Skip to Content

Servizo de impresión de tarefas escolares

O Concello de Silleda informa da posta en marcha dun servizo gratuito de impresión de tarefas/deberes, que se coordina dende o Concello con traballos que se encargarán en librarías locais, como fórmula tamén para axudar a este sector do comercio local.

Todas as persoas que non teñan Internet ou impresora teñen que chamar ao 986580000 entre as 9 e as 13 horas, ou enviar un mail a info@silleda.gal.  A entrega das impresións farase sempre de forma segura, e a domicilio, dende os servizos municipais.

Parabéns pola iniciativa!

Aviso | Libros de lectura 3ª avaliación

Os departamentos de Lingua galega, Lingua castelá e Lingua inglesa comunican o seguinte acordo:

En relación aos libros de lectura propostos polos diferentes departamentos didácticos para a 3ª avaliación que o alumnado non teña no seu domicilio, o profesorado proporá alternativas adaptadas.

En ningún caso debemos saltar o confinamento para intentar adquirilos. #QUEDANACASA

#QuedamosNaCasa [18/03/2020]

En primeiro lugar, queremos mandarlle unha aperta moi forte a toda a comunidade educativa nestes momentos tan difíciles que nos está tocando vivir.

Como sabedes, a decisión de pechar os centros fíxose pública o pasado xoves, polo que apenas tivemos tempo para deseñar os plans de actuación que se precisan para garantir a atención ao alumnado e ás familias nunha situación tan anómala. De todas formas, o centro está a facer un esforzo para dar a mellor resposta posible. 

O profesorado leva días elaborando actividades relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado poida realizalas no seu domicilio. Ante a imposibilidade da comunicación directa, que é a base do noso traballo, estanse a utilizar as máis variadas canles telemáticas para establecer contacto co alumnado: aula virtual, páxina web, correo electrónico, blogs, sistemas de mensaxería electrónica, etc.

A comunicación do centro canalízase preferente por correo electrónico, que ten atención permanente. A atención telefónica está dispoñible nos días lectivos entre 10 e 13 horas. Os órganos informativos do centro son a páxina web e a súa páxina de Facebook, que conta con case 1.350 seguidores/as. Tamén utilizamos o sistema de mensaxería abalarMóbil para emitir comunicados breves.

Hoxe publicamos as cualificacións correspondentes á segunda avaliación na plataforma abalarMóbil. Ao longo do xoves e o venres pasados, días especialmente convulsos, valoramos a opción de pospoñer a avaliación, pero finalmente decidimos manter o calendario previsto porque cremos que é conveniente que as familias dispoñan dunha referencia actualizada do rendemento académico dos seus fillos e fillas, ademais de manter, dentro do posible, algo desa normalidade que tanto botamos en falta. Evidentemente, cando se reanude a actividade académica haberá tempo para que o alumnado e as súas familias poidan entrar en contacto co profesorado e obter as explicacións pertinentes.

Agradecemos a vosa atención e agardamos que o Colmeiro se encha de xente o antes posible. Iso si, polo de agora, por favor, #QuedaNaCasa.

Instalación de abalarMóbil

A aplicación gratuíta abalarMóbil é unha ferramenta da Xunta de Galicia que lles permite ás familias consultar a información das súas fillas e fillos a través do teléfono móbil dende calquera lugar (por exemplo: ter coñecemento das faltas rexistradas, acceder ás cualificacións, etc). Por tanto, é moi importante que todas as familias dispoñan desta ferramenta nestes momentos nos que a comunicación debe canalizarse a través de medios telemáticos. A instalación é moi sinxela:

  • Se o seu sistema é Android búsquea e descárguea desde o Play Store; e se é IOS, desde o Apple Store.
  • O primeiro paso que debe realizar é o rexistro. Para iso debe introducir o seu número de teléfono móbil e premer en “Enviar”. A continuación recibirá unha mensaxe cun código que terá que introducir na pantalla correspondente e premer en “Enviar código”.
  • Na seguinte pantalla solicítase un contrasinal (mínimo 8 caracteres con algunha maiúscula, algunha minúscula e algún número), que será o que utilizará para acceder á aplicación. Deberá escribilo nos dous recadros e premer en “Aceptar”.
  • A continuación, aparecerá unha pantalla na que se indica que o rexistro foi completado correctamente. Para finalizar, soamente é preciso premer en “Continuar” e acceder a abalarMóbil co contrasinal elixido para poder visualizar os datos e toda a información do alumno/a.
  • Se lle aparece unha mensaxe de que o seu teléfono non está asociado a un alumno/a, ou de que existe máis dun usuario con ese número, mándenos un correo a ies.pintor.colmeiro@edu.xunta.gal. Tamén dispón de asesoramento na Unidade de Atención a Centros (Tel.: 881 99 77 01. Correo electrónico: uac@edu.xunta.es). Lembre que as alumnas e alumnos maiores de idade deben instalar a aplicación no seu propio dispositivo.

Máis información, cun vídeo explicativo, unha guía de uso e un apartado de “Preguntas e respostas” en https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/nova/abalarmobil.

Suspensión da actividade lectiva

O Presidente da Xunta de Galicia anunciou o pasado 12 de marzo a suspensión de toda a actividade lectiva nos centros de ensino de Galicia. O día 15 de marzo publicouse no BOE o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Sabemos que a batalla contra esta pandemia depende en gran parte da nosa capacidade para limitar os desprazamentos e as interaccións durante o tempo que sexa necesario. En consecuencia, establecemos as seguintes pautas de actuación ata novo aviso:

1. O centro estará pechado e só terá acceso ás instalacións o persoal autorizado.

2. O centro fará un gran esforzo para atender todas as xestións administrativas de xeito telemático, unha área na que temos experiencia. De todas formas, cómpre lembrar que os prazos dos procesos que estaban en marcha se interrompen ata a volta á normalidade, tal e como se recolle na disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020. Pola súa parte, a Consellería de Educación, Universidade e Formación profesional publicou unhas instrucións nas que se aclara que se amplía provisionalmente o prazo de presentación telemática e presencial de solicitudes de admisión, que finalizará unha semana despois do reinicio das clases.

3. O profesorado programará na páxina web dos centros ou por outros medios telemáticos, accesibles ao seu alumnado, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables.

4. Para o alumnado de 2º de Bacharelato o profesorado adoptará todas  as medidas específicas necesarias (telemáticas) para garantir de forma non presencial a continuidade das actividades lectivas dos contidos curriculares.

5. A comunicación coa comunidade educativa xestionarase a través da páxina web. Para calquera consulta, pregamos que usen o correo electrónico do centro (ies.pintor.colmeiro@edu.xunta.gal), no que atendemos permanentemente. A atención telefónica xestionarase a través do 986580904 en horario de 10.00 h a 13.00 h.

Suspensión de actividades complementarias e extraescolares

Ante a situación creada pola pandemia orixinada pola extensión do COVID-19, e a falla de directrices precisas emanadas das administracións responsables, o centro tomou a decisión de suspender ata novo aviso todas as actividades complementarias e extraescolares que impliquen desprazamento de alumnado fóra do centro.

Informaremos en tempo e forma das accións necesarias que esta medida poidese orixinar.

Entroido 2020

Preme na fotografía para ver o vídeo-resumo da nosa actividade no Entroido 2020. Grazas a todos/as polo voso entusiasmo e colaboración.

Títulos [curso 2017/18]

Están dispoñibles os títulos académicos do alumnado que rematou estudos no curso 2017/2018. Poden recollerse en horario de oficina (entre 9.00 h e 14.00 h).

No caso de que o/a interesado non poida recoller o título e queira delegar noutra persoa, deberá asinar unha autorización [ver modelo].

Axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras [2020]

Convocadas axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos (Orde de 10 de febreiro de 2020).

A información sobre este programa, así como a aplicación "en liña" que se refire na convocatoria, atoparase na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle.

Cartel informativo nesta ligazón

Solicitudes de admisión para ESO e bacharelato [2020/21]

Relación de vacantes que oferta o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda – Pontevedra) en ESO e bacharelato para o curso 2020-2021:

  • 1º ESO: 12 prazas (obtivo praza todo o alumnado dos centros adscritos que a solicitou)
  • 2º ESO: 2 prazas 
  • 3º ESO: 4 prazas 
  • 4º ESO: 4 prazas 
  • 1º BAC: 5 prazas 
  • 2º BAC: 42 prazas 

Segundo as instrucións que deu a coñecer a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, as solicitudes de admisión de alumnado realizaranse segundo o modelo ED550B [versión en galego / versión en castelán]. O formulario poderá cumprimentarse na aplicación admisionalumnado, ou ser descargado e cumprimentado de forma manual polas familias. No caso de que opte por utilizar a devandita aplicación, teña en conta que cando confirme a solicitude se xerará un informe en pdf. Para presentar a solicitude poderá:

  • Acudir co informe xerado á través da aplicación ao centro educativo de primeira elección.
  • Presentar en Sede Electrónica da Xunta de Galicia. 

O prazo oficial para a presentación de solicitudes de admisión esténdese do 1 ao 20 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos. Dado que o 20 de marzo é día non lectivo no noso centro, prorrógase a entrega de solicitudes ata as 13.00 horas do 23 dese mesmo mes. De todas formas, cómpre ter en conta que a partir do día 20 de marzo a Sede Electrónica non admitirá a presentación de solicitudes para este procedemento. Máis información no portal web da Consellería.

Notas de interese:

  1. O alumnado que estea matriculado no IES Pintor Colmeiro neste curso ten garantida a súa permanencia no centro para cursar ensinanzas de ESO ou bacharelato. En consecuencia, non terá que presentar ningunha documentación.
  2. Cada alumna/o só pode presentar unha única solicitude no centro no que solicite praza en primeiro lugar.
  3. O alumnado que ten garantía de permanencia nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicalo, ao mesmo tempo, ao centro de orixe.
  4. O alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión.
Distribuir contido


by Dr. Radut