Skip to main content

PDI

ÉTIMOS DE AVES E PAXAROS - RADIO EXPERIMENTAL - RADIO VOZ #Radionabiblio #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #FamiliasnaBE #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

A nosa biblioteca foi seleccionada para recibir a visita de Radio Voz.

O alumnado de sexto recibe unha pequena charla formativa e posteriormente,

gravamos un programa de Étimos de aves e paxaros.

Programa enmarcado no proxecto "Aprendendo, naturalmente!" e emitido o

9 de marzo, Día do Naturalismo Galego, Día de Martín Sarmiento!

Quixemos alzar a nosa voz para facer valer a nosa lingua, a que falamos

a diario, a das nosas avoas e avós e por suposto aprender moito das aves

e paxariños, moitos deles que viven moitas aventuras nas súas migracións.

Agora ides escoitar o producto final, pero este tipo de actividades conlevan

un traballo laborioso.

 

Primeiro deseñouse en enviouse ás familias e coñecidos

unha pequena folla de recollida de información, dos étimos de nove aves e

da cultura popular referida a elas. O alumnado de sexto de primaria recolleu

as entrevistas e fixo un cadro centralizando as aportacións que se fixeron de

cada paxariño.

Posteriormente, buscaron información sobre a apariencia, canto, costumes de

cada un deles e a rexistraron. Con todos eses datos elabórase unha escaleta ao

que se adobía con poesías, recitados, ditos, refráns sobre estas aves e tendo moi

presente que estamos próximos á data de Rosalía de Castro e queremos adicarlle

a súa Alborada. Todos os niveis do centro saen representados neste adobío, que xunto

coas gravacións sobre étimos e características destes paxariños fan o programa

de radio que agora ides escoitar.  Será emitido por Radio Voz Ferrol, na frecuencia 105.4


 

Orgullo de cativada! Feliz Día do Naturalismo Galego! Parabéns Martín Sarmiento!


 

 Engadimos a escaleta e a bibliografía, por se é de interese.


PROXECTO "APRENDENDO, NATURALMENTE!" - DOCUMENTACIÓN #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

O alumnado inmerso no proxecto acude á Biblioteca para buscar

información en libros e en diversos blog que ofrecen información fiable.

Podemos recomendar:

Ao noroeste do Noroeste de Rafael López Loureiro

Bichos e demais familia

Grupo Naturalista Hábitat

O arquivo científico Macaulaylibrary e SEO Birdlife.

E por suposto, unha manche de fondos que temos na biblioteca!

 

 

 

 

I RUTA INTERXENERACIONAL "Aprendendo, naturalmente!" #FamiliasnaBE #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Este 4 de febreiro, convocada a comunidade educativa e a veciñanza,

tivemos o pracer de aprender paseando e escoitando nun entorno fermoso,

o da praia da Madalena e cun día que nos ofreceu a súa mellor luz.

Rafael López Loureiro e Álvaro Pérez Pérez amosáronnos moito máis do que contábamos ver.

Non era que esas plantas, aves, cunchas ou pisadas non estivesen antes,

é que moitas veces a nosa actitude non nos permite ollar como

se merece o mundo natural que nos arrodea.

Durante o percorrido, Álvaro e Calel foron sementando a ansia por facer medrar

o noso espírito naturalista e medio ambiental. Unha abundante rapazada cos seus

cadernos de campo (ferramenta básica) recolleu nomes científicos

e datos que ilustrou con debuxiños. Un orgullo de pequenas e pequenos naturalistas! 

Observamos e fotografamos plantas invasoras, falamos do vendabal e do noroeste, da paisaxe dunar,

dos loureiros, ollamos as dúas primeiras flores do inverno, saudounos unha garza, un bilurico bailón

aledounos co seu incesante movemento e vimos o susto dunha águia peixeira

ás  gaivotas que descansaban na ría. Puidemos admirar o eider común  que dende

hai cinco anos vén pasar o inverno a Cedeira, unha das marabillas da ría e ollamos

felgos que levan sobrevivindo 33 millóns de anos…falamos da Macaronesia.

De certo aprendemos!

Pero os nosos expertos incidiron en que o máis importante é o respecto e o coidado. 

Nun espazo no que convivimos todos habemos permitir que cada un teña o seu lugar

e o seu dereito a vivir, ollando e respectando sempre, sen coller as floriñas que teñen o seu

dereito a vivir ou sen espantar aos animais que descansan na nosa ría durante as súas longas viaxes.


Rafael Lòpez Loureiro, dende o seu blogue “Ao noroeste do noroeste” ten aberta a proposta de adicar

o día 9 de marzo (data do natalicio do Padre Martín Sarmiento) ao naturalismo galego,

proposta á que nos  adherimos nós tamén e que habemos celebrar como se merece:

APRENDENDO, NATURALMENTE!

 

 

 

 

 

Distribuir contido