Skip to Content

 

   

Secretaría

Documentos de secretaría

INSTRUCIÓNS PARA O TERCEIRO TRIMESTRE

 INFORMACIÓN EN RELACIÓN AO DESENVOLVEMENTO DO 3ºTRIMESTRE

 

Recibidas as Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, este centro concreta os seguintes puntos:

 

1. OBXECTIVO FUNDAMENTAL

O equipo docente do CEIP de Esteiro ten como obxectivo fundamental garantir que todo o alumnado quede incluído no proceso de aprendizaxe durante o estado de alarma, sendo o noso deber e responsabilidade favorecer na medida das nosas posibilidades o desenvolvemento das tarefas en condicións que promovan o benestar emocional tanto do alumnado como das súas familias.

 

2. CONTINUIDADE DO CALENDARIO ESCOLAR

As actividades lectivas que se desenvolven durante o terceiro trimestre do curso 19/20, sempre condicionadas pola situación sanitaria, non se estenderán máis alá do 19 de xuño do 2020.

Durante este tempo os docentes continuaremos coa atención educativa ao alumnado, desenvolvendo actividades que permitan ao noso alumnado manterse incorporado á aprendizaxe continua, suscitando o seu interese por aprender, de modo non presencial.

 

3. ACTIVIDADES E TAREFAS

Durante o terceiro trimestre desenvolveranse actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do seu alumnado. Na medida do posible deseñaranse actividades globalizadoras e interdisciplinares.

A avaliación das actividades realizadas na fase non presencial so poderá ter valor positivo para a cualificación do alumnado.

É recomendable a súa realización para non desvincularse do hábito de estudio e de traballo durante este tempo de confinamento e garantir así unha óptima reincorporación á vida escolar e académica dos nenos e nenas.

Estas actividades estarán colgadas nesta web na sección correspondente á etapa e nivel do/da voso/a fillo/a. 

 

4. CONTIDOS E PROGRAMACIÓN

A ampliación das aprendizaxes tomará como referentes aqueles obxectivos e competencias clave máis necesarios para a adecuada progresión do alumnado.

O centro e o profesorado revisarán os currículos e as programación didácticas para centrar as actividades lectivas do derradeiro trimestre nas aprendizaxes e competencias imprescindibles que deberían desenvolver os alumnos e as alumnas, en función da súa etapa, curso, área ou materia, flexibilizando os seus plans de traballo e coidando de non penalizar ou afectar ao benestar do seu alumnado, nin sobrecargalo de tarefas excesivas.

A programación do vindeiro curso 2020-2021 deberá adaptarse a estas circunstancias, adoptándose as medidas necesarias de atención á diversidade, individuais ou grupais, orientadas a responder ás necesidades educativas concretas dos alumnos e das alumnas e á consecución dos resultados de aprendizaxe vinculados ás aprendizaxes imprescindibles, que a situación excepcional do curso 2019-2020 lles dificultase adquirir.

As programacións estarán dispoñibles na páxina web do centro.

 

5. AVALIACIÓN

A avaliación final das aprendizaxes do alumnado durante o curso 2019-2020 considerará en conxunto as avaliacións de todo o curso, valorando especialmente o grao de desenvolvemento das aprendizaxes e das competencias imprescindibles previamente definidas. Realizarase sobre as aprendizaxes desenvolvidas nos dous primeiros trimestres así como as actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que se desenvolvan durante o terceiro trimestre sempre e cando se beneficie ao alumnado.

 

6. COMUNICACIÓN DO PROFESORADO COAS FAMILIAS

O profesorado do centro está á vosa disposición e á do alumnado para poder axudar e tentar buscar solucións no desenvolvemento das actividades ou resolver as dúbidas académicas que xurdan.

Os titores e especialistas adoptaron diversas canles de comunicación coas familias dos que xa sodes coñecedores (videoconferencia, teléfono, correo electrónico, etc).

Os profesores/as prestarán especial atención a identificar o alumnado desconectado por diversas circunstancias ou non localizable e prepararán plans específicos de recuperación do vínculo escolar e de reforzo que lles axuden a reincorporarse á actividade educativa tan pronto como sexa posible. Os centros darán traslado de ditos plans específicos á inspección educativa.

 

7. LIBROS DE TEXTO E MATERIAL FUNXIBLE

Os libros de texto e o material funxible permanecen nas aulas a día de hoxe, e será entregado ás familias cando as circunstancias sanitarias o permitan.
Asimesmo os equipos Edixgal do alumnado de 6º será devolto ao centro educativo nas datas e horas que se vos comunicarán.

 

En Ferrol, 5 de maio de 2020

O Equipo Docente.

 

No vínculo tedes todas as instrucións relativas a este TERCEIRO TRIMESTRE.

Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación  Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

 

CUALIFICACIÓNS E BOLETÍNS DA 2ª AVALIACIÓN

Estimadas familias, o pasado 27 de marzo os centros de ensino recibimos unha serie de instrucións que se detallan a continuación: 

  1. A efectos de dar continuidade no calendario escolar, os centros educativos procederán a formalizar o peche da avaliación do segundo trimestre. Cada centro, dentro da súa autonomía pedagóxica e de xestión, disporá as medidas precisas para a súa formalización, na medida do posible, antes do 3 de abril.
  2. Non serán avaliables as actividades relacionadas cos contidos curriculares realizadas polo alumnado con posterioridade á data de declaración do estado de alarma. En consecuencia, aqueles centros que non teñan formalizado o peche da avaliación do segundo trimestre procederán a formalizalo co traballo desenvolvido ata dita data.

Estas instrucións son de obrigado cumprimento por parte dos equipos docentes de cada centro, polo que o vindeiro 3 de abril teredes accesible a través da APP ABALAR MÓBIL as cualificacións dos vosos/as fillos/as. 


Para que poidades instalar e ter accesibles estes datos adxuntamos unha guía e un vínculo ás páxinas web do Google Play Store e App Store. Asimesmo podedes poñervos en contacto co servizo de consultas da Consellería co seguinte formulario no caso que non sexades capaces de instalar o aplicativo.

Lembrade que ante calqueira dúbida podedes poñervos en contacto co centro a través do número 698179553.

 

IES SOFÍA CASANOVA - XORNADA DE PORTAS ABERTAS

O vindeiro xoves 27 de febreiro ás 16:30 horas, as familias do alumnado de 6º de Educación Primaria que reservastes praza no IES Sofía Casanova terdes unha xornada de portas abertas. 

Nela falarán das instalacións, da oferta educativa, dos plans e programas nos que están inmersos e das actividades complementarias e extraescolares.

Acceso á páxina web do IES Sofía Casanova

COMEDORES ESCOLARES 2019-2020

Os usuarios/as do comedor escolar deben cubrir a seguinte ficha de solicitude do servizo de comedores, para así poder utilizar este servizo e a folla de indicacións de cumprimentación da mesma.

Podedes enviála cuberta ao enderezo galicia@serunion.elior.com ou entregar na Secretaría ou Dirección do centro como data límite o luns 9 de setembro. 

RESERVA DE PRAZA NO IES SOFÍA CASANOVA POR PARTE DO ALUMNADO DE 6º DE E. PRIMARIA (2021-2022)

O alumnado de 6º de Primaria que durante o curso 2021/2022 desexe cursar 1º da ESO no IES Sofía Casanova, centro ao que estamos adscritos, deberá efectuar a reserva de praza entre o 11 de xaneiro e o 8 de febreiro. Para elo terán que entregar o impreso Anexo I que se lles proporcionou no centro, debidamente cumprimentado, na secretaría do CEIP de Esteiro no prazo establecido.

Se por calquer circunstancia se precisase un novo impreso, pódese obter clicando nos seguintes enlaces:

IMPRESO EN GALEGO   

IMPRESO EN CASTELÁN 


Este curso, igual que o pasado, as familias tamén poden cubrir a solicitude na aplicación admisiónalumnado dispoñible na páxina da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do menú: Solicitudes--Reserva--Crear solicitude e presentala no centro educativo ou na Sede Electrónica da Xunta de Galicia, así como consultar o estado de tramitación da mesma.

*Listaxe definitiva de alumnado admitido para 1º da ESO no IES Sofía Casanova.

Distribuir contido


by Dr. Radut