Skip to Content

Matrícula ABAU 2023

O alumnado de 2º de bacharelato coñecerá oficialmente os resultados académicos da avaliación final ordinaria o día 16 de maio de 2023 a través da aplicación Abalar (hora de publicación: 18.00 h). As xestións necesarias para formalizar a matrícula na ABAU 2023 terán que resolverse entre o 18 e o 22 de maio. Ofrecémosche unhas indicacións para que todo che resulte máis doado: 

1. Pagamento das taxas do título de Bacharelato. Para este trámite utilizarás un formulario que estará dispoñible na Secretaría do centro. Dispós dun modelo xa cuberto aquí, que poderás usar como referencia para copiar os datos ao formulario. Despois terás que levalo a unha entidade bancaria e farás o pagamento. A entidade quedará coa copia que lle corresponde, ti con outra e a terceira traerala ao centro. Se optas polo pago telemático, podes facelo seguindo as indicacións deste documento. No caso de que teñas dereito a redución por familia numerosa, deberás traer tamén o documento que o acredite. 

2. Pagamento das taxas da ABAU. Poderás recoller o documento en Secretaría ou utilizar a versión electrónica [aquí]. Se optas polo pagamento telemático, deberás facelo seguindo estas instrucións.

3. Impreso de prematrícula na ABAU. Poderás recollelo na Secretaría do centro ou utilizar a versión electrónica [aquí]. 

4. Entrega no centro dos tres documentos anteriores: a folla das taxas do título, a copia do pagamento das taxas da ABAU e o impreso de prematrícula. 

5. O prazo oficial para realizar todas estas xestións rematará o 22 de maio (ás 13.00 h). De todas formas, é moi importante que resolvas o teu trámite antes desta data para evitar os típicos problemas e imprevistos de última hora.

Unha vez confirmada a matrícula, recibirás no teu correo electrónico o código que necesitarás para ter acceso a NERTA, a aplicación informática na que realizarás todas as xestións relacionadas coa ABAU e a solicitude de preinscrición en titulacións con límite de prazas do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Resumo de ligazóns de interese:

Axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras [2023]

Publicouse no DOG a Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2023, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, escolarizado nos cursos 2021/22 e/ou 2022/23, en réxime de concorrencia competitiva.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O contido desta orde e a información complementaria atoparase na páxina web https://www.edu.xunta.gal/axudasle

Que facer despois do Bacharelato?

O Departamento de Orientación do noso centro elaborou un documento de interese para o alumnado de 2º de Bacharelato. Fai clic na imaxe para acceder. 

Non esquezas achegarte ao despacho de Orientación para recibir información personalizada. Agardámoste!

Novos currículos [ESO e Bacharelato]

O Consello da Xunta, na súa reunión do 15 de setembro de 2022, aprobou os decretos polos que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria, da ESO e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Currículo ESO [ver]
  • Currículo Bacharelato [ver]

Plan Dixital do Centro

No apartado PLANS E PROXECTOS da nosa web está publicado o Plan Dixital do Centro [ligazón], un documento elaborado por un grupo de docentes do centro ao longo do curso 2021/22. Foi aprobado polo claustro do profesorado e polo consello escolar nas súas respectivas reunións ordinarias de final de curso.

Actualización da normativa de avaliación (II)

A Orde do 25 de xaneiro de 2022, pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, introduce cambios na xestión da promoción e da titulación do alumnado. No mes de marzo publicamos un artigo no que resumimos as principais novidades [ver].

O novo marco normativo require actualizar algúns apartados da Concreción curricular do centro e adaptar as programacións didácticas das materias dos cursos afectados. En consecuencia:

  • Anunciamos que publicaremos as adaptacións das programacións didácticas a partir do día 13 de abril. Poden consultalas premendo nesta ligazón.

Actualización da normativa de avaliación

Publicouse no DOG de hoxe a Orde do 25 de xaneiro de 2022, pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia.

Nesta Orde desenvólvense os cambios que establece a Lei orgánica 3/2020 (LOMLOE) para levar a cabo os procedementos de avaliación, promoción e titulación. Trátase, por tanto, dun texto de gran relevancia que deberá ser estudado minuciosamente polos órganos de coordinación docente do centro para garantir a súa correcta aplicación.

A continuación ofrecemos varios documentos nos que as familias poden acceder a un resumo dos cambios que trae a nova normativa [elaboramos un documento por cada unha das etapas afectadas]. Tamén poderán consultar unha versión actualizada do calendario escolar, xa que houbo que reformular algunhas das avaliacións do mes de xuño.

Tarxeta Xente Nova

As empresas adxudicatarias do transporte escolar do noso centro comunican que o alumnado de ensinanzas non obrigatorias que faga uso dese servizo deberá solicitar a tarxeta Xente Nova para poder viaxar gratis. Esta tarxeta será expedida por Abanca.

Máis información nesta ligazón.

Elena Colmeiro

A comunidade educativa do IES Pintor Colmeiro lamenta fondamente o pasamento de Elena Colmeiro, persoa moi querida tanto pola súa vinculación afectiva como polo seu labor artístico na destacada faceta de ceramista. Elena estivo moi vencellada á historia do noso centro de ensino dende os albores do mesmo. A súa presencia en diversas ocasións, caso do acto de nomeamento do instituto co nome do seu pai ou a inauguración da pirámide central, sempre foi relevante e significativa, aínda a pesar da súa delicada saúde e a súa lonxana residencia madrileña. Asemade, e como mostra da súa gran xenerosidade, costeou iniciativas como a instalación dun forno profesional de cerámica, doando a maiores dúas obras orixinais do seu pai Manuel Colmeiro.

A fotografía foi tomada en xaneiro de 2002 e recolle un dos momentos do acto no que se oficializou a doazón ao noso centro de dúas obras do pintor Manuel Colmeiro. De dereita a esquerda: Elena Colmeiro, Mª Teresa Pérez Tilve (directora) e Emilia González (viúva do pintor).

O IES Pintor Colmeiro, premiado por un proxecto de innovación educativa

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro acaba de gañar un Premio de Innovación Educativa cun proxecto sobre o consumo responsable, organizado polo Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade [ver publicación no DOG].

O traballo foi realizado polo alumnado de Tecnoloxía e de Imaxe e Son de 2º de Bacharelato do curso 2019/20, baixo a coordinación do docente Pablo Eiras.

A idea foi analizar a etiquetaxe de diferentes produtos de uso cotiá e fixarse en diferentes aspectos das mesmas que pasan desapercibidos, así como a darlle significado a outros. 

No traballo realizado, que ten formato de aplicación para o móbil, estudáronse diferentes tipos de etiquetas: téxtiles, tecnolóxicas, medioambientais, alimentos frescos, videoxogos, relacionadas coa orixe, etc. Así, por exemplo nas téxtiles, reciclaxe e videoxogos indícase o que significan eses símbolos que vemos habitualmente, pero que con frecuencia non sabemos moi ben o seu significado.

En alimentos frescos prestouse atención á etiquetaxe de ovos, pan galego, aceite de oliva, orixes protexidas, etc, vendo que hai bastante diversidade de produtos, e que ao mellor non estamos comprando o que pensabamos.

Nas tecnolóxicas prestouse atención á etiquetaxe de diferentes produtos; por exemplo, no apartado de pneumáticos, interpretando o que significan as letras que figuran nas etiquetas transformándoas en unidades reais, entendibles polos consumidores, como son a distancia de freado ou litros de combustible aforrados.  Así tamén no apartado de electrodomésticos, onde se fai a interpretación das letras e consumos que figuran na etiqueta, mesmo incorporando un link a un excel que che permite calcular e comparar o aforro que supón a compra dun electrodoméstico ou outro, simplemente introducindo os valores que figuran na etiqueta. 

O traballo pódese ver, en formato para o móbil, na seguinte ligazón: https://deluxe.123freeapps.com/5e37fed0789ab

Distribuir contido


by Dr. Radut