Educación Secundaria para persoas adultas

Destinatarios

Todas as persoas adultas maiores de 18 anos que desexen obter o título de graduado en educación secundaria.

Excepcionalmente, poderán cursar estas ensinanzas persoas maiores de 16 anos que teñan un contrato de traballo ou estean en circunstancias excepcionais que lles impidan realizar estes estudos polo réxime ordinario.

Matrícula

Modalidade presencial:

  • 1 –8 de setembro de 2023 para o primeiro cuadrimestre.
  • 9 –19 de xaneiro de 2024 para o segundo cuadrimestre.

Modalidade a distancia:

  • 1 setembro de 2023 – 12 xaneiro de 2024 para o primeiro cuadrimestre.
  • 1 febreiro -- 26 de abril de 2024 para o segundo cuadrimestre

Acceso

O acceso a estas ensinanzas pode ser:

  • Por superación do nivel II das ensinanzas iniciais.
  • Mediante proba de avaliación inicial.
  • Por validación de estudos.

Organización

Estas ensinanzas son equivalentes ás ensinanzas de educación secundaria obrigatoria polo réxime ordinario (ESO).

Constan de catro módulos de duración cuadrimestral. Cada un organízase en tres campos de coñecemento: ámbito de comunicación, ámbito de sociedade e ámbito científico-tecnolóxico.

Na modalidade semipresencial é obrigatoria a asistencia ás titorías de cada ámbito (unha hora semanal para o ámbito social, dúas sesións lectivas para o ámbito de comunicación e outras dúas para o ámbito científico-tecnolóxico).

A modalidade a distancia con titorías telemáticas non supón a asistencia a titorías presenciais. A comunicación cos titores realízase a través da Aula Virtual do IES San Clemente e os exames terán que realizarse presencialmente neste centro ou nalgunha das localidades onde se despraza o seu profesorado para a realización de ditas probas. 

Duración

Estas ensinanzas poden realizarse, con carácter xeral, en dous cursos académicos.

As persoas adultas poden permanecer cursando estas ensinanzas o tempo que o seu ritmo de aprendizaxe precise para a adquisición dos coñecementos establecidos.

Centros

Pode consultar a rede de centros que imparten esta modalidade de estudos na seguinte ligazón.

A modalidade semipresencial pode cursarse nos centros EPA, específicos de educación de persoas adultas, de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, así como na EPA de Teixeiro e nos seguintes institutos de educación secundaria autorizados: IES de Foz, IES O Ribeiro (Ribadavia) e IES Plurilíngüe Antón Losada Diéguez (A Estrada).

A modalidade a distancia telemática impártese no IES San Clemente (Santiago de Compostela).

Certificación

Ao remate do módulo 4, expedirase o título de graduado en educación secundaria a todas aquelas persoas que acaden os obxectivos xerais establecidos.

Cando non se rematen os estudos correspondentes á educación secundaria obrigatoria, os directores dos centros emitirán unha acreditación onde consten os niveis e módulos cursados así como a cualificación obtida.

O título de graduado en educación secundaria dá acceso a:

  • Ciclos formativos de grao medio.
  • Bacharelato.
  • Mundo laboral.

Probas libres para obtención do título de graduado en educación secundaria

Aquelas persoas que non poidan asistir normalmente á clase teñen a posibilidade de obter o título de graduado en educación secundaria a través de probas libres.

Estas probas libres celébranse dúas veces ao ano e convócanse publicamente a través do DOG.

Pode consultar maior información sobre estas probas na ligazón

 

Máis información