Skip to Content

Preinscrición CUALE 2021-2022

Un ano máis o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro vai solicitarlle á Consellería de Educación a impartición do programa CUALE – Inglés para o vindeiro curso.

Queres seguir no programa despois de facer o A2? Estás interesado/a en vir a algún dos dous cursos? Se é así, tan só tes que reservar a túa praza no formulario de preinscrición online. Tamén podes recoller o impreso en Secretaría e presentalo en papel.

Prazo: ata o 4 de xuño.

Nesta presentación atoparás toda a información sobre esta iniciativa. 

Matrícula na ABAU 2021

O alumnado de 2º de bacharelato coñecerá oficialmente os seus resultados académicos o día 18 de maio de 2021 a través de Abalar (hora de publicación: 18.00). As xestións necesarias para formalizar a matrícula na ABAU 2021 terán que resolverse entre o 20 e o 24 de maio. Ofrecémosche unhas indicacións para que todo che resulte máis doado: 

1. Pagamento das taxas do título de Bacharelato. Para este trámite utilizarás un documento que estará dispoñible na Secretaría do centro. Dispós dun modelo xa cuberto aquí, que poderás usar como referencia. Despois terás que levalo a unha entidade bancaria e farás o pagamento. A entidade quedará coa copia que lle corresponde, ti con outra e a terceira traerala ao centro. No caso de que teñas dereito a redución por familia numerosa, deberás traer tamén o documento que o acredite. 

2. Pagamento das taxas da ABAU. Poderás recoller o documento en Secretaría ou utilizar a versión electrónica [aquí]. O pagamento realizaralo seguindo o procedemento indicado no punto anterior. 

3. Impreso de prematrícula na ABAU. Poderás recollelo na Secretaría do centro ou utilizar a versión electrónica [aquí].

4. Entrega no centro dos tres documentos anteriores: a folla das taxas do título, a copia do pagamento das taxas da ABAU e o impreso de prematrícula. 

5. O prazo oficial para realizar todas estas xestións rematará o 24 de maio (ás 13.00 h). De todas formas, é moi importante que resolvas o teu trámite antes desta data para evitar os típicos problemas e imprevistos de última hora.

Unha vez confirmada a matrícula, recibirás no teu correo electrónico o código que necesitarás para ter acceso a NERTA, a aplicación informática na que realizarás todas as xestións relacionadas coa ABAU e a solicitude de preinscrición en titulacións con límite de prazas do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Resumo de ligazóns de interese:

Premiado un vídeo do alumnado de 4º ESO

O traballo titulado Informática ten nome de muller acaba de recibir unha mención especial e premio de 200 € no I Concurso de Vídeos INFORMATÍZATE, organizado pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) xunto co Departamento de Electrónica e Computación (DEC). O concurso tiña por obxecto promover a divulgación das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), ao mesmo tempo que contribuir ao cambio dos estereotipos sociais que asocian o traballo en TIC co xénero masculino, utilizando o galego como medio de transmisión do coñecemento, e estimulando a creatividade do estudantado cos medios audiovisuais.

Premios extraordinarios BAC 2021

Publicada a Orde do 9 de abril de 2021 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2020/21 (código de procedemento ED311A).

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 27 de abril de 2021 e rematará o día 26 de maio de 2021.

Máis información no espazo web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Enquisa de diagnose da convivencia 2021

A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional comunicou que vai poñer en marcha a  III macroenquisa de diagnose da convivencia 2021, unha sondaxe que ten por finalidade coñecer a opinión dos distintos colectivos (profesorado, alumnado, persoal non docente e familias).

A devandita enquisa realizarase mediante unha ferramenta informática en liña, de xeito automatizado e totalmente anónimo. Este cuestionario estará dispoñible durante un prazo comprendido entre os días 12 e 29 de abril de 2021.

O alumnado poderá cubrir o cuestionario nas aulas de informática do centro ao longo das vindeiras semanas. En canto ás familias, anunciámoslles que a partir do día 12 de abril recibirán a través dos seus fillos/as un documento no que se lles comunica o enderezo web da aplicación e a súa clave de acceso individualizada.

Máis información: https://www.edu.xunta.gal/portal/enquisa_convivencia_2021

Elena Colmeiro

A comunidade educativa do IES Pintor Colmeiro lamenta fondamente o pasamento de Elena Colmeiro, persoa moi querida tanto pola súa vinculación afectiva como polo seu labor artístico na destacada faceta de ceramista. Elena estivo moi vencellada á historia do noso centro de ensino dende os albores do mesmo. A súa presencia en diversas ocasións, caso do acto de nomeamento do instituto co nome do seu pai ou a inauguración da pirámide central, sempre foi relevante e significativa, aínda a pesar da súa delicada saúde e a súa lonxana residencia madrileña. Asemade, e como mostra da súa gran xenerosidade, costeou iniciativas como a instalación dun forno profesional de cerámica, doando a maiores dúas obras orixinais do seu pai Manuel Colmeiro.

A fotografía foi tomada en xaneiro de 2002 e recolle un dos momentos do acto no que se oficializou a doazón ao noso centro de dúas obras do pintor Manuel Colmeiro. De dereita a esquerda: Elena Colmeiro, Mª Teresa Pérez Tilve (directora) e Emilia González (viúva do pintor).

Solicitudes de admisión para ESO e bacharelato [2021/22]

Relación de vacantes que oferta o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda – Pontevedra) en ESO e bacharelato para o curso 2021-2022:

  • 1º ESO: 10 prazas (obtivo praza todo o alumnado dos centros adscritos que a solicitou)
  • 2º ESO: 5 prazas 
  • 3º ESO: 4 prazas 
  • 4º ESO: 12 prazas 
  • 1º BAC: 15 prazas 
  • 2º BAC: 19 prazas 

As solicitudes de admisión de alumnado realizaranse segundo o modelo ED550B [versión en galego / versión en castelán]. O formulario poderá cumprimentarse na aplicación admisionalumnado, ou ser descargado e cumprimentado de forma manual polas familias. No caso de que opte por utilizar a devandita aplicación, teña en conta que cando confirme a solicitude se xerará un informe en pdf. Para presentar a solicitude poderá:

  • Acudir co informe xerado á través da aplicación ao centro educativo de primeira elección.
  • Presentar en Sede Electrónica da Xunta de Galicia. 

O prazo oficial para a presentación de solicitudes de admisión esténdese do 1 ao 22 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.

Notas de interese:

  1. O alumnado que estea matriculado no IES Pintor Colmeiro neste curso ten garantida a súa permanencia no centro para cursar ensinanzas de ESO ou bacharelato. En consecuencia, non terá que presentar ningunha documentación.
  2. Cada alumna/o só pode presentar unha única solicitude no centro no que solicite praza en primeiro lugar.
  3. O alumnado que ten garantía de permanencia nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicalo, ao mesmo tempo, ao centro de orixe.
  4. O alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión.

Obtención de carnés e habilitacións profesionais en 15 especialidades

A Xunta convoca os exames para a obtención de carnés e habilitacións profesionais en 15 especialidades. Prema nesta ligazón para acceder á información oficial da convocatoria.

Probas para a obtención da titulación de graduado en ESO e bacharelato [2021]

Publicada a Resolución do 3 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de maio e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización. Prema nesta ligazón para ampliar información.

Publicada a Resolución do 15 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización. Prema nesta ligazón para ampliar información.

Probas de acceso a ciclos formativos [2021]

Publicada a Orde do 21 de xaneiro de 2021 pola que se convocan probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2021 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).

Prazos de presentación de solicitudes:

  • Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio: O prazo de presentación estará abranguido entre os días 15 e 26 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.
  • Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior: O prazo de presentación estará abranguido entre os días 18 de febreiro e 3 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.

Podes consultar o calendario do proceso nesta ligazón.

Máis información no portal educativo da Consellería de Educación.

Distribuir contido


by Dr. Radut