NOVAS
ESTAMOS DENTRO!
Comezamos un novo curso e queremos darvos a benvida a todos e a todas.
Esperamos que este curso veña cargado de proxectos emocionantes.
Hoxe saíu a resolución do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
VISITA AO IES BREAMO DE PROFESORADO ERASMUS DE FRANCIA
O xoves 19 de xaneiro tivemos a sorte de contar con cinco profesores Erasmus de Francia no IES Breamo, que estiveron no noso centro co fin de observar en primeira persoa como se traballa a competencia emocional e a inclusión nas aulas, en que medida está presente a tecnoloxía no proceso de ensino-aprendizaxe e como implementamos o respecto polo medio ambiente e a ecoloxía no día a día.
A visita quedou inmortalizada coa gravación na radio escolar do centro dun podcast de despedida.
1º PREMIO NO CONCURSO "TIRALLE DA LINGUA" PARA LIDIA CHAPEL E CAROLINA LÓPEZ
O alumnado e profesorado do IES Breamo está implicado coa promoción do uso do galego. É por iso que os rapaces e rapazas participaron no concurso de relato oral Tiralle da Lingua, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e dirixido ácomunidade educativa.
Este concurso, que xa está na súa XXI edición,deixounos no Breamo o primeiro premio na categoría do 2 ciclo da ESO e postobligatorio, da man de Lidia Chapel Fernández e Carolina López Cabarcos, de 4ESO. Nel, daban conta dunha maneira "humorística" (a través dunha viaxe no tempo) da realidade que estamos a vivir: as consecuencias da COVID, o cambio climático e as guerras, de aí o título: Os tolos anos 20.
PEPE BARRO VISITA O IES BREAMO
O venres 16 recibimos a visita de Pepe Barro, referente do deseño gráfico a nivel nacional, debuxante, escritor, comisario de exposicións, en resumo; personaxe de importancia no eido da plástica galega.
Pepe mostrou unha escolma dos seus traballos sobre os diferentes ámbitos do deseño gráfico: deseño de produto, de espazos expositivos, de identidade corporativa, editorial, publicitario...
Todo isto acompañado das explicacións do propio autor, todo un luxo.
REBELIÓN CIENTÍFICA
Hoxe tivemos no centro a REBELIÓN CIENTÍFICA, que veu falar da crise climática e ecolóxica, centrándose sobre todo nas causas da mesma e nas perspectivas de futuro.
Foi unha pequena conferencia para o alumnado de 4ºESO e 1ºBAC. Estiveron científicos de diferentes ramas que explicaron a progresión da crise climática, ecolóxica, ambiental e enerxética, pero tamén fixeron fincapé nos cambios estruturais que se deben levar a cabo, e a función que estas novas xeracións teñen no modelo económico e social actual.
DÍA DO VOLUNTARIADO
O pasado día 5 conmemoramos o día internacional do voluntariado coa presenza no centro de dúas organizacións da zona, EuroEume e Betula. Realizaron una actividade co alumnado de primeiro de bacharelato co obxectivo de crear conciencia e animalos a formar parte das diferentes propostas de voluntariado que organizan tanto a relacionadas co medio ambiente como con outros temas de relevancia como a igualdade, o deporte ou a terceira idade.
AMANTIS
A compañía de teatro Rebordelos ofreceu esta mañá no noso centro a peza teatral AMANTIS, protagonizada polo actor Roque Ruíz. Conta a historia dun rapaz de barrio obreiro que quere ser “influencer”, amado, aceptado e que nese camiño topa coas trampas dun universo intanxible no que non todo é o que parece e no que descubrirá que el mesmo non é quen pensaba ser.
A peza explora a brecha xeracional entre nativas/os e non nativos/as dixitais, tentando comprender como inflúen as redes sociais, o selfie e o sexting na formación da identidade propia e nas relacións interpersoais. Fai un retrato das novas linguaxes coas que se relacionan os adolescentes e de como estas inflúen dun xeito determinante.
VISITA DO "CLUB FERROL ABECONSA BASKETMI"
Desde o centro apostamos polo deporte inclusivo na escola.
É por iso que agradecemos a visita do "Club Ferrol Abeconsa Basketmi" para explicarlle ao alumnado de 4º de ESO e 1º de bacharelato a práctica do baloncesto en cadeira de rodas.
En próximas datas volverán para facer unha sesión práctica.
ARRANCA A ESCOLA DE NAIS E PAIS
O IES Breamo e a ANPA APERTA en colaboración co CFR de Ferrol puxo a andar a Escola de Nais e Pais co obxectivo de falar de todos aqueles temas que preocupan ás familias e dos que queiran informarse.
O pasado xoves 24 de novembro celebrouse a primeira xuntanza que, impartida por
ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia), versou sobre o uso e control das redes sociais: adultos e adolescentes nas TRIC (tecnoloxías de relación, información e comunicación).
A charla, que discorreu nun ambiente distendido, con alta participación das familias, foi todo un éxito.
Á palestra saíron numerosas anécdotas interxeracionais das familias sobre tempos pasados na relación cos pais e nais nun mundo “off line” e as dificultades para o acompañamento ós fillos e fillas nas RRSS.
As familias, sumamente satisfeitas polo debate enriquecedor con Cristina Martínez Bernárdez (psicóloga e psicoterapeuta da asociación ASEIA), pensan xa na segunda xuntan do próximo mes de xaneiro que levará por título: adolescencia e saúde emocional: entre a comunicación e os límites.
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- seguinte ›
- última »