HISTORIA DO CENTRO:
No ano 1932 xa funcionaba este centro como "Escola de Obreiros de Viveiro" pasando posteriormente a chamarse Escola Elemental do Traballo (Gaceta de Madrid de 22-01-32).
Despois da Guerra Civil, xa no ano 1941, continúa funcionando co mesmo nome até o ano 1956.
Coa publicación da Lei de Formación Profesional pasa a ser Escola de Maestría Industrial. Como consecuencia da Lei Xeral de Educación, no ano 1971, denomínase Centro de Formación Profesional de 1º e 2º Graos.
Posteriormente foi Instituto de Formación Profesional até a publicación, xa no ano 1996, do Regulamento Orgánico de Centros de Educación Secundaria pasando a ser IES de Viveiro.
O Consello Escolar, logo dun proceso de suxerencias, por parte dos diferentes colectivos implicados nesta comunidade educativa, aprobou a nova denominación de Instituto de Educación Secundaria "María Sarmiento". O nome provén de dona María Sarmiento Ribadeneira, que tamén dá nome a unha rúa de Viveiro.
Inicialmente as instalacións estaban situadas nuns locais cedidos polo Concello de Viveiro, no convento de San Francisco.
No ano 1963 estreouse o novo edificio cando só existían tres centros na provincia. Foron ampliados os talleres no curso 1988-89. No ano 1992 volveuse a ampliar, para solucionar a crecente demanda de matrícula, construíndose o edificicio "A" que agora serve de módulo principal. Construíuse, no curso 96-97, un pavillón polideportivo cuberto, situado na zona escolar detras do cuartel, que é compartido co outro IES da localidade.