Skip to Content

Abril 2020

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

FAME DE PALABRAS


    A finais do mes de abril, ou a comezos de maio, no meu país reverdecen os arbustos. Ao pouco tempo, as crisálidas das bolboretas prenden neles. Locen coma boliñas de algodón, mais as eirugas devoran folla tras folla ata que os arbustos perden o seu verde por completo. Cando as bolboretas saen das súas crisálidas botan a voar; pero malia todo, os arbustos non quedan arruinados: dentro dun ano volverán agromar, e así unha e outra vez.


    Esta é a imaxe dunha escritora, a imaxe dun poeta: os contos e os poemas aliméntanse deles, ríllanos, https://www.miszalozba.com/en/authors/peter-svetina/esgótanos... E cando xa están escritos, saen voando para acabaren nos libros, para aterraren nos oídos daqueles que os escoitan. E isto non deixa de repetirse nunca...


    E que ocorre cos poemas e cos contos?


    Coñezo un rapaz ao que operaron dos ollos. Logo da intervención tivo que estar dúas semanas deitado sobre o seu costado dereito; e despois, durante un mes máis, non puido ler. Non puido ler nada. Cando, tras un mes e medio de repouso, volveu coller un libro, tivo a sensación de estar arramplando coas palabras a eito dunha tarteira. Como se as comese, como se as comese de verdade.


    E coñezo unha rapaza que agora é mestra, e que dixo: “Pobres daqueles nenos aos que os seus pais non lles lían libros!”


    As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago con elas. Son alimento para o espírito e para a alma.


    Cando alguén ten fame e sede, o seu estómago encóllese e sécaselle a boca. Busca encontrar cando menos un codeliño de pan, unha cunca de arroz, un peixe ou unha froita. Canta máis fame, tanto máis se lle estreita a mirada, ata que xa non ve máis ca un bocado ou un grolo que o deixarían farto.


    Pero a fame de palabras non se presenta deste xeito, senón que toma forma de abatemento, de apatía, de arrogancia. A xente que sofre deste tipo de fame non é consciente de que na súa alma reina o frío, non se decata de que está a pasar a carón de si mesma e non se ve. Unha parte do mundo váiselle das mans sen sequera notalo.


    Esta fame unicamente poden saciala os poemas e os contos.


    Se nunca o fixemos, existe a esperanza de que poidamos acalmar este tipo de fame?


    Si. Aquel mozo le, raro é o día en que non o fai. E a moza que é mestra le contos para o seu alumnado. Cada venres. Cada semana.


    E se algunha vez lle esquece, son as nenas e os nenos quen llo lembran.


    E a escritora? E o poeta? Ao ano seguinte, reverdecerán. E volverán roelos os contos e os poemas que logo, transformados en bolboretas, botarán a voar. Unha e outra vez.


(Autor: Peter Svetina, tradutor:Héctor Cajaraville)

Escolma de LIX para o 2 de abril

En abril e con corentena, lecturas mil.

portada

1 de abril: Día das Artes Galegas

Hoxe, en plena corentena, non esquecemos que é o Día das Artes Galegas. O homenaxeado este ano é o arquitecto, entallador ecartel retablista Domingo Antonio de Andrade; moitas das súas obras, espalladas pola xeografía galega, podemos contemplalas en Oseira, Lugo, Ourense ou Compostela. Mais tamén a episcopal Tui bebeu do seu maxisteiro.

Corría o último terzo do século XVII é a igrexa conventual das monxas clarisas, construída nos terreos dos antigos pazos do bispo, inmediatos ao templo de Santa María da Oliveira, ameazaba ruína. Proxéctase, pois, a erección dunha nova igrexa da que se encargarán os canteiros Benito de Pintos (de Marcón, parroquia próxima a Pontevedra) e Manuel González (de Santa Cristina de Cobres, Vilaboa) e o entallador Esteban Cendón (de Pontevedra) seguindo -e aquí ven a conto o arquitecto ceense hoxe lembrado- unha traza de Domingo Antonio de Andrade. Por iso, o noso cartel para esta conmemoración presenta unha vista interior de esa construción que se el non dirixiu de xeito persoal si alentou e inspirou.

E rematamos cunha curiosa faceta deste singular arquitecto no seu papel de asesor político-militar ao servizo de Ginés Fernández Ruiz de Castro, XI Conde de Lemos. Nunha carta secreta explícalle a fórmula para a fabricación de bombas que "co que se lles pon dentro, causan peste". Esta incipiente bomba bactereolóxica debería elaborarse da seguinte maneira: "O primeiro cóllense sapos, píntegas, cobras e víboras (en proporción á cantidade que se queira facer) que se han de botar nunha pota e ben tapadas cun testo ben pechado por todas partes, coa finalidade de que non salga fume. Póñense nun forno a lume lento para que se fagan pos, e que non perdan con demasiado lume o que teñen da súa natureza e despois axitánse eses pos sen destapalos". Con este material cargaríase a bomba que se lanzaría "contra mouros e herexes" para causar a peste. Noutra misiva, hoxe perdida, informaba dunha posible vacina para neutralizar os efectos perniciosos desta bomba, rudimentario antecedente das armas químico-bacteriolóxicas. Este arquitecto barroco sería quen de atopar un antídoto contra o COVID-19?

Fontes: 

http://dbe.rah.es/biografias/14729/domingo-antonio-lopez-de-andrade

https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/tui-mantiene-muy-viva-la-huella-del-franciscanismo/idEdicion-2015-01-04/idNoticia-908902

https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/gallego-ideo-guerra-quimica/idEdicion-2009-10-04/idNoticia-473688/

 

 



by Dr. Radut