DÍA DA ILUSTRACIÓN 2022

00/00/

REIMUNDO PATIÑO (1936-1985)

 

     Reimundo Patiño Mancebo foi pintor e ilustrador, precursor no mundo dos cómics, colaborando con Xaquín Marín na elaboración do primeiro cómic editado en galego, 2 viaxes.

     Autodidacta, iniciouse na pintura en 1953. Desenvolveu unha linguaxe expresionista persoal, con aspectos futuristas de debuxo esquemático e contrastes de cores que fusiona a vangarda coa tradición galega. 

     Participou na fundación do grupo experimental Brais Pinto e, en 1960, na Gadaña. 

     O crítico Francisco Pablos Holgado califícao como "un dos expresionistas máis significativos da cultura galega. Entroncado con movementos internacionais, tanto europeos coma americanos, cultivou un debuxo sinoptico e firme e un cromatismo exultante en amarelos, vermellos e negros"

     A Biblioteca de Galicia acolle a exposición "O desacougo creador", do 28 de xaneiro ao 10 de maio. Tamén a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGAPI)retransmitirá uns faladoiros o día 28 de xaneiro pola mañá nos que participarán Xaquín Marín e Roberta Vázquez.

     Unha das súas obras máis coñecidas "O home que falaba vegliota" de 1971 é unha banda deseñada en forma de mural na que hai unha reivindicación do idioma galego.

                       

     Na web do evento www.diadailustracion.gal pódese consultar máis información sobre Reimundo Patiño así como actividades programadas para estes días

O cartel deste ano é obra da ilustradora Paula Mayor.

 

 

SEMANA DE CASTELAO 2022

00/00/

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO  (1886-1950)

    Polifacético novelista, debuxante, pintor, dramaturgo, ensaísta, teórico da arte e político, sempre reflectiu na súa obra o seu compromiso co galeguismo e coa solidariedade.      
      E neste ano no que seguimos celebrando o Camiño de Santiago, atopamos que o 25 de xullo de 1926 publicou tres debuxos do Apóstolo caracterizado de tres xeitos diferentes: O Santiago peregrino, o Santiago Matamouros e o Santiago Patriarca, sentado en maxestade, un bastón na man esquerda e un pergamino na dereita.     

                

 

      Previamente xa elaborara un bocexo para o cartel do Ano Santo de 1909 que se atopa na colección de Teresa R. Castelao.

 

 “Cheguéi a Paris (...). Vivo no burgo dos estudantes, Rue Cujas, 9-5ºA., no Hotel Saint-Michel, e teño unha morriña que me esmaga. Sain da casa por facer pernas e cheguéi á Ile de la cité onde Notre Dame doume un fondo estremecimento de arte ollándoa, ou mellor dito adeviñándoa, antre a brétema coma un mostro de ferro enferruxado”.

     O 26 de xaneiro de 1921 Castelao iniciaba así o seu Diario 1921, que redactou durante a súa viaxe de estudos a Francia, Bélxica e Alemaña e do que se cumpliron 100 anos. 

      

 

 

 

 

 

 

 

Bo Nadal

00/00/

Mouchiños e Mouchiñas, deixádevos enredar polos libros. Buscade aqueles que vos fagan viaxar e vos falen e vos conten as historias máis fermosas, máis fantásticas, máis desternillantes ou máis lacrimóxenas. De todo hai nos libros. Eles teñen a palabra.

Preme aquí para ver as recomendacións deste ano.

Felices Festas!!!

 

ACTUALIZACIÓN DO FONDO DA BIBLIOTECA

00/00/

 

Mouchiñas e Mouchiños, 

Un montón de libros que xa non teñen cabida na nosa biblioteca buscan un fogar que os queira acoller para seguir viaxando e vivindo mil aventuras.

Coidádeos moito que algún vai un pouco velliño, pero seguen a ter a mesma ilusión de compartir con vós toda a súa sabiduría.

         Non deixedes de ler e desfrutar da lectura!!

         Vémonos na biblio!!!

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS 2021

00/00/

 

 

 

     

     Un curso máis, dende a biblioteca do cole queremos animarvos a investigar, a ler, a crear, a experimentar.

     "...E temos a sorte de que esta viaxe se poida facer dende as bibliotecas, que non só acollen libros e outros materiais, senón que tamén acollen descubrimentos e camiños de aprendizaxe, cos éxitos e tamén os fracasos da ciencia e da tecnoloxía, porque cometer erros, tamén é aprender".Do texto A felicidade de aprender de Amparo Alonso Betanzos

Este ano gustarianos retomar as exposicións de experimentos que realicedes nas aulas coas titoras e titores ou que traiades feitas da casa. Iso si, acompañadas do nome e unha pequena explicación sobre o que ocorre.

 Animádevos a disfrutar con estas actividades e a aprender con todos os libros que podedes atopar nas bibliotecas ou nas librerías.

Aquí vos deixamos uns links onde poderedes observar as distintas densidades dalgúns líquidos, os resultados de mezclar diferentes substancias... Preme nos seguintes:

Xogos científicos

Ciencia divertida

Ciencia en galego

 

 

 

 

LECTURAS

00/00/

 

       

       Para conmemorar o Día das escritoras, o alumnado de 2º de primaria realizou a lectura duns textos dalgúns libros escritos en galego e castelán por diferentes autoras. 

       Estivemos na biblioteca para gravalos e isto foi o que saíu. 

Esperamos que vos guste!!

video

 

 

 

DÍA DAS BIBLIOTECAS

00/00/

BIBLIOTECAS: LER, APRENDER, DESCUBRIR

 

      Cada 24 de outubro se celebra o Día das Bibliotecas e a partir do ano 2019, acordase incorporar o lema "Aptas para todos os públicos" que estará presente en todas as actividades que se leven a cabo. Dende ese momento ademais, a celebración terá un fío condutor que será diferente cada ano. 

Nesta ocasión o lema "Bibliotecas: Ler, aprender, descubrir" destaca o papel das mesmas para acceder á cultura e ao coñecemento a partir da lectura e doutros recursos que permiten descubrir outras ideas, persoas, culturas, outros mundos...

As bibliotecas son coma fiestras abertas á lectura. Espazos que fomentan a aprendizaxe de xeito individual ou en grupo. Lugares de descubrimento do descoñecido.

    Sabedes cantos tipos de bibliotecas hai? Na nosa contorna temos a biblioteca municipal (do concello) e a biblioteca escolar (dentro do cole) pero sabías que tamén hai bibliotecas universitarias, especializadas en distintos ámbitos de investigación, biblioteca nacional, bibliotecas para cegos (onde os libros están escritos co sistema braille)...

    Dende a nosa pequena biblioteca convidámosvos a entrar sempre en calquera biblioteca e a descubrir e  aprender lendo.

    A ilustradora extremeña Mayte Alvarado foi a encargada da elaboración do cartaz deste ano.

    

Utiliza a etiqueta   #DíaDasBibliotecas   #LerAprenderDescubrir    para axudar a difundirlo!!

     

 

 

 

18 DE OUTUBRO

00/00/

 DÍA DAS ESCRITORAS

 

 

O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
 
Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VI Edición celébrase este ano 2021  o 18 de outubro baixo o lema "Ler as idades da vida". Marifé Santiago Bolaños, é a comisaria esta VI Edición do Día das Escritoras 2021"Os libros escríbense só para unha lectora, a que os fai estar de novo cando os le. Por iso, a escritura vai dando conta das idades da vida e permítenos elixirnos, recuperarnos e soñarnos entre as páxinas dos libros. Dos libros que lemos, dos que leremos. Dos que se escribiron para nós, aínda que non os atoparamos aínda."
Dende o equipo da Biblioteca do cole, en colaboración coa Comisión de Igualdade e o equipo de Dinamización da Lingua Galega, traballaremos para visibilizar a obra das escritoras en xeral e das escritoras galegas en particular, mediante actividades de lectura de fragmentos das obras dalgunha escritora, exposicións de libros, cartaces, debuxos... ou a través de actividades de investigación, comparativas, creación..
 
Animamos a toda a comunidade educativa a participar e a compartir a etiqueta    #DíaDasEscritoras 
 
  
"Vou ser vella. De nena quédame pouco. Oínllelo decir ás miñas tías: “¡Como pasa o tempo! Nunvisto e non visto, agora a nena logo se ha facer muller. ¿Que lle poden quedar? ¿Un ano, ou dous?E parece que foi onte cando naceu, coma se fose onte...”
Si. É terrible.
Converterse en muller é converterse en adulto. Certamente recoñezo que non teño présaningunha. Ademais, paréceme bastante perigoso ser adulto."
 
Xela Arias "Non te amola!" (Editorial Galaxia) 

 

Recomendacións lectoras verán 2021

00/00/

 

NON TE LIBRES DOS LIBROS, TAMPOUCO NO VERÁN!!!

 

 

Mouchiñas e mouchiños!! Rematou o curso!!! Agora toca descansar, estar coa nosa xente, ir á praia, ou ao monte, descansar, recargarnos de enerxía... Pero sobre todo, toca LER!!!

Ler permítenos viaxar, voar, vivir aventuras extraordinarias. Disfrutade do verán e das lecturas. Aquí vos deixamos algunhas recomendacións pero hai moitas máis!!

Preme na imaxe para ver o tríptico completo.

   

Día Internaciónal do Orgullo LGTBI

00/00/

 

 

          O Día do Orgullo Gay celébrase en todo o mundo para promover a tolerancia, a igualdade de dereitos ante a lei, a non discriminación e a dignidade das persoas LGTB.

          Escolleuse o 28 de xuño porque nesa data conmemóranse os disturbios de Stonewall (Nova Iorque, EEUU) en 1969 que marcan o inicio do movemento de liberación homosexual.

          A marcha do orgullo máis importante en Europa é a de Madrid (MADO), no barrio de Chueca, con máis dun millón de asistentes cada ano. No continente americano destaca a marcha de São Paulo así como a de Toronto, San Francisco e Cidade de México.

          A bandeira coas cores do arco da vella é un dos símbolos máis recoñecidos do colectivo LGTBI para defender os seus dereitos. Dende principios dos anos 70 do século pasado, constituiuse como elemento para denunciar a discriminación por identidade ou orientación sexual.

          A primeira bandeira tiña oito cores (agora ten seis) e está inspirada na canción "Over the rainbow", de Judy Garland. As súas cores pretenden representar a diversidade existente no colectivo LGTBI. As cores orixinais eran rosa, vermello, laranxa, amarelo, verde, turquesa, añil e violeta. Pouco despois suprimironse o rosa e o turquesa pola dificultade de produción nas fábricas da época.

          Cada cor ten un significado: vermello, vida; laranxa, saúde; amarelo, luz do sol; verde, natureza; azul, serenidade; violeta, espírito.

          Na semana do 14 ao 18 de xuño conmemoramos o Día do Orgullo no centro. Colocamos no pulso cintas coas cores da bandeira, decoramos o centro con banderíns, lemos contos de temática LGTB, visualizamos videos e curtametraxes, falamos do significado das cores...