CURSO 2016/2017
30/5/2017
CHARLA SEGURIDADE NA REDE 2017
O martes 30 de maio recibimos un ano máis a visita da Garda Civil no noso centro para afondar na seguridade do uso da rede dos nosos alumnos. Os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º recibiron unha instrutiva charla sobre o emprego seguro de redes sociais, telefonía móbil, e as novas tecnoloxías en xeral que poidan supor riscos no seu uso na rede. Unha vez máis queremos expresar o noso agradecemento á Garda Civil pola súa labor coa mocidade.
Se queres ver como aprendemos a movernos máis seguros pola rede, fai click aquí
15-16/5/2017
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Os días 15 e 16 de maio conmemoramos no CEIP Valle-Inclán o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a Carlos Casares (1941-2002), escritor ourensán que pasou a súa infancia moi preto de nós na vila de Xinzo de Limia. Nestes días fixemos diversas actividades para coñecer mellor a súa vida e obra, e gozamos dalgunhas das súas creacións máis entretidas e enfocadas a nenos e non tan nenos, como "As laranxas, máis laranxas, de todas as laranxas" ou "A galiña azul". Para rematar, elaboramos entre todos un fermoso mural para a ocasión presidido por unha bonita e simpática galiña azul.
Se queres ver como celebramos o Día das Letras Galegas, fai click aquí
10/5/2017
NAVEGA CON RUMBO
O mércores 10 de maio os alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º recibiron unha interesante charla sobre o uso responsable de Internet, dentro do programa "Navega con rumbo" da Xunta de Galicia. Neste encontro os nosos alumnos aprenderon a identificar e evitar os posibles perigos que podemos atopar na rede, para facer un uso responsable e produtivo dela sen riscos.
Se queres ver como aprendemos a navegar con rumbo pola rede, fai click aquí
5/5/2017
CEIDA - ESPECIES INVASORAS
O venres 5 de maio recibimos a visita de dúas responsables do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) que nos impartiron unha interesantísima charla sobre as principais especies invasoras que ameazan a flora e fauna da nosa comunidade. As amenas relatoras ensinaron aos nosos alumnos, entre outras, as especies que máis impactan no noso ecosistema da Baixa Limia, como a vespa asiática, que agride ás nosas abellas, ou as carpas foráneas que infestan os nosos ríos e afectan á poboación de troita autóctona.
Se queres ver como aprendemos sobre especies invasoras, fai click aquí
21/4 - 25/4/2017
XOGOS TRADICIONAIS
Os días 21 e 25 de abril tivemos con nós un ano máis a Lito, que coma sempre fixo as delicias dos nosos alumnos cos divertidos xogos tradicionais galegos que nos ensina. O venres 21 aprendemos algúns dos máis amenos xogos populares de taboleiro da nosa comunidade, como o "muíño" e o "moco", nos que temos que pensar rápido e ser áxiles coas mans. O martes 25 foi unha xornada moi movida, na que tivemos que estar moi lixeiros de pés para xogar ao "piollo", ao "cazador" ou ao "chourizo envelenado". Dúas mañás xeniais.
Se queres ver como aprendemos xogos tradicionais de taboleiro, fai click aquí
E se queres vernos nos xogos tradicionais máis movidos, fai click aquí
24/3 - 4/4/2017
SEMANA ESCOLAR DA ÁRBORE E DA AUGA
Entre marzo e abril celebramos no CEIP Valle-Inclán a Semana Escolar da Árbore e da Auga, convidados pola Deputación de Ourense. Para comezar lemos e traballamos co épico e entretido conto de "O amor eterno de Rozabales", que nos narrou unha bonita historia de amor na que ademáis aprendemos moitas cousas sobre os soutos, os castiñeiros e as augas termais. Tras gozar coa lectura, plantamos un castiñeiro no patio coa esperanza de velo medrar alto e forte. Poucos días despois recibimos a visita do persoal de Medio Rural do Distrito Forestal XV - A Limia, que nunha divertida xornada amosaron aos nosos alumnos as técnicas de extinción de incendios e os materiais e vehículos que empregan na súa crucial labor. Unha semana fascinante.
Se queres ver como gozamos coas aventuras de Rozabales e plantamos un castiñeiro, fai click aquí
E se queres ver como aprendemos a extinguir incendios, fai click aquí
24/2/2017
DESFILE DE ENTROIDO
Outra vez máis chega o gran Desfile de Entroido! Cun sol resplandecente, o venres 24 de febreiro Mugueimes foi o escenario da invasión dos cavernícolas do Valle-Inclán. A primeira parada foi, como xa é boa costume, na residencia dos nosos maiores da Virxe da Clamadoira, onde tivemos un gran recibimento dos artistas con xogos, saborosa merenda e piñata. A seguinte parada foi no noso Concello, onde montamos unha boa algarada ata recibir unha abundante ración de ricos caramelos. Tras isto, un pequeno descanso no parque aproveitando o espléndido tempo antes de dar unha última volta polo pobo e emprender camiño de regreso á nosa caverna-colexio, onde agardaba un suculento xantar cortesía das nais e pais cavernícolas.
Se queres ver aos cavernícolas do Valle-Inclán, fai click aquí
20-23/2/2017
O NOSO MECO
Na semana do Entroido o noso Meco ditou as súas ordes, pero todos os nenos (e profes) cumpriron e ninguén sufriu a súa terrible maldición...
2/2017
COMPADRES E COMADRES
Este ano foi moi moi difícil decidir que compadres e comadres se salvarían!
14/2/2017
TEATRO: SANDRA E MEIROL EN XISTRALIA
O martes 14 de febreiro acudimos ao Auditorio de Ourense para presenciar a divertida obra musical "Sandra e Meirol en Xistralia" dos Gaiteiros da Xistra, na que o caracol Meirol acompaña á súa amiga Sandra nunha fantástica aventura por un mundo máxico de meigas e dragóns.
Se queres vernos no Auditorio, fai click aquí
7/2/2017
NUNCA SEN ALMORZO/SEMPRE MERENDAS SAUDABLES
O martes 7 de febreiro estivo connosco un ano máis Puri, do Departamento Territorial de Sanidade de Ourense, para afondar aínda máis na importancia duns hábitos saudables de alimentación na nosa xuventude, especialmente nas primeiras horas do día nas que hai que afrontar a xornada escolar.
Se queres ver como aprendemos a alimentarnos saudablemente, fai click aquí
30/1/2017
DÍA DA PAZ
O luns 30 de xaneiro celebramos no CEIP Valle-Inclán o Día da Paz. O acto central desta data tan sinalada foi a emotiva lectura que os nosos alumnos realizaron dos Dereitos do Neno recollidos pola ONU, para despois rematar a xornada coa elaboración dun bonito mural dos valores de paz que todos desexamos.
Se queres ver como conmemoramos o Día da Paz, fai click aquí
23-25/1/2017
ESQUIOU MANZANEDA
Do 23 ao 25 de xaneiro cinco dos nosos alumnos visitaron a estación Oca Nova Manzaneda co programa ESQUIOU 2017 da Deputación de Ourense. Xunto a moitos outros rapaces da Baixa Limia e da Terra de Celanova aprendemos a esquiar e a patinar sobre xeo, participamos en moitos xogos e actividades, e ata bailamos na discoteca! Unha saída inolvidable.
Se queres ver o ben que o pasamos en Manzaneda, fai click aquí
21/12/2016
NADAL
O 21 de decembro foi o último día de cole antes das tan esperadas vacacións do Nadal, e no CEIP Valle-Inclán sempre é unha xornada especial para todos. Comezamos a mañá encadeando xogos e sorpresas para despois relaxarnos cunha boa peli, e rematamos o día coa visita do paxe das súas maxestades os Reis Magos, que repartiu agasallos para todos os nosos alumnos.
Se queres que ben o pasamos no Nadal, fai click aquí
30/11/2016
DEPORTE ESCOLAR: CAMPO A TRAVÉS
O 30 de novembro os atletas de CEIP Valle-Inclán competiron, xunto a moitos outros colexios da provincia, na carreira de Deporte Escolar celebrada como cada ano no noso concello, nas pistas do miradoiro do Corgo. O bo tempo acompañou unha vez máis e os nosos corredores deron o máximo en esforzo e deportividade.
Se queres ver aos nosos atletas, fai click aquí
25/11/2016
DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER
O venres 25 de novembro no CEIP Valle-Inclán conmemoramos o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller. Ao longo da mañá os nosos alumnos realizaron diversas actividades para aprender e concienciarnos que só podemos erradicar esta inxustiza se loitamos todos xuntos contra ela.
Se queres ver como aprendemos a facer un mundo mellor, fai click aquí
17/11/2016
RECICLAXE SOGAMA
O xoves 17 de novembro veu ao noso colexio Eloy, de Sogama, para impartir unha amena e interesante charla sobre a reciclaxe. Nela os nosos alumnos aprenderon moitas cousas sobre hábitos de reciclaxe, as diferentes características dos materiais que refugamos, e os procesos para aproveitarlos que Sogama emprega para facer da nosa comunidade un lugar máis limpo e sostible.
Se queres ver como aprendemos a reciclar e coidar o medio ambiente, fai click aquí
10/11/2016
MAGOSTO 2016
Ao chegar o mes de novembro celebramos o tan esperado magosto no colexio Valle-Inclán de Muíños. Nestes días os nosos pequenos artistas deseñan e elaboran fantásticas manualidades "magosteiras" como preludio do día grande, o 10 de novembro véspera de San Martiño. Este ano choveunos un pouquiño, pero pasamos unha entretida mañá no pavillón con novos e divertidos xogos coma as castañas musicais, o tres en raia do magosto, as parellas castañeiras ou o papacastañas. E para rematar, unha gran churrascada seguida de castañas, doces e chocolate quente, cortesía do noso Concello. Este ano ninguén se librou de chegar a casa ben tisnado...
Se queres ver o noso divertido magosto, fai click aquí
28/10/2016
SAMAÍN 2016
O venres 28 de outubro pasamos un Samaín de MEDO no colexio Valle-Inclán, onde unha troula de vampiros, bruxas, esqueletos, demos, carniceiros loucos e cabaciñas sementou o terror por corredores e aulas. Neste ano coñecemos a Mr. Bones, xogamos ao bingo dos monstros, e metemos as mans nos caldeiros do terror entre moitas outras cousas, para rematar co sempre emocionante concurso de cabazas.
Se queres pasar medo con nós, fai click aquí