2021-2022

VERÁN DE LIBROS 2022

 

          E neste mar de palabras que son os libros, poderemos navegar e nadar con peixes e medusas, sereas e estrelas de mar, atopar tesouros mariños dos que ninguén sabe e cores coas que debuxar os nosos soños.

          Non deixedes de ler nin de imaxinar historias marabillosas para contarnolas despois a nós.

Bo verán!!

 

DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGTBI+

          Un ano máis o noso centro conmemora o Día do Orgullo LGTBI, desta vez pintamos entre todos, alumnado e profesorado, os barrotes de formigón que rodean o colexio.  

Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor 2022

" Velaí o libro: unha faísca da memoria do mundo"

Este é o cartel editado este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para conmemorar o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor para o 2022 cun texto creado e cedido xenerosamente polo escritor, editor e tradutor, Xosé Ballesteros

Durante o mes de abril e todo o ano, é fundamental buscar tempo para ler só ou cos nenos e nenas. O Día do Libro é unha boa razón para celebrar a importancia da lectura, fomentar o crecemento dos nenos e nenas como lectores e promover o gusto pola literatura. 

A Capital Mundial do Libro para 2022 é Guadalajara (México).

A cidade, que xa é unha Cidade Creativa da UNESCO dende 2017, foi seleccionada polo plan integral de políticas ao redor do libro como concepto para desencadear o cambio social, combater a violencia e construir unha cultura de paz para os seus cidadáns.

 

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2022

 

       Dende 1967, o 2 de abril, data de nacemento do escritor danés Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

      Este ano 2022, a sección de Canadá é a  encargada de patrocinalo e de seleccionar un escritor/a e un ilustrador/a do seu país que serán quenes elaboren a mensaxe dirixida a todos os nenos e nenas do mundo e o cartaz que se distribue por todo o mundo co fin de promover a celebración en bibliotecas, centros escolares, librerías...

      E será a mensaxe do escritor Richard Van Camp "As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día" e a ilustración de Julie Flett as que inspiren o amor pola lectura e os libros.

      A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GÁLIX, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco

 

DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA 2022

O Día Mundial da Poesía foi declarado pola UNESCO en 1999 co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e fomentar a visibilización daquelas linguas que se atopan en perigo.

Este ano, a Real Academia Galega, homenaxea a Bernardino Graña nas vésperas do Día da Poesía.

E a AELG, baixo o lema "Autoras pola paz e contra a violencia", convoca a toda a sociedade galega a celebrar este día a través de calquera forma de creación e divulgación literaria ou artística en galego

Nós tamén o conmemoraremos cun recital que nos ofrecerán os alumnos e alumnas de 6º curso así como a realización conxunta dun poema.

          "Guerra é unha palabra cruel, e as palabras crueis nunca se deixan escribir con faltas de ortografía... (...) Cada palabra ten unha familia que a acolle, sexa como sexa.

A familia da palabra guerra é absurda"

                                                      Paula Carballeira

                                                      Pan con chocolate. A merenda de Gianni. (Xerais, 2021)

 

23 DE FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA

 

O Día de Rosalía pasa a celebrarse o 23 de febreiro, auténtica data de nacemento da poeta.

Tras a aparición de nova documentación, aportada pola investigadora Sagrario Abelleira, que desvela a súa data real de nacemento, a Xunta de Galicia e as institucións vencelladas á autora decidiron cambiar a efeméride da poeta e así se recolle no Calendario do Libro e da Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Un ano máis compartimos co alumnado as propostas de diferentes organismos coas que intentamos achegarnos á vida e obra de Rosalía. Este ano, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. 

O lema deste 2022 é:"SementadePensamentos" e, Beatriz Maceda Abeleira, a escritora escollida para a redacción do Manifesto.

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino. Rosalía de Castro

            #_rdc_2022      #SementadePensamentos

 

11F: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

  No ano 2015, A ONU estableceu , no ano 2015, un Día Internacional para recoñecer o papel que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e a tecnoloxía. A finalidade, acadar o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.

Ao igual que en anos anteriores, nas nosas aulas realizaranse diferentes actividades que contribuan a visibilizar o traballo de tantas mulleres e sobre todo a animar ás nenas interesadas en estudos científicos

Para máis información preme nos seguintes enlaces:

11 febreiro.org

Mulleres con Ciencia

 

Algunhas científicas galegas:

Antonia Ferrín Moreiras

Matemática e Astrónoma

 

  

Ángeles Alvariño

Oceanógrafa

 

  

Ángela Ruíz Robles

Mestra e Inventora

 

María Wonenburger

Matemática

 

Manuela Antonia Barreiro Pico

Farmaceutica

 

Celia Brañas

Profesora de Ciencias e pioneira

na incorporación da muller

á ciencia

 

Deborah García Bello

Licenciada en Química, Investigadora e Divulgadora científica

 

Tarsy Carballas

Farmaceutica

Química

 

 

 

Begoña Vila

Astrofísica

 

 

 

 

DÍA DA ILUSTRACIÓN 2022

REIMUNDO PATIÑO (1936-1985)

 

     Reimundo Patiño Mancebo foi pintor e ilustrador, precursor no mundo dos cómics, colaborando con Xaquín Marín na elaboración do primeiro cómic editado en galego, 2 viaxes.

     Autodidacta, iniciouse na pintura en 1953. Desenvolveu unha linguaxe expresionista persoal, con aspectos futuristas de debuxo esquemático e contrastes de cores que fusiona a vangarda coa tradición galega. 

     Participou na fundación do grupo experimental Brais Pinto e, en 1960, na Gadaña. 

     O crítico Francisco Pablos Holgado califícao como "un dos expresionistas máis significativos da cultura galega. Entroncado con movementos internacionais, tanto europeos coma americanos, cultivou un debuxo sinoptico e firme e un cromatismo exultante en amarelos, vermellos e negros"

     A Biblioteca de Galicia acolle a exposición "O desacougo creador", do 28 de xaneiro ao 10 de maio. Tamén a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGAPI)retransmitirá uns faladoiros o día 28 de xaneiro pola mañá nos que participarán Xaquín Marín e Roberta Vázquez.

     Unha das súas obras máis coñecidas "O home que falaba vegliota" de 1971 é unha banda deseñada en forma de mural na que hai unha reivindicación do idioma galego.

                       

     Na web do evento www.diadailustracion.gal pódese consultar máis información sobre Reimundo Patiño así como actividades programadas para estes días

O cartel deste ano é obra da ilustradora Paula Mayor.

 

 

SEMANA DE CASTELAO 2022

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO  (1886-1950)

    Polifacético novelista, debuxante, pintor, dramaturgo, ensaísta, teórico da arte e político, sempre reflectiu na súa obra o seu compromiso co galeguismo e coa solidariedade.      
      E neste ano no que seguimos celebrando o Camiño de Santiago, atopamos que o 25 de xullo de 1926 publicou tres debuxos do Apóstolo caracterizado de tres xeitos diferentes: O Santiago peregrino, o Santiago Matamouros e o Santiago Patriarca, sentado en maxestade, un bastón na man esquerda e un pergamino na dereita.     

                

 

      Previamente xa elaborara un bocexo para o cartel do Ano Santo de 1909 que se atopa na colección de Teresa R. Castelao.

 

 “Cheguéi a Paris (...). Vivo no burgo dos estudantes, Rue Cujas, 9-5ºA., no Hotel Saint-Michel, e teño unha morriña que me esmaga. Sain da casa por facer pernas e cheguéi á Ile de la cité onde Notre Dame doume un fondo estremecimento de arte ollándoa, ou mellor dito adeviñándoa, antre a brétema coma un mostro de ferro enferruxado”.

     O 26 de xaneiro de 1921 Castelao iniciaba así o seu Diario 1921, que redactou durante a súa viaxe de estudos a Francia, Bélxica e Alemaña e do que se cumpliron 100 anos. 

      

 

 

 

 

 

 

 

Bo Nadal

Mouchiños e Mouchiñas, deixádevos enredar polos libros. Buscade aqueles que vos fagan viaxar e vos falen e vos conten as historias máis fermosas, máis fantásticas, máis desternillantes ou máis lacrimóxenas. De todo hai nos libros. Eles teñen a palabra.

Preme aquí para ver as recomendacións deste ano.

Felices Festas!!!