Dinamización biblioteca

OS MAIOS

 

    MAIÑO MAIO

         Os maios celebran a chegada da primavera e era tradicional colocar unha ramiña de xesta nas embarcacións, nas portas das casas, nos carros e arados (agora nos coches). En Galicia teñen moita tradición ainda que en algúns lugares foron desaparecendo.

         Este curso quixemos recuperar esta tradición recollendo flores e formando un gran maio que colocamos no centro da pista e creando cantigas para logo interpretalas arredor del.

         O alumnado aprendeu a enfiar as flores, fiúnchos e bugallos para así formar as grilandas que despois se colocaron no maio.

 

 

23 de abril

DÍA DO LIBRO 2024

 

 

Un ano máis conmemoramos o Día Mundial do Libro e os dereitos de autor coa realización de diversas actividades relacionadas cos libros e a lectura: Realización de chapas, apadriñamento lector, contacontos na biblioteca, obradoiros de marcapáxinas...

Dende a biblioteca do cole, o noso amigo Merlín convída a todos e todas a escoller un libro e disfrutalo con todos os sentidos: mirar os debuxos (se os ten), tocalo, arrecendelo, saborear as historias que conta e escoitar o son das páxinas ao pasar.

Animádevos a ilustrar, a contar, a ler... 

                 

 

 

 

BO NADAL

 

Mouchiños e Mouchiñas! Toda a familia do Ceip Ana María Diéguez deséxanvos unhas Felices Festas de Nadal. 

Tivemos unhas semanas moi intensas de ensaios, elaboración de postais, composición do calendario para o novo curso... E todo saíu fantástico! 

Renovade as vosas ideas durante estes días de descanso con lecturas interesantes que podedes atopar nas recomendacións lectoras 

Non deixedes de ler!

25 N

ABRIMOS OS OLLOS FRONTE A VIOLENCIA MACHISTA

Un ano máis o noso centro únese á campaña de sensibilización contra a violencia de xénero con actividades nas aulas, charlas... para finalizar coa lectura dun manifesto por parte do alumnado de 6º e a actuación do grupo Música Miúda. 

No noso centro abriremos ben os ollos todos os días!!

 

A CIDADE VIOLETA

Todos somos diferentes, cada un co seu caracter, porque que aburrido sería que fosemos todos iguais, non? O mesmo aspecto, os mesmos gustos... Pero se es Anxo Fariña entón seguro que non nos importaría nada!!

Hoxe estivo no noso cole coa Cidade Violeta falando de igualdade, porque o mesmo coidas un meniño se es home coma se es muller; ou conduces un camión (tendo o carné, claro!); ou preparas o xantar...  E tanto debemos compartir as lambetadas como fregar os pratos.

Aprendemos moitos trucos para que os nosos debuxos expresen mellor as emocións e tamén que temos que mirar con outros ollos xa que as cousas non sempre se ven iguais.

 

 

Visita de Maite Mosconi

 

Super agradecidos estamos no cole pola visita que tivemos o venres 10 de novembro. 

Maite Mosconi estivo con todo o alumnado e contounos unha chea de lendas que aprendeu da súa avoa e que forman parte da súa obra. 

Esta escritora rianxeira (de Asados) ten publicados varios libros de temática fantástica e onde a mitoloxía en xeral e a galega en particular ten moita importancia.

O libro "Guerreiras de lenda" escrito xunto a Miriam Beizana, convida a investigar, descubrir e disfrutar co mundo das lendas e da mitoloxía. Lavandeiras, mouras, castelos encantados...

Moitas grazas Maite!!

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS 2023

"A ciencia é un dos sabores do saber. Para degustala, é moi importante a nosa participación activa, e o grande activador é a curiosidade. Precisamos formular preguntas para saborear a ciencia e a lingua pemítenos degustala, e tamén é a canle para contar e escoitar as respostas".

Elena Vázquez Cendón
 
O MANIFESTO deste ano ten o título de "Sementeiras de curiosidade científica", escrito por Elena Vázquez Cendón, doutora en matemáticas e Decana da Facultade de Matemáticas da USC, membro do Consello da Cultura Galega, presidenta do Estalmat-Galicia e Premio María Josefa Wonenburger no 2022.

Chegamos ao mes de novembro e con el a ciencia á biblioteca e ás aulas. 

Presentamos unha pequena selección de libros científicos que podedes atopar na nosa biblioteca para animarvos a investigar e experimentar nas aulas ou nas vosas casas. 

Atrevédevos a realizar diferentes experimentos, liberade a vosa curiosidade. Aqui vos deixamos algúnha páxina onde atoparedes distintos recursos relacionados coa ciencia.

Xogos científicos

Ciencia divertida

Ciencia en galego

 

SAMAÍN 2023

     E un ano máis investigando e aprendendo sobre a nosa cultura, as nosas tradicións. Lendas galegas que se transmitiron durante xeracións e que temos a obriga de continuar transmitindo para que non se esquenzan, para que todos os nenos e nenas as coñezan.  

Se queres ver as fotos e videos que realizamos deste día, preme no seguinte enlace:  Samaín

 

SAMAÍN


 Achégase o Samaín, festividade de orixe celta que celebra na noite do 31 de outubro a fin da tempada de colleitas e fin do verán e o inicio da tempada escura.

Ademais era o momento no que as fronteiras entre o mundo dos vivos e o dos mortos están máis preto. Podían comunicarse e visitar os seus fogares. O costume era deixar comida e doces fóra das casas e candeas acesas para axudar as almas dos mortos a atopar o camiño ao mundo espiritual.

Durante estes días e sobre todo o 31, realizaremos actividades relacionadas con esta celebración: aprenderemos o significado das cabazas, tallaremos e decoraremos unha en cada aula, leremos contos terroríficos, faremos obradoiros...

 

24 DE OUTUBRO

DÍA DAS BIBLIOTECAS,

DE TODAS AS BIBLIOTECAS

 

 

 
 
A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a  Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2023.  
  
"O lema deste ano, "Tecendo Comunidades", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. Estas institucións son centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns (...).
Imaxinamos as bibliotecas coma uns teares onde enfiar relacións e coñecementos. Cada visita, cada lectura, cada conversación, aporta un fío único neste tecido comunitario".
   
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 
  
Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia é  UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS , e  quere poñer o foco na importancia do cómic na formación do itinerario lector, o cómic como un lugar no que encontrarse.
 
#DíaDasBibliotecas
#TecendoComunidades