Skip to Content

O proxecto EDIXGAL no IES Perdouro

O IES Perdouro incorpórase ao proxecto EDIXGAL a partir do curso 2017-2018

O proxecto EDIXGAL consiste, en poucas palabras, en proporcionar aos alumnos e alumnas un ordenador portátil (novos dispositivos convertibles de 12 pulgadas que funcionan como ordenador ou como tablet) que terán ao seu dispor as 24 horas do día para traballar con recursos dixitais gratuitos (libros dixitais, actividades interactivas, etc.) utilizando metodoloxías activas, mais apropiadas para formarse nas competencias e habilidades que se requiren para desenvolverse no século XXI.

Por qué consideramos que é bo o proxecto EDIXGAL para o noso alumnado?

Como todos sabemos, unha parte cada vez mais grande da actividade tanto privada como laboral dos cidadáns de hoxe en día desenvólvese a través das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). Iso fai que perdan importancia os coñecementos memorísticos (estas novas tecnoloxías permítennos acceder en poucos segundos a unha grande cantidade de información actualizada) e, en cambio, adquiren unha importancia fundamental outras habilidades e destrezas como son o propio manexo dos recursos TIC ou a capacidade para seleccionar, analizar e procesar a información a través deses medios TIC.

De igual maneira, as características da sociedade civil e do ámbito laboral do século XXI requiren persoas con competencias adecuadas ao novo escenario. Deste xeito, o cidadán e traballador actual debe ser competente nos seguintes aspectos, entre outros:

  • Utilizar os medios e recursos dixitais (TIC)
  • Traballar en equipo
  • Adaptarse e continuar aprendendo
  • Desenvolver habilidades sociais e cívicas
  • Comunicarse de forma eficaz en diferentes linguas e por diferentes medios
  • Resolver problemas (creatividade, planificación, determinación, iniciativa...)
  • Demostrar iniciativa e espírito emprendedor
  • Matemáticas, ciencia e tecnoloxía
  • Conciencia e expresións culturais

Esta nova situación a nivel social e laboral require tamén unha adaptación por parte do sistema educativo co fin de educar e formar aos xóvenes nas competencias que van necesitar. Esa adaptación pasa por:

  • Incorporar de forma decidida as TIC ao ensino, xa que o mundo actual funciona a través delas e o alumnado debe aprender a desenvolverse con elas.

  • Promover un cambio metodolóxico necesario para mellorar a aprendizaxe do alumnado. É coñecido que as persoas aprenden moito mais eficazmente desde un papel activo (aprender facendo) que desde un papel pasivo (ler, escoitar...).
  • Formar o alumnado nas competencias do século XXI (competencias clave e outras). Primar a adquisición de competencias, habilidades e destrezas fronte á aprendizaxe memorística.

O proxecto EDIXGAL nace coa intención de facer posible toda esta transformación do proceso educativo ao canalizar o proceso de ensino-aprendizaxe a través das tecnoloxías da información e da comunicación. En relación cos tres puntos anteriores, satisface o primeiro deles e facilita enormemente a consecución dos outros dous.

 

Outras vantaxes de EDIXGAL:

- Libros dixitais gratuitos para as materias integradas en EDIXGAL.

- Menor peso da mochila do alumnado, que transportará un lixeiro ordenador en lugar dun conxunto de libros.

- Favorece a equidade social:

  • Acceso aos medios TIC para todo o alumnado
  • Libros gratuítos
  • Calidade educativa para todo o alumnado

- Mellora a calidade educativa:

  • Metodoloxía mais eficaz. Non se trata de estudar polo ordenador, como se podería pensar, senón de aprender traballando co ordenador.
  • Ordenador e recursos dixitais a disposición do alumno en todo lugar e momento.

 

Qué materias están integradas no proxecto EDIXGAL no IES Perdouro?

1º curso de ESO 2º Curso de ESO
  • Bioloxía e xeoloxía
  • Educación física
  • Educación plástica, visual e audiovisual
  • Lingua castelá el literatura
  • Lingua galega e literatura
  • Relixión
  • Segunda lingua estranxeira
  • Xeografía e historia

 

 

  • Educación física
  • Física e química
  • Lingua gastelá e literatura
  • Lingua galega e literatura
  • Música
  • Oratoria
  • Programación
  • Relixión
  • Segunda lingua estranxeira
  • Tecnoloxía
  • Xadrez
  • Xeografía e historia

En todas as materias integradas en EDIXGAL utilizaranse libros dixitais e outros recursos, todos eles gratuitos. Nas materias que non se acollen a EDIXGAL continuarase a utilizar os libros de texto en papel como ata o de agora.

 

En qué consiste o proxecto EDIXGAL, máis polo miudo?

No sitio temático sobre E-Dixgal que se atopa dentro de Espazo Abalar podemos acceder á información atualizada que ofrece a Consellería de Educación sobre o proxecto.

Tamén estamos á súa disposición no IES Perdouro (Tel 982 870 102) para canta información ou aclaracións desexen.



page | by Dr. Radut