Skip to Content

Noticias da biblioteca

Aquí tamén se fala….galego!

O IES Coruxo sumouse á campaña “Aquí tamén se fala galego”, unha iniciativa con actuacións destinadas a promover o uso do galego na contorna do alumnado. O proxecto comezou no IES Rafael dieste da Coruña e sumáronse mais de 200 centros por toda Galicia, e o noso foi un dos primeiros centros en sumarse.

A campaña consiste en preguntar por locais ou sitios da contorna se poden poñer un cartaz do Instituto para fomentar o uso do galego. Librarías, clubes de fútbol como o Dépor ou Celta, comercios...estanse a sumar masivamente a esta campaña. O fin é eliminar prexuízos de que na nosa cidade non se fala galego e sensibilizar sobre o uso do galego na nosa sociedade.

   

Dentro desta campaña estanse a facer unha serie de gravacións e entrevistas; neste sentido a revista “A Movida” entrevistou a alumnado de 2º Bacharelato implicado na campaña, entrevista que podedes ler aqui: https://amovida.gal/falamos-co-alumnado-do-ies-coruxo-sobre-a-campana-aqui-tamen-se-fala/

  

#aquítaménsefala

8M no IES Coruxo

O pasado venres 8 de marzo conmemoramos no IES Coruxo o Día Internacional da Muller. Para reivindicar este día leváronse a cabo unha serie de actos e actividades no noso Instituto.

En primer lugar e durante a semana previa nas titorías o alumnado colaborou de forma voluntaria na elaboración dun photocall, composto por dúas ás para voar cara a igualdade.... Cada alumno ou alumna podía recortar unha pluma e por unha mensaxe relacionada coa igualdade.

  

Xa o mesmo venres, unha vez composto dito photocall, algúns alumnos e alumnas fixéronse fotos posicionándose coa igualdade

Xa para rematar, alumnado de 1º Bacharelato leu un bonito manifesto no patio central do Instituto que facemos noso, de todo o Centro.

  

Pola loita para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres dende o IES Coruxo!

  

 

Noraboa a nosa premiada no XIII Concurso Nacional Verso en Lúas!

A nosa alumna María Tatiana Del Río García gañou o 3º premio do XIII Concurso nacional de Creación "Avelina Lamas", consistente na creación dunha portada orixinal a partir dun texto literario.

  

Previamente e, nas materias de Lengua e Literatura Castellana e en colaboración co Departamento de Tecnoloxía na materia de Intelixencia Artificial para a Sociedade e Dixitalización, fixeron unha actividade consistente na elaboración de portadas dos libros que están a ler en Lengua Castellana en 4º ESO.

Houbo portadas fantásticas e unha delas resultou premiada…con este tipo de actividades trátase de introducir novas metodoloxías na aula, máis novidosas e atractivas para o alumnado e, se ainda por riba hai premio, mellor que mellor…

Noraboa á nosa premiada!! Noraboa Tatiana!!!

Ilustracións, lettering, literatura e poesía na Biblioteca do IES Coruxo

Desenvolver a capacidade artística debuxando un personaxe literario ou a través dun obradoiro de lettering co gallo do día de Rosalía de Castro….todas estas capacidades foron as que se desenvolveron nas semanas pasadas na Biblioteca do IES Coruxo.

Por unha banda, para conmemorar o día da Ilustración, convocouse un concurso (dividido en diferentes categorías en función dos cursos) para animar ao alumnado a debuxar un personaxe literario. Personaxes de novela de Castelao, de Leandro Fernández de Moratín, do Duque de Rivas e incluso dos comic manga foron ilustrados polo noso alumnado e os gañadores tiveron fantásticos premios.

  

Por outra banda durante a semana do 19 ao 23 de febreiro tiveron lugar durante os recreos os obradoiros de lettering e pop art coa poesía de Rosalía de Castro (arte de debuxar letras artísticas) e dirixido tamén a todo o alumnado do Instituto.

    

A idea é que a Biblioteca sexa un espazo central no que poder traballar a musltidisciplinariedade a través de actividades de aprendizaxe motivadoras para o noso alumnado.

   

Lecturas recomendadas de Nadal

Dende a Biblioteca do IES Coruxo e dende o Equipo de Dinamización de Lingua Galega, conscientes da importancia de seguir fomentando os hábitos de lectura do noso alumnado, fixemos unha escolla de libros de lectura recomendados para este Nadal para todas as idades.

A selección das obras baseouse no coñecemento que temos do noso alumnado, dos seus gustos e afecións e, en función das súas idades, fíxose unha escolla moi selectiva.

E lembrade! As familias tamén estades todas convidadas a coller os títulos que vos interesen a través dos vosos fillos e fillas.

Adxuntamos o tríptico pero tamén o podedes descargar na imaxe:

Aproveitamos para desexarvos unhas felices festas!

Conmemoración do acto 25N no IES Coruxo

O pasado venres conmemoramos no IES Coruxo o 25N, Día internacional contra a violencia de xénero, nun acto durante o 1º recreo no que participaron de forma voluntaria alumnado e profesorado.

  

Ademáis, ao longo destes días alumnado de Educación Dixital e Dixitalización deseñaron carteis de sensibilización e alumnado de diferentes cursos aportaron ideas para o deseño de chapas. O deseño gañador serviu de modelo para facer as chapas que logo levaríamos, de forma voluntaria, o alumnado e profesorado do Instituto.

  

Tamén leváronse a cabo diferentes actividades de sensibilización como a creación do punto lila, obradoiros nas titorías, charlas de prevención da violencia de xénero... ademáis das actividades que se están a desenvolver no marco do Proxecta + “Por 365 días de respecto e igualdade”

O IES Coruxo contra a violencia de xénero e todo tipo de violencias!

Entrega premios relatos e cabazas do Samaín no IES Coruxo

O martes 31 de outubro tivo lugar a entrega final de premios do Samaín no IES Coruxo cun acto final celebrado ao final da mañá.

A cerimonia consistiu na entrega de premios das diferentes categorías de relatos de medo en relación ao certame “En galego pasámolo de medo”, organizado polo Departamento de Dinamización Lingüística e polo equipo da Biblioteca.

 

Mención especial para o relato presentado por Leyre Álvarez de 1º Bacharelato, considerado como un relato de gran calidade por todos os membros do xurado avaliador.

Por outra banda, tamén se entregaron os premios de cabazas. As cabazas, como se pode observar nas fotos, foron de enorme orixinalidade e calidade. Este concurso tamén foi organizado polo equipo da Biblioteca.


Ademais, leváronse a cabo outras actividades como a maquillaxe terrorífica por parte de alumnado voluntario de 4º ESO a outros alumnos e alumnas que querían transformarse en seres realmente monstruosos ou as chulas de cabazas que elaboraron na materia de lingua francesa, ademais dos contos terroríficos que contaron nesa mesma clase.

 

Literatura e música no IES Coruxo

Esta semana (do 16 ao 20 de outubro) comezaron as actividades da nosa biblioteca coa celebración do día da escritora e, sobre todo, coa posta en marcha durante un novo curso escolar do Club de lectura.

Como en anos anteriores, púxose a andar o Club de lectura 23-24, onde o alumnado participante, a partires da lectura dunha obra seleccionada (e entretida), compartirá as súas experiencias lectoras con outros compañeiros nun entorno agradable, como é a biblioteca. Pero tamén están previstas moitas outras actividades dentro do club, como a próxima “tarde terrorífica”, que se celebrará o luns 31 de outubro pola tarde co gallo do Samaín.

Por outra banda, alumnado da materia de música de 1º Bacharelato acudiron a noite do mércores acompañados pola súa profesora a un concerto da Real Filharmonía de Galicia no Teatro Afundación de Vigo.

Agardamos espertar pouco a pouco o seu interese pola lectura e a música coas actividades realizadas e previstas.

 

DEBATE TELEVISADO a 9 (ou 7) na Biblio sobre o uso das TIC

Este mércores 11 de outubro un grupo de alumnas e alumnos de 1º e 2º de Bacharelato (organizados en dous grupos de 9 e 7 alumnos/as) trataron, a través dun ameno debate televisado na Biblioteca do Instituto, temas relativos o uso das TIC; en concreto debateron sobre o papel dos proxenitores nas RRSS, o sexting, as compras online ou os xogos online.

O alumnado mostrou unha extraordinaria capacidade de transmitir as súas opinións e razoamentos orixinais e moi ben argumentados, mantendo un diálogo ameno, crítico e construtivo e mostrando unha tremenda confianza de falar en público, máxime sabendo que o debate era televisado.

O noso alumnado foi expresamente felicitado polo grupo organizador do debate, que quedaron gratamente sorprendidos, destacando que “en Coruxo hai moito talento”.

Ademais de debater, o noso alumnado desfrutou dunha experiencia televisiva única,. sendo os principais e merecidos protagonistas dun moi entretido debate.  

Temos un enorme potencial no noso alumnado, ademais de amosar unha enorme calidade humana; o profesorado o sabemos e o noso reto é tratar de sacar o mellor deles mesmos.

Parabéns! Agardamos para vervos na tele!

La previa

Finalmente o día 29 de abril de 2024 sae televisado este debate co tema "O sextingno programa: "Conectad@s en familia" . 

Pódese ver o programa completo a través da plataforma: agalega.gal. 

Aquí tedes o link:

https://agalega.gal/videos/detail/139997-sexting-29-04-2024

Documental sobre Domingo Villar

A continuación podedes visualizar un documental sobre a figura de Domingo Villar, feito polo alumnado que participou no Clube de Lectura durante o curso escolar 2022/23 e dirixido polo profesor Roi Rodríguez Cagiao.

Distribuir contido


by Dr. Radut