Skip to Content

CRA A Tarandeira - Lugar da Esfarrapa, 52 - 15147 Coristanco (A Coruña) - 881 88 05 52 - cra.atarandeira@edu.xunta.gal

COÑECE A ESCOLIÑA DE OCA

O noso día a día vívese a través da cooperación entre as idades mixtas que conviven na aula, esa é a clave para que todos alcancemos o éxito!

A nosa escola atópase no lugar de Oca (Coristanco), tan só a 5 minutos do concello de Carballo, por iso temos compañeiros que veñen de alí. Na escola impártense os niveis de 4º, 5º e 6º de educación infantil e tamén de 1ºe 2º de primaria, agora mesmo somos 10 nenos e nenas. Unha pequena familia!

Na nosa escola todos os espazos serven para aprender, tanto os interiores coma os exteriores.

Na planta baixa, contamos cunha zona de traballo en calma onde entramos con zapatillas e traballamos nas diferentes propostas, con bandexas, na mesa ou en alfombras no chan. As veces aprendemos todos xuntos, outras traballamos en equipos e outras veces de forma individual, sempre coa axuda e atención dos mestres. Na nosa escola sempre estamos coa mestra Ángela e tamén cos diferentes especialistas que veñen apoiarnos (Inglés, Música e Plástica, Educación Física, Relixión e Proxecto competencial e mestres de apoio).

Na planta alta temos unha zona máis de movemento, onde facemos o patio e educación física, se o tempo non nos permite saír. 

Finalmente, no espazo exterior, temos un parque de xogos, un areeiro, merendeiros, un horto e zonas verdes!. 

Na nosa escola cada neno e nena é diferente, cada un precisa o seu tempo, por iso na escola o tempo é moi flexible e pódese adaptar en función dos nosos intereses e necesidades. Nos non temos alarmas!  Pero si seguimos unas rutinas que nos marcan os diferentes momentos da xornada: 

  • A entrada relaxada: poñemos zapatillas e mandilóns e entramos libremente a explorar as propostas que nos esperan no interior. 
  • O activa-T: exercicio físico para activar o noso cerebro.
  • Asemblea todos xuntos: escollemos encargados e organizamos o día. 
  • Propostas de traballo dirixido
  • Merenda e recreo
  • Hidratación e relaxación (Mindfullness, Ioga infantil…)
  • Especialidades ou propostas máis libres. 
  • Despedida: recollemos e preparámonos para marchar mentres soa a canción de despedida. 

Na escola contamos con todo tipo de materiais, tanto naturais e de refugallo como  materiais manipulativos de madeira. En canto a metodoloxía, intentamos nutrirnos do mellor de cada unha: Montessori, Reggio Emilia, traballo por proxectos, aprendizaxe cooperativa, novas tecnoloxías, o xogo, aprendizaxe sensorial, pedagoxía da luz…

Para nós as actividades teñen que ser experiencias reais, por iso resolvemos problemas e retos no día a día!

Finalmente, dicir que as portas da escola están sempre abertas ás familias, elas colaboran moito con nos e estamos sempre en contacto!

Ven a coñecernos!



page | by Dr. Radut