Durante o mes de xuño o alumnado da ESO do IES ILLA DE SARÓN estivo traballando sobre a Exposición Premios María Josefa Wonenburger Planells 2007-2019. Desta volta, non só traballou o alumnado de 1º e 2º ESO senón que tamén os de 3º e 4º levaron a cabo diferentes traballos.
Esta exposición encádrase dentro do PLAN PROXECTA 2019-2020 Donas de si que levamos a cabo no centro educativo. Chegou ao noso instituto o día 9 de marzo cedida pola Secretaría Xeral para a Igualdade da Xunta de Galicia, ao día seguinte levamos a cabo a montaxe da mesma no corredor da planta principal do instituto, mais coa suspensión das aulas presenciais o día 12 de marzo non puidemos desenvolver ningunha tarefa das que estaban planificadas, así que a nosa directora, Sara Jul, moi amablemente, nos fotografou todos e cada un dos paneis coa información correspondente que aproveitamos para elaborar os materiais cos que traballamos neste final de curso.
Esta extraordinaria exposición consta de 15 paneis explicativos sobre as diferentes mulleres científicas que foron homenaxeadas dende que en 2007 se creou este Premio que leva por título MARÍA JOSEFA WONENBURGER PLANELLS. Unha muller galega, matemática e investigadora, pioneira e referente feminino a nivel internacional no ámbito científico, coa que se pretende visibilizar o traballo das mulleres na ciencia e incrementar a presenza feminina nos ámbitos científicos e tecnolóxicos.

Entre as actividades que desenvolveu a rapazada do ILLA DE SARÓN salientamos unha XINCANA DE PREGUNTAS, UN XOGO DE ACERTOS e un PASAPALABRA sobre as diferentes mulleres investigadoras que foron homenaxeadas dende 2007 ata 2019.
Deixámosvos estas tres tarefas por se vos animades a participar. É moi interesante descubrir a todas estas mulleres galegas sobresaíntes no mundo científico.
Enlaces destes tres xogos:
Xincana:
XOGO DE ACERTOS:
PASAPALABRA:
