Blog de biblioteca

BIBLIOTECA ESCOLAR: VIVEIRO DE CIDADANÍA

 A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, seguindo a súa dinámica de difusión das posibilidades que ofrece a biblioteca escolar ao conxunto da comunidade educativa, dá a coñecer o lema que propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020: "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar.

Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Nada disto é doado nin se consegue nun curso escolar. Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas.

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta. 

(publicado no blog de bibliotecas escolares: https://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/)

 

XA CHEGOU O PAPAGAIO!!!

Xa chegou o PAPAGAIO ó noso cole!!!

Este curso ampliamos o número de exemplares ós que estamos subscritos para que cada unha das aulas de primaria teña un exemplar mensual. 

E para que na nosa Biblioteca escolar tamén quede algún.

 Que que é o PAPAGAIO??? 

O PAPAGAIO é un xornal para a xente miúda, impreso en papel reciclado e a cor. Non contén publicidade, ten periodicidade mensual, e ao longo das 12 páxinas que o compoñen trata temas de ciencia, ecoloxía, arquitectura, banda deseñada, literatura...

Os contidos das seccións están supervisados por especialistas na materia e ilustrados por diferentes autores e autoras. 

O obxectivo do xornal é que as nenas e nenos se interesen pola ciencia, a ecoloxía, a historia ou a arte, entre outras, dunha forma amena e divertida.

 

(Fonte: http://www.edicionsmoitoconto.com/ )

 

 

XORNADA DE EDUCACIÓN VIAL

O martes 1 de outubro tivemos unha xornada de formación de EDUCACIÓN VIAL, impartida polo GRUPO ACODE EDUCA.

A formación estivo dirixida ao alumnado de 1º e 2º de educación primaria. Coñecemos a LATEXO,  aprendemos moitas cousas e déronnos uns libros de agasallo para traballar no cole e unha chapas autoreflectantes para poñer nas mochilas.

No seguinte video podedes ver algunhas fotos da actividade

ESTAMOS PREPARANDO A NOSA BIBLIOTECA...

Horario curso 2019/20

EXPURGO

Este curso fixemos un expurgo  considerable na nosa Biblioteca Escolar.

O expurgo consiste en retirar  da colección da biblioteca libros que están desactualizados, desfasados ou que non están adaptados ó alumnado.

Para dar cabida a novos libros máis acordes coas necesidades do alumnado.

Decidimos donar ó Centro de Saúde do noso Concello algúns destes libros expurgados para que cando as persoas estean agardando  na consulta, teñan unha lectura coa que entreterse.

Este venres, e xa que tiñamos a andaina a Moldes, o alumnado de 4º e 6º achegouse ó Centro de Saúde para levar dúas caixas con libros.

 

     

 

EXPURGO: FESTIVAL DE FIN DE CURSO

Decidimos poñer á disposición das familias parte dos libros expurgados  da colección da nosa Biblioteca Escolar. Xa que aínda que non están adaptados para o noso alumnado entendemos que para lectura de adultos ou de lecer na casa si. 

Hai quen xa foi levando algúns. 

Os que quedan serán repartidos o día do festival de fin de curso.

BOA LECTURA 

 

CONTACONTOS POR PARTE DAS FAMILIAS

Debido á participación e implicación por parte das familias do alumnado, rematamos onte cos contacontos por parte das familias para o curso 2018/19.

Extendéndonos máis aló dos venres ou da semana "Do día do libro"

Queremos dar as grazas a todas as persoas que se achegaron á biblioteca escolar para compartir o seu tempo con nós .

Para o próximo curso máis !!!    

MUSEO ETNOGRÁFICO CASA DO PATRÓN

O pasado 20 de maio o alumnado de ED. INFANTIL foi de excursión ó museo etnográfico  CASA DO PATRÓN (Lalín) 

Ademais de pasalo ben , divertirnos e disfrutar dun dia de excursión e convivencia todo o ciclo. 

Os obxectivos que nos propuxemos foron a grandes rasgos dous:

  • Coñecer un MUSEO ( xa que no noso proxecto sobre Luis Seoane falamos do que son os museos) e que os hai de distintos tipos. Relacionado coa nosa cultura.
  •  Elaborar pan e traballar co barro como dúas actividades propias da nosa cultura.

Preparamos a actividade previamente nas aulas, falando do tema .

Acó vos quedan unhas poucas fotos da actividade.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019

O pasado 16 de maio o alumnado de primaria e de 5 anos fixo un "rastrexo" no patio do cole baseado na figura de Antonio Fraguas (Homenaxeado polo día das letras Galegas deste ano).

O alumnado de 3 e 4 anos tivemos un momento de convivencia e festa tamén para falar da figura de Antonio Fraguas, ler algún dos seus poemas, compartir sobre a súa biografía e bailar...

A nosa fonte de información foi a páxina do Seminario Galán.

Aquí podedes ver a súa biografía

E unhas poucas fotos do momento de convivencia entre as dúas aulas.

Distribuir contido