Skip to Content

Plan proxecta, Por 365 días de respecto e igualdade, Donas de si, Clases sen fume, Proxecto Xermolón, Correspondentes xuvenís, Proxectos de vida activa e deportiva

Plan proxecta: Por 365 días de respecto e igualdade

Dentro do Plan Proxecta 2019-2020, Por 365 días de respecto e igualdade contamos no noso centro coa exposición Cartas de amor: 15 artistas contra a violencia de xénero. Está cedida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Permanecerá no centro dende o 7 ata o 26 de febreiro de 2020.

Trátase de 15 marabillosos cadros que nos convidan a reflexionar sobre diferentes situacións ou momentos violentos nas relacións de parellas entre adolescentes e que, en ocasións, damos como normalizadas, cando, en realidade, estamos ante mostras de control cara á muller, así pois preténdese sensibilizar a poboación máis nova sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e, polo tanto, a eliminala.

Esta exposición está aberta ao público en xeral, mais dun xeito especial, dende o centro, queremos convidar a toda a comunidade educativa a visitala e compartir con nós as súas reflexións.

Plan Proxecta: Por 365 días de respecto e igualdade

Dentro deste Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade temos solicitado e concedido diferentes charlas e actividades, que, polo de agora, temos confirmadas as seguintes:

  • EXPOSICIÓN “CARTAS DE AMOR” que teremos a sorte de contar con ela entre o 7 e o 26 de febreiro de 2020.
  • Charla informativa sobre AGRESIÓNS SEXUAIS E VIOLENCIA SEXUAL que levaremos a cabo o 17 de febreiro á que asistirán 3º e 4º ESO.
  • Charla sobre o TRATAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO NA PUBLICIDADE E NOS MEDIOS DE AUDIOVISUAIS na que participará o alumnado de 2º e 3º ESO o vindeiro día 9 de marzo pola mañá e pola tarde, todos os grupos da ESO (1º, 2º, 3º e 4º) asistiremos á fantástica representación do espectáculo teatral “Golpes” con Estíbaliz Veiga.
  • Unha Charla de sensibilización “A NOVA ESCRAVITUDE DO SÉCULO XXI: TRATA DE SERES HUMANOS CON FINS DE EXPLOTACIÓN SEXUAL, OUTRA FORMA DE VIOLENCIA DE XÉNERO” na que participará todo o alumnado do instituto o vindeiro día 14 de abril.
  • Ademais temos outro obradoiro sobre “VIOLENCIA DE XÉNERO E O OVO CONTEXTO DIXITAL”, pendente de datar.

Irémosvos contando que sucede en cada unha das charlas.

Plan proxecta: Por 365 días de respecto e igualdade

Despois de traballar coa escaleira da violencia de Carmen Ruíz Repullo, pasámoslle ao noso alumnado un cuestionario con preguntas distintas para as mozas ca para os mozos co fin de ir identificando a existencia ou non de mostras de violencia entre a nosa rapazada.

O resultado do Semáforo da violencia foi moito máis enriquecedor co alumnado de 3º e 4º ESO, xa que os de 1º e 2º ESO manifestaban que, ás súas idades, aínda non tiñan experiencia en ter ou manter relacións amorosas, polo que lle resultou máis difícil esta tarefa e o resultado quedou un tanto desvirtuado cos do primeiro ciclo.

Co alumnado máis maior, este semáforo permitiunos identificar algunha mostra de micromachismo que traballaremos na aula ao longo do curso.

Pulsa na seguinte imaxe para ver o cuestionario realizado polo alumnado:

Plan proxecta: Por 365 días de respecto e igualdade

Dentro do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, o alumnado de apoio e reforzo de 1º e 2º ESO, xunto co equipo da Biblioteca, Bibliosaron, estivo elaborando diferentes pegadas que percorren o andar principal do instituto con diferentes lemas positivos para lembrar as mulleres falecidas a causa desta lacra social da violencia de xénero. As pegadas lévannos ata a entrada onde podemos ler o lema NIN UNHA MÁIS e observar a decoración do vidro que realizaron Judith e Irene de 2º ESO.

Deixámosvos algunha fotografía.

Plan proxecta: Por 365 días de respecto e igualdade

Con motivo do 25 de novembro comezamos a traballar na aula a temática da violencia de xénero.

Iniciamos a actividade preguntándolle ao alumnado que entendía por violencia de xénero, que mostras de violencia eran capaces de identificar e que era para eles o termo “micromachismo”. Estableceuse un debate moi interesante e concluímos, como di Sofía Riveiro, que de micro nada.  Tamén nos permitiu adiantar algúns conceptos e descubrir que entre os adolescentes existe moito “amor romántico” xa que toman como normais determinadas condutas machistas, como son o control de redes sociais ou os celos.

A continuación o alumnado estivo traballando a violencia de xénero a partir da escaleira da violencia baseada na Historia de Pepe y Pepa de Carme Ruíz Repullo, elaboramos diferentes chanzos cunha mostra diferente de violencia para que o alumnado de todos os grupos da ESO (1º, 2º, 3º e 4º), en pequenos grupos de 4/5 persoas debatesen se todos os chanzos facían alusión a diferentes mostras de violencia ou non e os colocasen de menor a maior intensidade de violencia.

Alén disto, partindo do Emocionario de Palabras Aladas, tamén elaboramos, con diferentes folios de cores, nubes co nome das emocións e unha breve explicación sobre cada emoción co obxectivo de que o alumnado reflexionase e debatese sobre o tipo de emocións pensaba que a persoa maltratada se podía estar identificando.

Este pequeno xogo permitiunos reflexionar sobre os chamados “micromachismos” e fundamentalmente sobre as diferentes emocións que poden sentir as mulleres ao seren maltratadas.

Na última sesión visualizamos a Historia de Pepe y Pepa de Carme Ruíz Repullo, onde confirmaron os seus argumentos.

O resultado foi moi satisfactorio xa que os argumentos que se escoitaron nas 4 sesións nas que dividimos a actividade, foron, realmente interesantes, xa que en por si, chegaron á conclusión de que todos os chanzos reflectían mostras violentas de amor e que as emocións que podían estar sentindo as persoas maltratadas eran todas negativas ou moi negativas. A actividade deunos para debater, falar, reflexionar e consensuar distintas prespectivas mostradas polo alumnado.

Seguimos educando en igualdade!!!

Deixámosvos algunha fotografía.

Distribuir contido


by Dr. Radut