Skip to Content

Plan TIC

INTRODUCCIÓN

 No anexo IV do Decreto 130/2007 do currículo de Primaria especifícase que os centros educativos deberán elaborar e incluír nos seus Proxectos Educativos de Centro (PEC), proxectos de incorporación das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aos procesos de ensino e aprendizaxe.

O proxecto do noso centro parte da análise do contexto en materia de Tecnoloxías da Información, e articula todas as intervencións que se van realizar no centro en relación coas mesmas.

Inclúe o Plan Anual de Desdobres de Informática formando parte da Programación Xeral Anual.

ANÁLISE DO CONTEXTO

 A valoración inicial con respecto á incorporación das TIC lévanos ás seguintes reflexións:

·        Recursos

o       Nestes intres o centro conta con infraestructura suficiente para que todo o alumnado poida acceder ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación: En todas as aulas hai un ordenador con conexión a internet e á Intranet. Tentarase renovar en breve os dous máis antigos e lentos.

o       A biblioteca, a sala do profesorado e o Departamento de Orientación contan con dous ou tres ordenadores cada espazo.

o       A aula de informática ten 15 equipos (dos 17 anteriores estropeáronse dous e aínda non se repuxeron) para o alumnado, un ordenador portátil conectado ao proxector e outro ordenador que funciona como servidor da Intranet.

o       Unha das aulas da planta Sur abaixo ten  proxector, e estamos pendentes da colocación de outro na planta superior.

o       Na aula de Música está ubicada a pantalla dixital co seu proxector ademáis dun proxector de teito conectado ao ordenador principal.

o       No almacén está o visualizador dixital de opacos co seu proxector que pode retirar calquera profesor que o precise.

o       Nun dos corredores, ao lado da biblioteca hai 3 ordenadores sen conexión á rede para usar libremente polo alumnado os martes, mércores e xoves durante o recreo. O responsable do Plan TIC supervisa este espazo..

o       Ademais dos 49 ordenadores fixos e dos 5 portátiles no centro temos tres fotocopiadoras (una delas en mal estado, as outras dúas son láser e unha ademais  que imprime cores), dúas impresoras en dirección , una láser en secretaría, dúas en orientación, una láser na biblioteca e outra láser en informática. Tamén temos un escáner en dirección, outro na sala do profesorado, e outro en informática. Hai web cam en secretaría, cámara de fotos e cámara de vídeo dixitais que se poden coller en dirección.

o       Neste últimos anos constatamos que a maioría do alumnado conta cun ordenador na súa casa e moitos deles teñen conexión a internet. Mesmo as familias con menos recursos incorporan o ordenador e os móbiles en elementos de uso habitual.

·        Formación do profesorado:

o       Perto do 90% do Claustro ten un coñecemento suficiente do procesador de textos e da búsqueda en internet; utiliza habitualmente o ordenador para programar, preparar os controis, facer listados do alumnado e follas de observación. Tamén para buscar información en internet e documentos de interese sobre os temas traballados, especialmente fichas de reforzo ou ampliación do aprendido.

o       O responsable de Novas Tecnoloxías asesora e apoia a todo o profesorado tanto sobre aspectos relacionados co hardware como no relacionado coa instalación e funcionamento dos programas. As profesoras de apoio informan aos compañeiros/as de páxinas educativas de interese relacionadas coa ampliación e o reforzo, o profesor de Educación Física, que tamén realiza o apoio ao titor na aula de informática, asesora e apoia aos compañeiros en aspectos relacionados coas aplicación Excell, Acces e Power Point, …

o       Máis da metade do Claustro participou en cursos de formación sobre as TIC.

o       Case a totalidade dos titores utilizan a aplicación XADE para poñer as calificacións do seu alumnado, comprobar ou actualizar datos e nalgúns casos poñer as faltas de asistencia e puntualidade.

o       So o 25% do profesorado coñece e usa o Meiga para realizar o préstamo de libros. O 80% non sabe realizar consultas na OPAC. So dúas profesoras utilizan o programa Meiga na catalogación dos recursos.

 

·        Uso prioritario no centro

o       Os ordenadores da sala do profesorado utilízanse basicamente para ler os correos particulares e intercambiar información sobre páxinas ou documentos de interese. Nestes ordenadores ubicamos unha copia dos principais documentos do centro: programación Xeral PCC, RRI, os diferentes plans, documentos de interese para o desenvolvemento da función titorial ... Tamén documentos de interese de carácter xeral como lexislación actualizada ou relacionados coa adquisición das competencias básicas.

o      Nun dos dous ordenadores da biblioteca está instalado o programa Meiga de xestión de Bibliotecas e polo tanto é neste ordenador onde se realiza a catalogación e o préstamo así como a impresión de etiquetas.O outro utilízase básicamente para realizar búsquedas na OPAC.

o      A Pizarra Dixital está a ser utilizada de forma habitual pola profesora de Música e pola profesora de Inglés.

o       So un 25% do alumnado utiliza os ordenadores da biblioteca.

o       So un 2% das familias solicitaron asesoramento sobre o uso educativo do ordenador como apoio á aprendizaxe.

o       A aula de informática está a disposición da ANPA do centro que xestiona as clases extraescolares de informática os luns pola tarde de 4 a 5:30 para un nivel inicial e de 5:30 a 7:00 para o nivel avanzado. A conserxe achégase ao centro a esta hora para pechar. A ANPA responsabilízase da reposición de calquera desperfecto ou deterioro do material que se emprega nas clases.

·        Organización dos recursos

o       Todas as aulas teñen asignada unha sesión semanal para acudir á aula de informática. Nesta aula contan cun profesor que apoia ao titor ou colabora con este no desdobre do alumnado segundo ambos profesores acorden, en función do número de alumnos e dos aspectos a traballar.

o       Neste intres acoden semanalmente á aula de informática na modalidade de desdobre os niveis  a mitade das aulas, aquelas nas que hai arredor de 24 alumnos/as e optouse polo desdobre[1] para que cada un puidese ter o seu ordenador. Sen embargo cada alumno/a so acode á aula de informática quincenalmente.

o       Nas demais aulas o  alumnado pode acodir semanalmente. As aulas de 1º están reforzando a mecánica e a comprensión lectora co programa “Ven a leer con Pipo1” e o alumnado do de 6º A está aprendendo a facer unha presentación en power point, logo de buscar información e imaxes en internet ou noutras fontes, seleccionala, resumila e presentala.

o       Os especialistas, sobre todo de lingua estranxeira, utilizan a aula de informática nos espazos que non están asignados a unha titoría.

·        Mantenemento

o       Todos os ordenadores do centro teñen configuradas dúas contas de usuario: alumnado e profesorado, nesta última, con funcións de administrador, precísase contrasinal.

o       O profesorado titor  é o responsable do ordenador de cada aula, que debe quedar apagado ás 14:00 h., antes de deixar o centro (ou apagarao, en calquera caso, o especialista que faga uso do mesmo na última sesión.

o       A conserxe abre cada día a porta da aula de informática e encende o servidor encargándose de apagalo e de pechar ás 13:55h.

o       O responsable do Plan TIC informa ao equipo directivo das deficiencias e necesidades detectadas: consumibles, hardware, antivirus, etc… e participa nas decisións do equipo directivo relacionadas coas Novas Tecnoloxías. Non se poden descargar programas nos ordenadores da  sala do profesorado sen consultalo primeiro co responsable TIC.

o       O profesorado que fai uso da aula de informática co seu alumnado vela polo mantemento estricto da mesma tanto de sillas, cascos, pantallas, como da limpeza do escritorio. Aínda que a maioría dos usuarios cumpre estes requisitos hai cursos que non coidan da estricta colocación e uso dos recursos.

o       O equipo directivo encárgase da actualización e mantemento da páxina web dinámica do centro, aberta á participación de todo o profesorado e da comunidade educativa.

OBXECTIVOS XERAIS

1.     Identificar o hardware extremando as medidas necesarias para a súa perfecta conservación.

2.     Manexar o entorno Windows e o escritorio.

3.     Iniciarse no manexo dun editor de textos  de presentacións

4.     Usar os reprodutores Media.

5.     Manexar os contidos da Intranet e de programas educativos de reforzo e ampliación.

6.     Buscar, seleccionar e gardar información de internet.

7.     Adecuar condutas de organización da memoria dixital.

8.     Respectar as normas de comportamento básicas da aula TIC.

9.     Mellorar a páxina web dinámica do centro e darlla a coñecer á comunidade: http://www.edu.xunta.gal/centros/cepantoniomagarinos

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

1.      Establecer, a nivel de centro, un horario específico para a aula de informática así como da Pantalla dixital ou dos proxectores.

2.      Completar os recursos, especialmente das dúas aulas con ordenadores moi vellos.

3.      Establecer en cada área as estratexias axeitadas para o desenvolvemento da competencia dixital.

4.      Desenvolver a competencia dixital no manexo dos procesadores de texto e presentacións.

5.      Desenvolver as destrezas para buscar, avaliar, seleccionar información na Rede, transformala en coñecemento e compartir ese coñecemento cos demais.

6.      Contemplar a atención á diversidade do alumnado en canto a estilos de aprendizaxe, intereses, necesidades de apoio, … e facerlle sentirse competente no eido dixital, coa axuda que precise.

7.      Detectar as necesidades específicas de apoio ao profesorado relacionadas coa competencia dixital, (especialmente dos programas relacionados co funcionamento do centro: xade, meiga, web, …) e deseñar programas específicos de intervención.

8.      Especificar as estratexias de coordinación coa ANPA, Concello, Editoriais e outras entidades relacionadas coa mellora da competencia dixital.

9.      Organizar os recursos humanos e materiais para conseguir a máxima  e a perfecta conservación dos mesmos, especialente na aula TIC.

10. Potenciar a actualización e a formación do profesorado para que contribúa ao desenvolvemento da competencia dixital.

11. Utilizar a aula TIC como espazo de consulta.

12. Facilitar a búsqueda de recursos de interese na Rede.

13. Habilitar procedementos para a actualización constante da web dinámica.

CONTIDOS

 

Os contidos do Plan de incorporación das TIC organízanse en torno a seis ámbitos

1.     A competencia dixital como ferramenta de aprendizaxe, a través dos contidos e materiais de reforzo e ampliación: Clic, Ardora, Pipo, ...

2.     A autonomía e práctica habitual no manexo dos procesadores de texto e presentacións.

3.     A competencia dixital, medio para satisfacer os intereses persoais no  lecer e na relación con outras persoas.

4.     A competencia dixital como ferramenta administrativa: xade, meiga, … (Profesorado)

5.     A xestión e uso dos recursos e do hardware que temos no centro (pizarra dixital, proxectores, cámaras, scaner...)

6.     O uso das tecnoloxías da información e a comunicación como medio para fortalecer o resto dos ámbitos.

ORGANIZACIÓN

 

Establécense reunións mensuais do responsable TIC cos compoñentes do equipo de directivo nas que se avaliarán as actividades realizadas en cada nivel, a súa aceptación polo alumnado, a dificultade que presentan, o grao de cumprimento das normas establecidas .. Levará a cabo tamén as propostas de participación, de adquisición de recursos , de novas propostas organizativas ... O profesor responsable do Plan terá dúas horas semanais para realizar tarefas relacionadas co desenvolvemento do mesmo.

O profesorado que participa no apoio aos titores para acudir á aula TIC ha de coñecer o funcionamento do hardware e software así como a prioridade do cumprimento e mantemento das normas na aula.

Continuaremos, a curto prazo, coa organización establecida ata este momento e que se recolle nas páxinas 4 e 5 deste documento

AULAS

De cara a fomentar  a competencia dixital do alumno sería de interese que o profesorado establecese nas súas programacións a posibiblidade de que éste empregase o ordenador da aula ben para realizar actividades de reforzo, de ampliación, de busca de información, de exposición dos traballos realizados,… Para que esto sexa posible o profesor/a ha de organizar tempos de acceso, momentos nos que sexa posible esta actividade dentro da dinámica propia da aula

 

BIBLIOTECA

            O equipo da Biblioteca xestiona o préstamo e realiza a catalogación dos libros a través do programa Meiga  a través do ordenador principal. Nestes intres a maioría do alumnado rexistra tamén o préstamo neste programa.

            O segundo ordenador  ten como finalidade que o alumnado poida realizar as consultas[2] na OPAC e a partir deste aprenda a localizar o libro no estante correspondente. Tamén debemos ensinarlles a utilizalo para atopar información sobre temas do seu interese e para realizar consultas. Ler no ordenador tamén é ler.

AULA DE INFORMÁTICA

            O horario de uso da aula de informática recollerase na Programación Xeral Anual. Cada clase contará cun profesor de apoio na hora que a tal clase se lle asigne.

            Os especialistas poderán facer uso da aula no horario sen asignar ás titorías, comunicándollo previamente á xefa de estudios.

O titor acorda co profesor de apoio na aula de informática os contidos  a desenvolver e a modalidade de organización, ben sexa o desdobre ou ben o apoio dentro da aula.

            A cada alumno asignaráselle un ordenador e será o que lle corresponda ata o remate de curso.

            O alumno/a  so poderá acceder á sesión de alumnado. Os traballos realizados gardaranse na carpeta de “Mis documentos”  identificada co nome do rapaz/a e do curso ao que corresponde.

Nengún alumno nen profesor poderá alterar os iconos do escritorio agás llo comunique previamente ao responsable do Plan TIC. Nengún profesor poderá instalar programas sen comunicarllo previamente ao equipo directivo ou ao responsable das TIC.

            Cinco minutos antes do remate da sesión iniciarase a recollida da aula, de xeito que os cascos queden colocados no lugar correspondente, as pantallas e altavoces apagados, e as sillas na posición correcta.

AULA DE USOS MÚLTIPLES

O horario de uso da aula de Usos Múltiples recollerase na Programación Xeral Anual.

            Os titores e especialistas poderán facer uso da aula no horario sen asignar á Educación Musical, comunicándollo previamente á xefa de estudios

METODOLOXÍA

 

Todas as actuación se enmarcan nun enfoque integrador, cooperativo, funcional, sociocultural que favoreza a formación de usuarios competentes, capaces de comprender, analizar e interpretar diversidade de situacións comunicativas, xéneros discursivos e tipos de texto, así como acceder a fontes de información e documentación variadas.

ACTUACIÓNS COMÚNS DO PROFESORADO

 

Correspóndelle ao profesorado planificar experiencias de achegamento do alumnado ao mundo dixital e favorecer o clima de responsabilidade no uso dos recursos e espazos que están á súa disposición no centro. As actuacións que se sitúan no enfoque antes citado comprenden os aspectos seguintes:

·        Selección de contidos  e selección de materiais axeitados

·        Acondicionamento e mantemento dos recursos e tecnoloxías da información e a comunicación …

·        Selección de momentos específicos para posibilitar o máximo acceso posible do alumnado ás novas tecnoloxías na aula ordinaria e no centro.

·        Práctica sistemática das estratexias do manexo de procesadores de textro e presentacións

·        Desenvolvemento das actividades co alumnado.

·        Planificación de actividades complexas (creación de libros, dramatización de textos, elaboración de presentacións ppt., creación de guías turísticas, colaboración no xornal do centro ou nos contidos da páxina web), que favorezan a integración da novas tecnoloxías da información e a comunicación.

·        Proposta de materiais de interese e contidos que deban formar parte da web do colexio ou da web dinámica, tendo en conta as necesidades das diferentes áreas e os intereses do alumnado.

RECURSOS

HUMANOS

·        Responsable do Plan de Incorporación das TIC no centro

·        Mestres de apoio na aula de informática.

·        Profesorado do centro

·        Alumnos/as colaboradores

MATERIAIS

·        Ver no Anexo II

AVALIACIÓN

Realizarase unha avaliación continua dos avances ou dificultades da posta en marcha do proxecto e das súas consecuencias.

INDICADORES CUALITATIVOS

Respecto ao profesorado:

Uso do ordenador da aula, e da biblioteca escolar nas súas programacións

Consultas realizadas ao responsable do lan TIC

Utilización dos recursos da aula de informática e da de Usos Múltiples, así como dos proxectores nas aulas.

Grao de colaboración e participación nas actividades complementarias e extraescolares.

Formación realizada neste ámbito

¿Aumentou o número de profesores que sabe realizar búsquedas na OPAC, utilizar o xade, facer presentacións e usar os procesadores de texto de forma habitual?

Respecto ao alumnado

Índice de consultas e uso do ordenador da aula ordinaria.

Grao de utilización dos recursos das aulas de informática e de Usos Múltiples

Valoración dos contidos e programas utilizados.

¿Aumentou o número de materiais creados polo alumnado  en formato dixital, así como as súas aportacións ao cornal ou á páxina web do centro?

¿Aumentou o número de comentarios críticos e valoracións sobre os contidos traballados?

Participación nas actividades extraescolares

Respecto ao proxecto

Os apoios recibidos para a implementación do proxecto no centro

Grao de utilización do ordenadores e demais recursos tecnolóxicos do centro.

Grao de utilización do espazo da bibioteca para documentación e consulta.

Vías de difución utilizadas para o coñecemento das produccións escritas e actividades realizadas polo alumnado.

Respecto das nais, pais e a comunidade.

Participación nas actividades

Coñecemento dos obxectivos do programa

Colaboración regular do profesorado e da comunidade´.

ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

 

                 Establécense entre o profesorado do centro mecanismos de coordinación, seguimento, deseño conxunto de estratexias, procura de materiais e recursos … que faciliten a organización e desenvolvemento de programas de reforzo para atender á diversidade do alumnado.

                 No Plan de atención á Diversidade inclúense as  cuestións organizativas das sesións de apoio ou reforzo, periodicidade, duración das sesións, atención individualizada  ou en pequenos grupos e responsable de impartir as sesións de apoio.         

SEGUIMENTO DO PLAN de incorporación das TIC

 

As actuacións expostas anteriormente serán coordinadas polo mestre responsable do Plan TIC baixo a supervisión da xefatura de estudios. O responsable do Plan informará trimestralmente no Claustro do seu grao de cumprimento e recollerá na Memoria final de curso  a valoración do traballo desenvolvido e as propostas de mellora para o vindeiro curso.

As actuacións recollidas  neste Proxecto incorporaranse á Programación Xeral Anual e integraranse, segundo corresponda, no Proxecto Educativo de Centro, programacións didácticas e programacións de aula das distintas áreas e materias. Serán revisadas e avaliadas anualmente.

As actuacións propostas serán desenvolvidas por todo o equipo docente, tendo en conta ao alumnado (intereses, gustos, …)

Este Plan foi aprobado polo Consello Escolar o día  29  de  abril de 2010




[1] Véxase a programación específica dos desdobres no Anexo I deste documento.

[2] Programarase unha sesión no mes de setembro para ensinarlle ao profesorado do centro a realizar consultas na OPAC.

.

 



blog | by Dr. Radut