STEMbach

STEMBACH BIENIO 2023-2025

 

Se tes pensado comezar o Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía no IES Primeiro de Marzo neste vindeiro curso 2023-24, esta información pode resultarche moi interesante.

Nos últimos dous anos, tense desenvolvido en moitos centros da contorna o “Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía”, tamén coñecido como STEMbach. No vindeiro curso 2023-24, ti tamén terás a oportunidade de sumarte a este proxecto no noso centro.

 

En que consiste o STEMbach?

Trátase de desenvolver, ao longo dos dous cursos do bacharelato e de xeito complementario ás materias ordinarias, un proxecto de investigación guiado polo profesorado dos departamentos de Física e Química e  Bioloxía e Xeoloxía en colaboración coa Universidade de Vigo.

As actividades que realizaremos neste proxecto de investigación serán eminentemente prácticas: tomar medidas, traballar con datos, realizar cálculos e representacións empregando aplicacións informáticas e extraer conclusións científicas a partir dos resultados. Ademais, realizaremos saídas complementarias e visitas aos laboratorios da Universidade de Vigo, de xeito que poidas experimentar por ti mesmo como se traballa en ciencia e tecnoloxía na actualidade.

 

En que consiste o proxecto de investigación?

O proxecto de investigación é un traballo científico que pretende iniciar o alumnado na investigación, favorecendo o pensamento crítico e creativo e a capacidade de reflexión.

Os proxectos son propostos dende as facultades de ciencias coas que colaboramos (Facultade de Química, Bioloxía e Ciencias do Mar), a través dos respectivos coordinadores.

O proxecto que finalmente leves a cabo, será dirixido por un docente dun departamento universitario e titorizado por profesorado que imparta a materia de afondamento STEM do centro.

Que me aporta cursar o STEMbach?

Trátase dunha excelente oportunidade para que melloredes as vosas destrezas en Ciencia e Tecnoloxía. Ademais, o feito de colaborar con profesorado e persoal investigador da Universidade de Vigo facilitaravos enormemente o salto á universidade cando rematedes os vosos estudos de bacharelato. Todo isto nun contexto eminentemente práctico, no que ides aprender facendo as cousas vós mesm@s.

 

Que esforzo pola miña parte vai requirir o STEMbach?

Tamén queremos contarche esta parte para que poidas decidir con pleno coñecemento e liberdade. Durante os dous cursos de bacharelato, teremos 2 horas semanais extra, os xoves á tarde, para realizar o traballo de campo, interpretar as medicións, visitar os laboratorios da Universidade, analizar e redactar as conclusións... Queremos, iso si, que este horario sexa o máis flexible posible para vós e que non vos interfira no desenvolvemento do curso. Organizaremos sempre as tarefas contando convosco.

Ademais, ao rematar o proxecto teredes que expoñelo, explicando como levastes a cabo a investigación e cales foron as conclusións que acadastes. Este aspecto tamén nos parece moi interesante, pois a presentación e exposición de traballos está á orde do día, tanto nos estudos universitarios como nos ciclos de grao superior.

 

Que obteño a cambio cursando o STEMbach?

Ademais dunha formación práctica de grande valor para o teu futuro, tamén hai un “premio” adicional. Todos aqueles alumnos e alumnas que realicen e superen o STEMbach terán unha mención e un certificado no seu expediente académico de Bacharelato.

 

Que debo facer se estou interesad@ en cursar o STEMbach?

Se vas comezar o Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía no IES Primeiro de Marzo neste próximo curso 2022-23 e queres complementar a túa formación participando no proxecto STEMbach, ponte en contacto connosco enviando un email ao seguinte enderezo de correo electrónico:

marcoslago@edu.xunta.gal

No caso de que teñamos un número suficiente de alumnas e alumnos dispostos a anotarse, enviarémosvos información máis detallada tanto a vós como ás vosas familias e formalizaredes a vosa participación cando realicedes a matriculación.

 Agardamos que te animes e te apuntes a esta aventura científica!

Un saúdo do profesorado do departamento de Física e Química  e Bioloxía e Xeoloxía do IES Primeiro de Marzo

 


LIGAZÓNS DE INTERESE:

-Resolución do  11 de maio de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se regula o bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach)

-STEMbach Universidade de Vigo. Ligazón vídeo explicativo. Exemplos proxectos: Facultade de Química . Facultade Bioloxía . Facultade de Ciencias do Mar