DÍA MUNDIAL DA POESÍA

 

 A UNESCO adoptou o 21 de marzo como Dia Mundial da Poesía en 1999, co obxectivo de apoiar a diversidade linguística a través da expresión poética e fomentar a visibilización daquelas linguas que se atopan en perigo.

  Este ano, a Real Academia Galega, homenaxea a Xosé Luís Franco Grande no Día da Poesía, levando a súa poesía á Rede nunha serie de minipezas audiovisuais.

   Nós tamén celebraremos este día ao longo da semana, cunha selección de libros de poetas galegos e galegas que poderedes ler e recitar e cunha serie de actividades nas aulas.

   Animádevos a ler e recitar poesía,

 

 Deixámosvos aquí un extracto dun poema de Xela Arias, poeta galega da que seguiremos aprendendo ao longo do curso, xa que é a homenaxeada das letras galegas neste ano 

...

Tódolos bebés son tu e ningún coma ti.
Tódolos nenos son tu e ningún coma ti.
          Tódolos adolescentes son tu e ningún coma ti.
Tódolos mozos son tu e ningún coma ti.
  Tódolos anciáns son tu e ningún coma ti.
                              Tódalas nais son eu e todas, coma min, saben que es único.

...

                                 Xela Arias,  "Darío a Diario"

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 

 

O Día Internacional da Muller celébrase o 8 de marzo en todo o mundo e conmemora a loita pola igualdade, a participación e o empoderamento da muller en todos os ámbitos da sociedade. 

Este ano o lema anunciado, "Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da COVID-19" celebra os grandes esforzos realizados por mulleres e nenas de todo o mundo á hora de definir un futuro máis igualitario e a recuperación ante a pandemia da COVID-19, e resalta as deficiencias que persisten.

O Obxectivo número 5 da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, persegue acadar a igualdade de xénero e empoderar a todas as mulleres e nenas. Desgraciadamente e a pesares de que a igualdade entre homes e mulleres está recoñecida na Constitución, a desigualdade persiste en todos os ámbitos da vida.

 

As mulleres do mundo desexan e merecen un futuro igualitario sen estigmas, estereotipos nin violencia; un futuro sostible, pacífico e con igualdade de dereitos e oportunidades para todas as persoas. Coa fin de acadar este obxectivo, o mundo precisa de mulleres en todas as mesas nas que se tomen decisións.

Shirley Chisholm, a primeira congresista negra dos Estados Unidos, dixo unha vez: "Se non lle dan un asento para sentarse á mesa, leve unha cadeira abatible"

Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, con motivo deste día: 

        "En 2021, mentres a pandemia de COVID-19 segue ampliando todas as fendas do noso mundo, en especial en relación á desigualdade de xénero, é máis importante que nunca que o 8 de marzo sexa un día de unidade e mobilización"

        

 

 

 

24 de febreiro, Día de Rosalía

 

       

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e da Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

No CEIP Ana María Diéguez levamos varios anos celebrando este día con actividades para achegarnos a súa  vida e obra, compartindo co alumnado as propostas de diferentes organismos.

E un ano máis, dende o 2010, a  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. Este ano baixo o lema Teus doces cantares publica un manifesto da man de Ana R. Figueiredo, así como varias actividades interesantes e divertidas que veremos de realizar.

E rematando igual que o manifesto da AELG,

No xeito de nunca nós calar. Así hoxe no teu aniversario, habémoste cantar, Rosalía.

            #rdc_2021      #TeusDocesCantares

       

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 

 

En 2015, todos os Estados Membros das Nacións Unidas aprobaron 17 Obxectivos (ODS) como parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, na que se establece un plan para alcanzar os Obxectivos en 15 anos. Un deses Obxectivos, o 5, ten por finalidade acadar a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas así como aumentar o seu acceso e  participación plena e equitativa na ciencia e nos sectores STEAM onde aínda atopan barreiras de moitos tipos.   

Así, a ONU estableceu o 11 de febreiro como Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convidando a organizar actividades de educación e sensibilización pública que axuden a acadar unha maior participación e progreso das mulleres e as nenas na ciencia.  

Dende o Ceip Ana María Diéguez queremos aportar o noso pequeno gran de area para axudar a dar visibilidade a estas nenas e mulleres traballando en cada aula cos materiais que nos aportan diferentes organizacións.

 

 

Semana de Castelao

ALFONSO DANIEL MANUEL RODRÍGUEZ CASTELAO  (1886-1950)

 

 

«Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente:

La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto político. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro "Sempre en Galiza" ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil.

Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente»

  

Estas foron as instrucións que a "Dirección General de Prensa del Gobierno de España", enviou aos medios de comunicación sobre como tiñan que tratar a noticia da morte de Castelao.

 

Castelao naceu en Rianxo, o 29 de xaneiro do ano 1886 e en 1895 marcha coa súa nai para Arxentina onde xa estaba seu pai. Voltará a Galicia en 1900. Entre 1903 e 1909 estuda Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e nesa época comeza tamén a súa actividade artística co debuxo e a pintura e especialmente coa caricatura.

En 1909 recibiu a medalla de ouro por unha obra na Exposición Regional Gallega celebrada en Santiago e ese mesmo ano ilustra a novela "La princesa del amor hermoso" de Sofía Casanova, obra coa que comeza a súa faceta de ilustrador.

A súa primeira conferencia sobre caricaturas foi en Vigo no ano 1911 e comezou a facer exposicións en varias cidades galegas.

Encargouse da dirección artística da revísta Nós, que se convertiu nun dos referentes da cultura galega do século XX. Está íntegramente escrita en galego, dende os estudos científicos ata os anuncios publicitarios e todos serviron para normalizar o uso do galego. 

Castelao foi o creador da marca gráfica da revista, para a que utilizou elementos da cultura popular transformándoos en símbolos que nos identifican como pobo.


En 1926 foi nomeado Académico de número da Real Academia Galega na que ingresa en 1934.

 

En 1914 quedou cego debido a un desprendemento de retina, recuperando a visión grazas a unha operación.

Militante nacionalista e lider do Partido Galeguista, foi diputado nas Cortes en 1931 e ata o 1934. Logo outra vez en 1936. Pero tras a guerra civil e o comezo da ditadura marchou exiliado primeiro a Nova Iorque, Arxentina, París.

Morreu o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires. O seus restos repousan no Panteón de Galegos Ilustres desde 1984.

 

A visita dos Reis Magos e Pesdelán

Achégase vídeo da visita dos Reis Magos o pasado 22 de decembro e da actuación de Pesdelán, que estivo con nós grazas á aportación da ANPA Fonte da Revolta.

Bo Nadal

Mouchiños e Mouchiñass!!! Merlín deséxavos unhas moi Felices Festas de Nadal, e convídavos a que visitedes a biblioteca do concello e as librerías onde atoparedes un montón de novidades literarias que segurísimo vos van encantar para pedirllas aos reis ou ao apalpador.

Aquí vos deixamos o tríptico coas recomendacións de Merlín, pero hai moitos máis 

 Este Nadal non te libres dos libros!!!

Felices Festas a todos e a todas e vémonos no 2021!!!!

3 de decembro

 

 

 

No ano 1992, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, declarou o día 3 de decembro como Día Internacional das persoas con discapacidade. O obxectivo deste día é promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade.

Durante esta xornada adoitan realizarse actos para visibilizar as persoas con algún tipo de discapacidade.

No 2018, a Asociación AMICOS, organizou un festival en Boiro, o Festiritititi, unha xornada de inclusión a través do xogo que se repetiu no 2019 e que este ano 2020 non poderá celebrarse debido ás restricións pola Covid19. Así, compartiron con nós unha caixa chea de xogos e material que poderemos utilizar nas aulas ou cada grupo no tempo de recreo.

DECÁLOGO LECTOR

DEREITOS IMPRESCRIPTIBLES DOS LECTORES

 

Dende a nosa Biblioteca queremos compartir con todos vós este "Decálogo Lector" que nos pareceu ben apropiado, do escritor francés Daniel Pennac, autor de libros como "Coma unha novela", "Mal de escola", "A fada Carabina", "A felicidade dos ogros"... Así como a seguinte frase, moi acaída nestes tempos tan tecnolóxicos onde o móbil é o rei:

O deber de educar consiste, ao ensinar aos nenos e nenas a ler, ao inicialos na literatura, en darlles os medios de xulgar libremente se sinten ou non a "necesidade dos libros"."Como unha novela" (1992)

CIENTÍFICAS GALEGAS

 

Con motivo do Mes da Ciencia, dende a biblioteca escolar queremos poñer en valor o traballo destas mulleres no eido científico e que en moitas ocasións queda esquecido.

Preme na imaxe para coñecer o traballo de (na imaxe), Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño, Antonia Ferrín, María Wonenburger, Tarsy Carballas, Inmaculada Paz Andrade  e outras 15 mulleres que marcaron e marcan o camiño na excelencia investigadora. 

Non están todas as que son, pero sí son todas as que están. 

Revista GCIENCIA.