Dinamización biblioteca

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 

 

O Día Internacional da Muller celébrase o 8 de marzo en todo o mundo e conmemora a loita pola igualdade, a participación e o empoderamento da muller en todos os ámbitos da sociedade. 

Este ano o lema anunciado, "Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da COVID-19" celebra os grandes esforzos realizados por mulleres e nenas de todo o mundo á hora de definir un futuro máis igualitario e a recuperación ante a pandemia da COVID-19, e resalta as deficiencias que persisten.

O Obxectivo número 5 da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, persegue acadar a igualdade de xénero e empoderar a todas as mulleres e nenas. Desgraciadamente e a pesares de que a igualdade entre homes e mulleres está recoñecida na Constitución, a desigualdade persiste en todos os ámbitos da vida.

 

As mulleres do mundo desexan e merecen un futuro igualitario sen estigmas, estereotipos nin violencia; un futuro sostible, pacífico e con igualdade de dereitos e oportunidades para todas as persoas. Coa fin de acadar este obxectivo, o mundo precisa de mulleres en todas as mesas nas que se tomen decisións.

Shirley Chisholm, a primeira congresista negra dos Estados Unidos, dixo unha vez: "Se non lle dan un asento para sentarse á mesa, leve unha cadeira abatible"

Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, con motivo deste día: 

        "En 2021, mentres a pandemia de COVID-19 segue ampliando todas as fendas do noso mundo, en especial en relación á desigualdade de xénero, é máis importante que nunca que o 8 de marzo sexa un día de unidade e mobilización"

        

 

 

 

24 de febreiro, Día de Rosalía

 

       

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e da Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

No CEIP Ana María Diéguez levamos varios anos celebrando este día con actividades para achegarnos a súa  vida e obra, compartindo co alumnado as propostas de diferentes organismos.

E un ano máis, dende o 2010, a  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. Este ano baixo o lema Teus doces cantares publica un manifesto da man de Ana R. Figueiredo, así como varias actividades interesantes e divertidas que veremos de realizar.

E rematando igual que o manifesto da AELG,

No xeito de nunca nós calar. Así hoxe no teu aniversario, habémoste cantar, Rosalía.

            #rdc_2021      #TeusDocesCantares

       

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 

 

En 2015, todos os Estados Membros das Nacións Unidas aprobaron 17 Obxectivos (ODS) como parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, na que se establece un plan para alcanzar os Obxectivos en 15 anos. Un deses Obxectivos, o 5, ten por finalidade acadar a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas así como aumentar o seu acceso e  participación plena e equitativa na ciencia e nos sectores STEAM onde aínda atopan barreiras de moitos tipos.   

Así, a ONU estableceu o 11 de febreiro como Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convidando a organizar actividades de educación e sensibilización pública que axuden a acadar unha maior participación e progreso das mulleres e as nenas na ciencia.  

Dende o Ceip Ana María Diéguez queremos aportar o noso pequeno gran de area para axudar a dar visibilidade a estas nenas e mulleres traballando en cada aula cos materiais que nos aportan diferentes organizacións.

 

 

ILUSTRACIÓN

30 DE XANEIRO, DÍA DA ILUSTRACIÓN

 

Unha ilustración é un debuxo, unha foto, unha composición de imaxes que se coloca nun texto para representar gráficamente o que está escrito complementándoo, de xeito que resulte máis atractivo.

Dende o 2014, o 30 de xaneiro, que este ano é un sábado, conmemórase o Día da Ilustración, facéndoo coincidir co nacemento de Castelao, que foi un gran ilustrador.

Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. A protagonista deste ano é Lolita Díaz Baliño (preme no nome para coñecela)

 

Non só se ilustran contos ou novelas:

Temos a ilustración científica que debe ser moi realista; a ilustración publicitaria que se plasma en carteis, envases de productos e permite visualizar dun xeito rápido a información do produto; a ilustración editorial utilizada en xornais e revistas e a ilustración literaria

Moitas veces o traballo do ilustrador ou da ilustradora queda solapado polo autor ou autora das obras. Só vemos quen escribiu o libro e relegamos a un nivel secundario a quen dibuxou as escenas (ainda que moitas veces é o mesmo autor ou autora quen ilustra)

 

Dende a biblioteca queremosvos convidar a buscar aos ilustradores e ilustradoras dos vosos libros favoritos. Que ilustración che gustou máis? Que outros libros ilustrou? 

Igualmente nos gustaría animarvos a facer as vosas propias ilustracións. Quen non  imaxinou nunca unha escena ou portada  dun conto? Como debuxariades vós a portada do voso libro favorito?

Ánimo!!!

 

 

Semana de Castelao

ALFONSO DANIEL MANUEL RODRÍGUEZ CASTELAO  (1886-1950)

 

 

«Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente:

La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto político. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro "Sempre en Galiza" ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil.

Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente»

  

Estas foron as instrucións que a "Dirección General de Prensa del Gobierno de España", enviou aos medios de comunicación sobre como tiñan que tratar a noticia da morte de Castelao.

 

Castelao naceu en Rianxo, o 29 de xaneiro do ano 1886 e en 1895 marcha coa súa nai para Arxentina onde xa estaba seu pai. Voltará a Galicia en 1900. Entre 1903 e 1909 estuda Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e nesa época comeza tamén a súa actividade artística co debuxo e a pintura e especialmente coa caricatura.

En 1909 recibiu a medalla de ouro por unha obra na Exposición Regional Gallega celebrada en Santiago e ese mesmo ano ilustra a novela "La princesa del amor hermoso" de Sofía Casanova, obra coa que comeza a súa faceta de ilustrador.

A súa primeira conferencia sobre caricaturas foi en Vigo no ano 1911 e comezou a facer exposicións en varias cidades galegas.

Encargouse da dirección artística da revísta Nós, que se convertiu nun dos referentes da cultura galega do século XX. Está íntegramente escrita en galego, dende os estudos científicos ata os anuncios publicitarios e todos serviron para normalizar o uso do galego. 

Castelao foi o creador da marca gráfica da revista, para a que utilizou elementos da cultura popular transformándoos en símbolos que nos identifican como pobo.


En 1926 foi nomeado Académico de número da Real Academia Galega na que ingresa en 1934.

 

En 1914 quedou cego debido a un desprendemento de retina, recuperando a visión grazas a unha operación.

Militante nacionalista e lider do Partido Galeguista, foi diputado nas Cortes en 1931 e ata o 1934. Logo outra vez en 1936. Pero tras a guerra civil e o comezo da ditadura marchou exiliado primeiro a Nova Iorque, Arxentina, París.

Morreu o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires. O seus restos repousan no Panteón de Galegos Ilustres desde 1984.

 

Bo Nadal

Mouchiños e Mouchiñass!!! Merlín deséxavos unhas moi Felices Festas de Nadal, e convídavos a que visitedes a biblioteca do concello e as librerías onde atoparedes un montón de novidades literarias que segurísimo vos van encantar para pedirllas aos reis ou ao apalpador.

Aquí vos deixamos o tríptico coas recomendacións de Merlín, pero hai moitos máis 

 Este Nadal non te libres dos libros!!!

Felices Festas a todos e a todas e vémonos no 2021!!!!

25 NOVEMBRO

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

A violencia de xénero é un virus que este ano 2020 convive co coronavirus e para o que desgraciadamente non existe vacina.

Conmemórase anualmente o 25 de novembro en memoria das irmás Mirabal (Patria, Minerva e María Teresa), activistas políticas da República Dominicana, asasinadas por orde do dictador Rafael Leónidas Trujillo. e para denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas para a súa erradicación.

Aquí vos deixamos unha guía de lectura infantil onde podedes atopar un montón de títulos axeitados ás diferentes idades. Preme na imaxe para poder acceder

 

DECÁLOGO LECTOR

DEREITOS IMPRESCRIPTIBLES DOS LECTORES

 

Dende a nosa Biblioteca queremos compartir con todos vós este "Decálogo Lector" que nos pareceu ben apropiado, do escritor francés Daniel Pennac, autor de libros como "Coma unha novela", "Mal de escola", "A fada Carabina", "A felicidade dos ogros"... Así como a seguinte frase, moi acaída nestes tempos tan tecnolóxicos onde o móbil é o rei:

O deber de educar consiste, ao ensinar aos nenos e nenas a ler, ao inicialos na literatura, en darlles os medios de xulgar libremente se sinten ou non a "necesidade dos libros"."Como unha novela" (1992)

DÍA DAS LIBRARÍAS!!

E TI, DE QUE LIBRARÍA VES SENDO?

O vindeiro 13 de novembro celébrase, dende o 2011, o Día das Librarías. Promovido por CEGAL e a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte.

En Galicia está incluída no Calendario do Libro e a Lectura.

Debemos reivindicar as librarías de proximidade, aquelas que van máis alá da venda de libros, as que forman parte da vida da xente nas vilas pequenas ou cidades grandes.

CORRE, CORRE

AGASALLO!!!

Mouchiños e mouchiñas, dende hai uns días temos un novo libro na nosa biblioteca. Un libro moi especial xa que é un agasallo da profe Zaida!!! Que ademais é a tradutora!!!

O libro conta como sempre andamos apurados e corremos para todo e ás veces deixamos o verdadeiramente importante atrás. 

Pero sí que podes correr para vir buscalo!!!