Día Internacional da Educación

Antolín Martínez

Hoxe, 24 de xaneiro, é o Día Internacional da Educación. Sería interesante reflexionar sobre as palabras de María Montessori: "A responsabilidade de evitar conflitos incumbe aos políticos; a de establecer unha paz duradeira aos mestres". A clase de 4° fixemos un pequeno vídeo conmemorativo.

Visita cultural de 4º de Primaria

Antolín Martínez

O 18 de xaneiro o alumnado de 4° reaulizou unha visita con carácter cultural e á vez lúdico á cidade de Lugo. A primeira visita foi á Afundación Abanca para ver a exposición A nosa arte; a segunda ao Centro Sociocultural O Vello Cárcere, onde explicaron a evolución histórica do edificio e as diferentes actividades que nel se desenvolven. Ambas visitas contaron ademais cunha parte práctica a través de dous obradoiros.

Punto de Información Xuvenil no noso centro

Dep. Orientación

Hoxe estivo no noso centro unha representante do Punto de Información Xuvenil da Xunta de Galicia para asesorar e informar ao noso alumnado das ventaxes e das posibilidades que ofrece a validación do carné xove.

Esta actividade tivo un considerable éxito entre o noso alumnado, xa que foron moitos e moitas os que fixeron uso tanto da activación como da creación do carné xove, facilitando así dende o centro a oportunidade para que todos e todas teñan a posibilidade de estar ao tanto de todas as ventaxes deste servizo no seu día a día.

Curso de iniciación á natación

Dep. Ed. Física

O alumnado de 1º e 2º de educación primaria, acompañados dos seus titores, Victoria e Ricardo, desprazáronse ás instalacións do Club Fluvial de Lugo para tomar parte da primeira sesión do curso de iniciación á natación, que este centro ten programado para este trimestre escolar para dito alumnado.

Esta actividade é posible gracias ao finanzamento do Concello de Friol, que cubre en exclusiva tanto os gastos derivados da formación como do desprazamento ás instalación do Club Fluvial. Os nenos e nenas do primeiro ciclo de educación primaria terán un total de 9 sesións neste trimestre, que se celebrarán nas mañás dos mércores. Damos así a posibilidade aos nenos do rural de realizar un dos deportes máis completos e formativos que existen e de poder realizalo en horario lectivo, de xeito que a totalidade do alumnado poida ser partícipe de dita actividade. Esta acción enmárcase dentro do proxecto deportivo do noso centro e conxuntamente coa creación do equipo de natación do noso centro, supón un importante impulso deste deporte no noso colexio.

"Vaca de moitos, ben muxida e mal mantida"

Mestres Gandeiros

Esta semana contamos coa presenza de Manuel Alberto Gómez, profesor na Facultade de Economía e Empresa da Universidade de Coruña, quen explicou ao alumnado de 3º da ESO os diferentes tipos de bens (privado, común, público...) e incentivou a toma de conciencia sobre a necesidade de facer unha xestión sostible dos bens comúns (peixerías, montes, pastos...). Fíxose dunha maneira lúdica e atractiva para o público adolescente, establecendo conexións e paralelismos entre a ciencias económicas e o fantástico Universo cinematográfico Marvel!

Obradoiro "Habilidades Sociais"

Dep. Orientación

O programa de formación continúa para o noso alumnado a través dos distintos obradoiros programados polo Departamento de Orientación. O xoves 11 foi a vez para dar comezo un novo taller de habilidades sociais para o alumnado de 1º da ESO, que se prolongará nas seguintes semanas a través de tres sesións. A charla foi impartida por María Barreiro, do Servizo de drogodependencias de varios concellos limítrofes. Este centro quere seguir incidindo na mellor capacidade formativa dos nenos e nenas a través dun amplio programa que redunde no benestar social e emocional do propio alumnado.

Esta acción enmárcase dentro do proxecto colaborador que o noso centro educativo ten co Servizo de prevención de drogodependencias e adiccións dos Concellos de Otero de Rei, Rábade, Castro de Rei, Begonte e Friol.

Agradecemos a súa continua e desinteresada colaboración co noso colexio e que terá continuidade con outros obradoiros a celebrar neste trimestre co alumnado de educación primaria e secundaria.

Obradoiro de benestar emocional

Dep. Orientación

O alumnado de 3º de Eso asistiu o pasado xoves 11 a un obradoiro de benestar emocional a través da educación afectivo-sexual, impartida por unha especialista do centro Quérote+ da Xunta de Galicia.

A mocidade, de forma xeral, segue a ter unha visión da sexualidade estigmatizada, estereotipada e mitificada, estando presentes de forma explícita e implícita unha serie de elementos que deforman e repercuten na visión e na
vivencia da mesma. Seguen a manifestar dúbidas e inquedanzas sobre aspectos básicos do feito de ser sexuado e teñen dificultades para acceder a fontes de información fiables que lles aporten ferramentas útiles que contribúan no seu proceso de sexuación
 
A autoestima é a valoración que a persoa ten sobre si mesma. Traballar sobre como se conforma e aportar ferramentas e estratexias de afrontamento é esencial para promover o benestar da mocidade. É un indicador de axuste psicolóxico e adaptación social, polo que é importante cultivala.

Coa análise da nosa autoestima promovemos o propio coñecemento e aceptación, así como a aprendizaxe de habelencias sociais, como nos relacionarnos de xeito positivo facendo uso do bo trato.

Festival de Nadal 2023

ANPA

Como en anos anteriores, a ANPA do noso centro educativo organizou, coa asistencia de todo o alumnado de educación infantil e primaria, o Festival de Nadal, que resultou todo un éxito organizativo.

Moitos destes nenos e nenas foron ademais protagonistas das distintas obras de teatro e bailes musicais, que fixeron as delicias do numeroso público asistente ao mesmo.

Dende o centro queremos dar os parabéns a ANPA polo seu traballo e compromiso coa comunidade escolar, ademais do grande traballo de Nerea Cobas e Pilar Rueda, tendo un especial recoñecemento para esta última pola seu incansable labor cos nenos e nenas deste colexio durante tantos anos.

Xubiliación de Mari Carmen Rodríguez

Felipe Barata

O último lectivo do presente trimestre foi un día moi especial para a nosa auxiliar de cociña, Mari Carmen Rodríguez, xa que poñía punto e final a unha longa traxectoria profesional, xa que chegaba o momento dunha merecida xubilación.

Traballadora exemplar, Mari Carmen desempeñou o seu labor durante máis de 30 anos no noso colexio, nos que viu pasar a varias xeracións de mozos e mozas deste pobo. Membros do equipo directivo, do equipo de cociña, do profesorado e do persoal laboral estiveron presentes neste sentido homenaxe a unha gran persoa que desempeñou con entusiasmo o seu labor profesional.

Actividades de Plástica de Primaria en Inglés.

Eva Doel

Resumo das actividades de Plástica de Ed. Primaria en Inglés realizadas durante o primeiro trimestre.

Distribuir contido