Skip to Content

VIAXE A LONDRES DOS ALUMNOS/AS DE 4º DE ESO

APRENDIZAXE “MODELO BURELA”... EN LONDRES

Os alumnos de 4º de ESO e 4º PDC viaxaron a Londres do 17 ao 21 de maio acompañados polo seu profesor de inglés, Toni Galdo e a súa profesora de bioloxía, Charo Fernández.


Día 17 de maio de 2012. Pouco despois das dez da mañá, un grupo de vinte e dous adolescentes de 4º de ESO reúnense na estación de autobuses de Burela para subiren a un ómnibus que os levará ao aeroporto de Avilés, camiño de Londres. A expedición está coordinada polo profesor de Lingua Inglesa, Antonio Galdo, e pola docente de Bioloxía, Charo Fernández. Os obxectivos son varios: convivir en grupo fóra das aulas do centro educativo, facer viaxe longa con combinación de diversos medios de transporte, coñecer os costumes doutro país, aprender a manexarse nunha cidade metropolitana e, sobre todo, testar a validez dos coñecementos adquiridos nas clases de inglés. Trátase, pois, dunha actividade “Modelo Burela” porque promove a interculturalidade ao mesmo tempo que fomenta a fluidez noutra lingua internacional. Precisamente por iso a data escollida está plenamente acordo coa filosofía do “Modelo Burela”. Era o Día das Letras Galegas e a celebración estaba dedicada a Valentín Paz Andrade, impulsor dunha marca galega con presenza en todo o mundo: Pescanova.
    “Era a primeira vez que ía en avión, mais non tiña medo” -afirma unha moza na memoria didáctica. “O avión é un medio de transporte moi seguro”. E continúa: “Despegar foi emocionante... e voar tamén, mais a viaxe fíxose curta.
    Do aeroporto ao hotel fomos en bus. Tardamos pouco en chegar. Despois de deixar as maletas e descansar un pouco, fomos á estación do metro. Antes de entrar nela, compramos a cea nun supermercado e comezamos a descoberta da cidade. Baixamos na estación de Leicester Square e camiñamos até Picadilly St. Alí deixáronnos tempo libre para explorar o lugar. Era incrible: xente por un lado e por outro, moitos comercios, bares, cafés, cinemas enormes, casinos, discotecas... todiño como nas películas”. Estas vivencias do Día das Nosas Letras serían o preludio do que viría nos días seguintes coas visitas á Torre de Londres, a ponte sobre o Támesis, ao Teatro de Shakespeare ou ao Big Ben. Aínda que, co paso do tempo, as forzas fraqueaban, ao tempo que aparecían vexigas nos pés, a expedición galega visitou tamén a Abadía de Westminster, a Leicester Square, o Museo Británico e o Backinghan Palace. Como enfatiza a privilexiada cronista, “non todo foi visitar museos; tamén estivemos nos parques. Démoslles de comer aos parrulos, como facía moita xente. Chamoume moito a atención a situación económica do país. Era todo carísimo, incluso na zona de China Town, que nos decepcionou un pouco. Esperábamola máis pintoresca e resultounos bastante normaliña.
    Cinco días máis tarde, a expedición emprendeu o camiño de volta. Docentes e alumnado traían en si multitude de vivencias positivas e atesouraban fotografías, facturas e incluso folletos publicitarios para certificar que a experiencia fora real.
    Agora esa documentación gráfica pode verse nunha fermosa exposición que está aberta ao público no Instituto Perdouro. Unha mostra máis da metodoloxía didáctica “Modelo Burela”.



page | by Dr. Radut