Skip to Content

Retorno voluntario ás aulas do alumnado de 2º de BAC e 2º de CF

O luns, día 25 de maio, está previsto o reinicio da actividade lectiva presencial no curso 2019/2020, segundo establece a Resolución, do 22-05-2020, da Consellería e Educación.

Retórnase á actividade lectiva presencial, con carácter voluntario para o alumnado de segundo curso de Bacharelato e para os segundos cursos de Formación Profesional de grao Superior e de grao Medio. O alumnado destes cursos que decida non vir ao instituto, así como o alumnado dos restantes cursos e ensinanzas, continuará recibindo atención educativa de forma telemática.

O último día da actividade lectiva presencial será o 19 de xuño.

É fundamental que tanto o alumnado como as súas familias presten especial atención ás medidas de prevención e hixiene recollidas no Anexo da Resolución do 22-05-2020 (páxina 10 e seguintes) e que resumimos neste documento.

Alumnado de 2º de Bacharelato

Despois de recoller as preferencias do alumnado interesado en retomar a actividade presencial, elaborouse un horario de clases adaptado e centrado nas materias ABAU. Tamén se adoptaron algúns cambios organizativos para garantir as medidas de prevención fronte á Covid-19, como o cambio de aulas e o reagrupamento do alumnado.

Alumnado de 2º curso de ciclos formativos de grao medio e de grao superior

Para os segundos cursos de ciclos formativos de grao superior e medio en réxime ordinario realizarase un horario para a atención presencial do alumnado que decida acudir ao centro voluntariamente e sempre baixo as directrices do profesorado do ciclo.

Ten a opción de retomar a actividade presencial o seguinte alumnado:

  • Alumnado que non accedeu á FCT
  • Alumnado de CFGS que accedeu á FCT e se acolleu a integrar a realización da formación en centros de traballo e o módulo de proxecto nun único módulo cunha duración de 245 horas (suposto do artigo 2.1.d da Resolución do 23 de abril de 2020 pola que se adoptan medidas excepcionais no desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional)
  • Alumnado de CFGM que accedeu á FCT e se acolleu a substituír a Formación en centros de traballo por unha proposta de actividades asociadas á contorna laboral (suposto do artigo 2.1.e da Resolución do 23 de abril de 2020 pola que se adoptan medidas excepcionais no desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional)
  • Alumnado de FP dual que está a cursar o derradeiro curso do ciclo e se atope nos supostos do artigo 2.1.d ou 2.1.e mencionados.

 



page | by Dr. Radut