Anagnórise

   Resultado de imagen de anagnórise  Anagnórise                            María Victoria Moreno    

 

  Despois de achegarse por vez primeira ao universo adolescente na súa obra Leonardo e os fontaneiros, María Victoria Moreno decidiuse a escribir unha nova novela para un público xuvenil: Anagnórise.

   Con esta verba de orixe grega o libro vai facendo un gran xogo ao longo da súa trama, que se configura a través dunha viaxe en coche entre algún punto da Galiza e Madrid. Esta viaxe une as vidas de Nicolau, un rapaz que decide facer autostop para fuxir dos seus problemas, e unha condutora adulta case descoñecida até o final.

   As leas do rapaz van dende unhas malas relacións familiares a un conflito amoroso que tivo con Natalia, a súa namorada. Ao longo da viaxe, a condutora adulta sen nome trata de averiguar as circunstancias que moven a Nicolau para facer esa viaxe só. Deste xeito, a muller consegue (moi lenta e paulatinamente) descubrir a súa historia e, ao cabo, gañar a súa confianza. Grazas a isto, a condutora decátase de quen é o rapaz que subiu no seu coche, e cae na conta da relación non coñecida ata o final (de infarto, por certo) entre ela e o rapaz. Por isto é que (aínda que empregando tamén a súa sabedoría adulta) a muller semella coñecer perfectamente os seus pensamentos, e a súa identidade verdadeira, co que se dá sentido ao título da novela.

   Esta obra, que para Montse Pena (n' A voz insurrecta) supuxo unha pequena gran revolución na literatura xuvenil galega,  foi traducida ao resto das linguas peninsulares, foi  eloxiada pola crítica e  incluída na Lista de Honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil), así como na Biblioteca Galega 120, publicada por La Voz de Galicia no 2002.

   Estes recoñecementos veñen a salientar a calidade narrativa e a orixinalidade do libro, así como outros aspectos da trama: o achegamento  das drogas á adolescencia ou os prexuízos machistas do protagonista respecto a que quen a recolla para facer unha viaxe longa sexa unha muller, reconvertidos por esta en clave feminista.

   Como curiosidade, teño que dicir que olfacteando un pouco en internet non atopei ningunha referencia á “sorprendente” similitude entre a protagonista deste libro e a súa autora, pois trátase dunha señora á que lle gusta conducir, que coñece os segredos do mundo do motor (María Victoria Moreno incluso lle poñía nome ou alcume aos seus coches), que resulta ser escritora, e claro está, que é unha muller adulta e madura. Para colmo, cando ela escribiu a novela destinárona ao instituto de Vilalonga, e, segundo di Montse Pena, para Moreno foi unha ledicia ter que coller o coche tódolos días para percorrer a distancia entre Pontevedra e Sanxenxo, xa que antes traballaba no Valle-Inclán da mesma cidade do Lérez.

   Por certo, durante a súa estancia en Vilalonga “reencontrouse” coa súa benquerida Sara Alonso, cando era unha nova profesora adxunta e María Victoria a xefa do departamento.

                                                                                                                                             Samuel   Fernández  4º ESO C