ALGUNHA DAS NOSAS ACTIVIDADES

 

 

 

 

 

A biblioteca Sarmiento do IES de Curtis é un espazo situado na planta baixa do edificio, de fácil acceso e que funciona a diario co obxectivo de prestar servizo a todos os membros da comunidade educativa.

 

Está dividida en dúas zonas. Na primeira, máis extensa, atópanse todos os andeis nos que se recollen, ordenados segundo a CDU, os fondos (10.682 en xuño de 2016). Entre eles ubícanse varias mesas de traballo e lectura , os mobles de novidades literarias e culturais e a mesa de atención ao público. Tamén nese espazo hai un recuncho de lectura con tres sillóns, onde se pode consultar prensa ou o que cada quen elixa; ao fondo están os postos informáticos (4 en total) onde o alumnado pode realizar tarefas académicas ou ler os xornais dixitais . A segunda zona está separada desta por unha parede de cristal cunha porta de acceso: alí faise a maior parte da xestión técnica da biblioteca, celébranse as reunións de traballo e tamén diversas actividades con grupos reducidos de alumnos (encontros do club de lectura, formación teórica de usuarios, obradoiro de publicidade…).

 

A actividade que se rexistra cada curso neste espazo está xestionada por unha profesora definitiva no centro que desempeña o cargo de coordinadora. O seu traballo realízao co apoio dun equipo de 9 profesores, tamén definitivos no centro e pertencentes a distintos departamentos. Por desgraza, o seu horario non lles permite atender o funcionamento da biblioteca durante toda a xornada lectiva: hai franxas horarias nas que non pode estar funcionando por falta de profesorado de garda. Aínda así, inténtase que este feito afecte o menos posible ás demandas do alumnado.

 

A labor da nosa biblioteca artéllase ao redor dos seguintes eixes de traballo, todos eles volcados no obxectivo de mellorar as competencias culturais e sociais dos membros da comunidade educativa:

 

- Servizo de catalogación en MEIGA, de ordenación periódica dos materiais e de empréstito e devolución de fondos ( estes últimos, durante os dous recreos diarios)

- Labores de expurgo

- Actualización do catálogo, a través das suxerencias de compra por parte dos departamentos, do alumnado e do equipo de biblioteca

- Integración efectiva dos recursos da biblioteca nos procesos de ensino-aprendizaxe, a través da formación anual de usuarios, que permite coñecer os fondos, localizalos e facer un uso axeitado dos mesmos e do espazo da biblioteca

- Mantemento do espazo en condicións axeitadas para a labor de ensino e de aprendizaxe: carteis orientativos da ubicación dos materiais, funcionamento dos recursos dixitais...

- Promoción e deseño de actividades relacionadas coa mellora das actividades cognitivas, culturais e sociais:

 

  • Hora de ler (15 minutos de lectura diaria en 1º e 2º de ESO)

  • Funcionamento do club de lectura Fendetestas

  • Obradoiro de lectura de publicidade

  • Concursos e/ou exposicións sobre temas de actualidade ou transversais

  • Encontros con escritores

  • Elaboración e difusión de boletíns trimestrais de recomendacións lectoras

  • Funcionamento dun buzón de suxerencias para fondos de nova adquisición

- Mantemento dos blogs relacionados coa actividade diaria da biblioteca:

 

www.sarmientobiblioteca.blogspot.com

www.curtisdecine.blogspot.com

www.clubfendetestas.blogspot.com