidade faise evidente: Edipo é o asasino do seu pai Laio e está casado coa súa nai Iocasta. Esta suicídase colgándose e Edipo, arrepiado polo parricidio e o incesto, cégase a si mesmo porque non pode permitirse ver, despois dos seus crimes, aos seus pais no inferno, aos fillos, nin ao pobo de Tebas. E marchará camiño do exilio.

 Charles François Jalabeat (1819-1901), La peste de Tebas, Museo de Belas Artes, Marsella

A obra remata con estas concluíntes verbas:

Oh habitantes da miña patria, Tebas, mirade: velaquí a  Edipo, o que solucionou os famosos enigmas e foi home  moi poderoso; aquel ao que os cidadáns miraban con envexa polo seu destino! En que cúmulo de terribles desgrazas veu a parar! De modo que ningún mortal pode considerar a ninguén feliz coa mira posta no último día, ata que chegue ao termo da súa vida sen sufrir nada doloroso. (ib. 1524-30)

A mentalidade popular grega consideraba que na propagación das pragas interviñan as divindades, como castigo por algún crime ou insolencia realizada contra o lóxico funcionamento da orde natural  E o remate da epidemia, só pode producirse cando o dano se repare mediante o castigo, non hai lugar lugar para a misericordia e o perdón. Por iso a peste só abandonará Tebas cando o culpable Edipo sexa desterrado.

FONTES:
http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus%3atext%3a1999.01.0191

Homero e a peste

Tras a cidade de Troia escóndese todo o noso mundo. O sol, o coñecemento, a beleza e a dor de ser humanos. Nos heroes gregos aprendemos o valor da vida, a tenrura, a compaixón. Cada un deles albergaba o medo, como nós gardámolo. A peste que os rodeaba é o mesmo virus que nos confina na casa estes días. Ambos compartimos a esperanza dun mundo mellor tras as murallas de Troia.
José María Pérez-Muelas Alcázar
    https://www.laopiniondemurcia.es/cultura-sociedad/2020/03/16/iliada-homero-peste-aquiles/1099703.html

  Un dos primeiros poemas épicos comeza dun xeito pouco épico:  o exército acampado fronte a Troia está sendo arrasado pola peste, miles de guerreiros confinados esperan pacientemente que un deus se  apiade deles.  Despois de dez anos de asedio a Troia, os asediadores están sendo asediados pola enfermidade.

O primeiro canto da Ilíada, una das obras primixenias da literatura grega, fala da xenreira de Aquiles e do andazo que os gregos están a sufrir diante das murallas da asediada Troia.


E xa que estamos en tempos de pandemia, imos lembrar este andazo a medio camiño entre a realidade histórica da guerra troiana e a fantasía literaria homérica.

É Apolo, fillo de Leto e de Zeus, o que irritado contra Agamenón, xefe da expedición grega, provoca o maligno andazo e a conseguinte mortalidade  entre os guerreiros aqueos. A vinganza do deus débese a que o seu sacerdote Crises foi ultraxado por Agamenón en cuxo poder está Criseida, a filla do sacerdote apolíneo. O pai, cos atributos sacerdotais, achégase, suplicante, ao campamento aqueo para rescatar a súa filla:

Atridas e demais aqueos de fermosas grebas,
a vós os deuses que habitan as moradas olímpicas vos concedan
arrasardes a cidade de Príamo e felizmente voltardes ás vosas casas
mais a min liberádeme a querida filla e recibide o rescate,
reverenciando ao fillo de Zeus, o frechador Apolo. (Il. I, 17-21)

Todos están dispostos a  atender ao suplicante sacerdote agás Agamenón que o despacha de malas maneiras:

Que non te atope eu, vello, ao pé das cóncavas naves,
nin hoxe deténdote nin despois volvendo de novo,
non sexa que para nada che sirvan o cetro e as ínfulas do deus;
eu non a soltarei [a Criseida], antes lle chegará a vellez
no noso fogar, en Argos, lonxe da súa patria,
manexando o meu tear e o meu leito compartindo;
mais vaite! Non me enfades máis se queres volver san e salvo. (ib. 26-32)

Stanisław Wyspiański, Apolo disparando frechas infectadas coa peste no campamento grego

Crises marcha mais pídelle a Apolo:

que paguen os dánaos as miñas bágoas coas túas frechas (ib. 42)

O deus non fai oídos xordos á petición do seu sacerdote e:

[Apolo] sentouse logo preto das naves e en seguida a súa frecha disparou,
un terrible estalido saíu dos arxénteo arco:
de primeiro atacaba aos machos e aos cans lixeiros,
mais, despois, contra eles mesmos, a frecha aguda lanzando,
disparaba; e sen interrupción, numerosas  piras de cadáveres ardían. (ib. 48-52)

Despois de soportar esta situación durante nove días, ao décimo Aquiles convoca unha asemblea para que un adiviño aclare o motivo do enfado de Apolo e se o deus, mediante un sacrificio propiciatorio, estaría en disposición de apartar o andazo do exército grego.

Calcante, o adiviño, coa protección de Aquiles, anuncia o motivo da xenreira do deus: a ofensa que Agamenón infrinxiu a Crises ao non devolverlle  á filla:

por iso dores nos deu o frechador  e aínda máis nos dará,
nin el antes  apartará  dos dánaos o vergoñoso azoute
antes de que ao seu pai se devolva a filla de ollos vivos,
sen prezo, sen pago de rescate e fagamos unha sagrada hecatombe
en Crisa; entón talvez, aplacándoo, poderiamos convencelo. (ib. 96-100)

Agamenón, moi ao seu pesar, acepta porque:

eu quero que a tropa estea san e salva e non que pereza. (ib. 117)

pero buscará resarcimento colléndolle a Aquiles a súa escrava Briseida o que vai provocar a xenreira deste e a retirada da súa participación activa na guerra.

Será Odiseo o encargado de devolver a Criseida e ofrecer, en nome dos demais gregos, unha hecatombe a Apolo.

O pai sacerdote acolle a súa filla e prega ao deus:

agora aparta xa dos dánaos o ignominioso azoute.  (ib. 456)

Así rematou para os gregos aquela peste, antecedente homérico mutatis mutandis da actual pandemia do COVID-19.

CRÉDITOS:
http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus:text:1999.01.0133

https://museodiocesano.es/2011/01/27/san-sebastian-en-el-museo/stanislaw-wyspianski-apolo-disparando-flechas-infectadas-con-la-peste-en-el-campamento-griego/

Do COVID-19 á Peste de Atenas

DO COVID-19 Á PESTE DO 430 A. C. EN ATENAS

   

Na primavera do 430 a. C. comezou en Atenas unha terrible peste que, sendo diferente, provocou unha situación relativamente similar á que estamos a vivir, vinte e cinco séculos despois, no mundo actual por mor do chamado coronavirus;  nihil  novum  sub  sole.

    O historiador  Tucídides narra nuns poucos  capítulos do libro II da súa Historia da Guerra do  Peloponeso  un  episodio  do que foi testemuña  e  padeceu  en  primeira persoa: a epidemia que, entre os anos 430-426 a.  C.,  segou en Atenas  a vida a un terzo das persoas que se acubillaban tras os seus muros, protexéndose da guerra. Segundo  conta   Tucídides  de 29.000  hoplitas  (soldados  de infantería  pesada) morreron 4.400 e de 12.000 soldados de cabalería morreron 3.000. O mesmo  Pericles (495 a.  C.-429 a.  C.) foi unha das vítimas mortais desta peste. Case podemos dicir que Atenas foi derrotada, máis que polo poder militar dos  espartanos e os seus aliados,  pola  forza destrutora dunha bacteria.

     Tucídides intúe no seu texto os conceptos de contaxio e inmunidade narrando de maneira obxectiva os signos e síntomas que observou.

    Os síntomas son: calor de cabeza,  arroibamento de ollos, respiración irregular, alento  fétido, inflamación,  farinxe e lingua inxectadas, esbirros e  rouquén. Posteriormente  o mal baixa ao peito, manifestase mediante tose violenta, logo fíxase no estómago, revolvéndoo provocando vómitos con  secrecións de  bile, arcadas sen vómito e  espasmos. Finalmente o mal ataca a todo o corpo pero non causa a súa prostración, ao contrario, manteno activo, mesmo de noite pois provoca insomnio. O organismo, por fóra, está moi quente e avermellado, con pequenas bochas e  úlceras. Por dentro arde e nota moita sede, por iso os doentes espíanse e tirábanse aos pozos.

    Os enfermos, conscientes do seu destino, caían no desánimo e a desesperanza para, en sete ou nove días morrer. Os tratamentos habituais resultaban ineficaces fronte ao mal. Incluso moitos médicos morrían ao atender aos doentes.

    O contaxio, favorecido polo amoreamento da poboación,  consecuencia do traslado á cidade das xentes do campo debido á guerra,  facilitaba a expansión da enfermidade.

    Incapaces e imposibilitados de facer fronte ao mal, os atenienses vivían nunha certa relaxación moral, buscaban o pracer inmediato ante a incerteza do futuro e o efémero da existencia.

    A pesar de todo, houbo superviventes á enfermidade, como o propio historiador  Tucídides, e estes volvíanse inmunes pois o mal non atacaba por segunda vez á  mesma persoa.

Michael Sweerts (1618-64), Praga nunha cidade antiga

    Para xustificar a orixe da peste acudíase a todo tipo de argumentos: relixiosos (vinganza divina froito da  impiedade humana, predicións  dos oráculos...), naturais (para  Tucídides trátase dun fenómeno natural imprevisto) ou morais lato  sensu: no argumento anónimo ao discurso  Busiris do orador  Isócrates, datado entre o 391 e o 385 a.  C.,  dise:

Porque  tamén eles [os Atenienses] máis tarde,  cambiando  de opinión, pensaron  que actuaron  de xeito impío  ao  votar contra  Sócrates e logo foron  castigados  coa peste  que  caeu  sobre  eles  por mor da morte de Sócrates.

argumento este último que peca dunha total  anacronía tendo en conta que a peste  de Atenas dátase nos anos 430-426  a.   C.,  mentres que o  proceso,  condena á morte e execución  de  Sócrates foi no 399  a. C.

FONTES:

http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Thuc.+2&fromdoc=Perseus%3Atext%3A1999.01.0199  (sobre todo capítulos 47 a 54)

http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus%3atext%3a1999.01.0143%3aspeech%3d11

https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Thucydides_pushkin01.jpg

A grandes males, grandes remedios

Para visualizar os contidos preme no título


Castelao e a gripe do 1918

É un tópico falar do Castelao médico por obrigación máis que por devoción: Fíxenme médico por amor a meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade.


Castelao si exerceu de médico antes de opositar a funcionario de estatística e levado da súa bonhomía e humanidade moitas veces sufragaba cos seus cartos os medicamentos que os doentes pobres non podían pagar. Pero ademais, sendo xa funcionario na delegación de Estatística de Pontevedra e profesor de debuxo no instituto e na Escola Normal de mestras, chega a peste de gripe do 1918 e Castelao axuda como médico a algúns coñecidos de Pontevedra. É cando recibe carta da súa vila natal: en Rianxo hai dous médicos contaxiados e piden a súa axuda. Contesta ao seu interlocutor:


A min dácheme unha lástima moi grande esa pobre xente de Rianxo a que deixan morrer como porcos anque dimpois viranlle a cobrar como homes... teño un pouco de remordimento de conciencia se non vou ahí... so cun permiso pra abandonar o meu destino podo salir deiquí.


A mediados de outubro Castelao solicita  e outórganlle autorización para axudar como médico en Rianxo. O secretario do concello intenta pórlle trabas burocráticas ao que el contesta:


Eu quero facer constar que desde este intre empezo a traballar como médico do meu pobo e sae do concello para atender aos doentes cuxos familiares estaban a agardalo polas rúas.


Naquelas xornadas de pandemia, de necesaria desinfección, de tribulación e rogativas, de loito, naquel tempo de permanente toque a morto mentres o virus entra pola boca, nariz e ollos, Castelao e  Moure, o outro médico dispoñíbel, reparten o territorio. Castelao ocuparase de Leiro, Isorna e a capital municipal:


Trataba ós enfermos con cariño de irmán; entraba e salía nas casas con cara risoña: pra todos tiña verbas e recordos de neno ou de mozo; os encamados recobraban a confianza como si recibisen unha gran inieución de optimismo. (Lois Peña Novo)


A mediados de novembro, Castelao reintégrase ao seu traballo en Pontevedra pero non esquece aos seus doentes rianxeiros:


escribíalle acotío desde Pontevedra, interesándose por algún caso grave, fóra do alcance da súa ciencia... foi para nós un gran médico, que nos fixo un señalado servicio.


Os veciños e a prensa local recoñeceron a súa entrega:


¡Viva, viva don Mariano [o pai],
que lle temos que querer,
que nos mandou vir o fillo
e nos librou de morrer!


mentres o concello limítase a agradecerlle os seus servizos, sen recompensalo económicamente.


Hoxe tamén nós, ao tempo que aplaudimos a todo o persoal sanitario que, en vangarda, está a loitar co coronavirus, queremos aplaudir ao médico Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, médico do corpo (no seus primeiros anos e durante a mortífera gripe do 1918)  e médico da alma de Galicia e dos galegos como escritor, como caricaturista, como pintor, como pai da patria.

Diario dunha viaxe que non foi

viaxe virtual

 

 



by Dr. Radut