Preguntas frecuentes

1.1. Cales son os centros que imparten educación para persoas adultas?

Existe unha ampla rede de centros que imparten ensinanzas para persoas adultas nas catro provincias da Comunidade Autónoma: centros específicos que imparten exclusivamente estas ensinanzas e institutos de educación secundaria. A lista completa pode consultarse nesta ligazón.

1.2. Que se pode estudar nos centros que imparten estas ensinanzas?

Pódese estudar dende o nivel máis elemental (as ensinanzas básicas iniciais) ata o bacharelato:

  • Ensinanzas básicas iniciais: equivalen á educación primaria para persoas adultas. Están destinadas a aquelas persoas que deben recordar as técnicas básicas da lectoescritura e das habilidades numéricas.
  • Educación secundaria para persoas adultas: conducen á obtención do título de graduado en secundaria. Dependendo dos estudos previos que realizara a persoa interesada, poden cursarse en dous ou nun curso escolar.
  • Bacharelato: conducen á obtención do título de bacharel, cunha organización e metodoloxía específica para as persoas adultas.
  • Aulas Mentor: cursos impartidos a distancia orientados a mellorar a capacitación profesional e a formación cultural das persoas adultas.
  • Galego e castelán para persoas inmigrantes.

Tanto a educación secundaria como o bacharelato poden cursarse polas modalidades presencial e a distancia.

Máis información

1.3. Quen se pode matricular na educación secundaria para adultos?

No primeiro cuadrimestre (setembro a xaneiro) poden matricularse todas as persoas que cumpran dezaoito anos ata o 31 de decembro. Para o segundo cuadrimestre, poden matricularse os que cumpran dezaoito anos ata o 30 de abril.

Hai algunhas excepcións a esta norma. Así, poden matricularse nesas ensinanzas as persoas que teñen cumpridos dezaseis anos e cumpren algunha destas condicións:

  • Ter un contrato laboral que lles impida asistir ás clases do réxime ordinario destas ensinanzas.
  • Ser deportistas de alto rendemento.
  • Que existan causas excepcionais que lle impidan asistir ao réxime ordinario.

Máis información

1.4. Teño o antigo graduado escolar. Que debo facer para conseguir o título de graduado en secundaria obrigatoria?

Os estudos de graduado escolar equivalen a parte dos estudos de graduado en secundaria. A unha persoa que teña o graduado escolar valídanselle os módulos 1 e 2 de todos os ámbitos de coñecemento. Poderíase matricular no módulo número tres de todos os ámbitos e, se obtén avaliación positiva, rematar o graduado en secundaria nun curso escolar.

1.5. Como están organizadas as ensinanzas de graduado en secundaria para adultos?

  • Estas ensinanzas son equivalentes ás de educación secundaria obrigatoria polo réxime ordinario (ESO).
  • Hai que cursar tres campos de coñecemento: ámbito de comunicación, ámbito de sociedade e ámbito científico-tecnolóxico. Cada un deles organízase en catro módulos de duración cuadrimestral.
  • Dependendo dos estudos previos que realizara a persoa interesada, poden cursarse en dous ou nun curso escolar.
  • Na modalidade semipresencial é obrigatoria a asistencia ás titorías de cada ámbito (unha hora semanal para o ámbito social, dúas sesións lectivas para o ámbito de comunicación e outras dúas para o ámbito científico-tecnolóxico).
  • A modalidade a distancia con titorías telemáticas non supón a asistencia a titorías presenciais. A comunicación cos titores é a través da Aula Virtual do IES San Clemente.

Matrícula

  • Modalidade presencial:
    • 1 –12 de setembro de 2016 para o primeiro cuadrimestre.
    • 9 –16 de xaneiro de 2017 para o segundo cuadrimestre.
  • Modalidade a distancia semipresencial e telemática:
    • 1 setembro de 2016 – 15 xaneiro de 2017 para o primeiro cuadrimestre.
    • 3 febreiro de 2017 – 15 de maio de 2017 para o segundo cuadrimestre.

1.6. Como están organizadas as ensinanzas de bacharelato para adultos?

  • Estas ensinanzas poden cursarse en dous anos escolares, por curso completo, ou por materias de forma independente. Se se opta por cursar materias de forma independente, non se deberán superar os 32 períodos lectivos semanais.
  • As modalidades que se poden estudar e as materias que se cursan son as mesmas que no réxime ordinario.
  • Pola modalidade semipresencial, é obrigatoria a asistencia ás titorías de cada materia (unha hora semanal por cada materia que se curse).
  • A modalidade a distancia con titorías telemáticas non supón a asistencia a titorías presenciais. A comunicación cos titores é a través da Aula Virtual do IES San Clemente e os exames poden realizarse nas seguintes localidades: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Matrícula

  • Modalidade presencial:
    • 1 –14 de setembro de 2016.
  • Modalidade a distancia semipresencial:
    • 1 –14 de setembro de 2016.
  • Modalidade a distancia telemática:
    • 15 de setembro ao 25 de novembro de 2016 (a dirección do IES San Clemente poderá autorizar a matrículación ata o 28 de abril de 2017 por razóns xustificadas).

1.7. Que se pode estudar a distancia en Galicia?

A Consellería de Educación oferta estas ensinanzas pola modalidade a distancia:

  • Educación Secundaria para adultos. Os centros EPA (un en cada cidade) e algúns institutos ofertan estas ensinanzas.
  • Bacharelato semipresencial e bacharelato a distancia, nas modalidades de Humanidades e ciencias sociais e Ciencias e tecnoloxía. O bacharelato a distancia con titorías telemáticas pode cursarse no IES San Clemente, de Santiago de Compostela.
  • O bacharelato semipresencial pode cursarse nese mesmo instituto e nos centros EPA da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Tamén pode cursarse noutros dez institutos de Galicia.
  • Formación profesional inicial: o curso 2010-2011 comezou a oferta experimental destas ensinanzas nalgúns ciclos formativos. Pode obterse información nesta dirección: https://www.edu.xunta.es/fp/fpdistancia
  • Aulas Mentor: ampla oferta de cursos non regrados a través de internet e en colaboración co Ministerio de Educación.
  • Curso de inglés That’s English. Matrícula nas escolas oficiais de idiomas das capitais de provincia.

1.8. Hai algún ciclo de formación profesional a distancia?

No curso 2010/11 comezou a oferta de formación profesional a distancia nestes ciclos formativos. No curso 2012/13 ampliouse en gran medida o número deses ciclos: https://www.edu.xunta.es/fp/fpdistancia

1.9. Que hai que facer para matricularse nun curso de Aula Mentor?

Hai que dirixirse a algún dos centros públicos de Galicia (seis centros EPA e oito institutos de secundaria) e formalizar alí a matrícula.

Para facelo, é condición indispensable ter cumpridos dezaoito anos. Tamén hai Aulas Mentor nos concellos de Abegondo, Bergondo, Boiro, Cee, Oroso e Santa Comba, da provincia da Coruña, e Valga, da provincia de Pontevedra.

Para máis información:

1.10. Probas libres de graduado en secundaria. Quen se pode matricular nestas probas?

As persoas que teñan cumpridos dezaoito anos no día anterior ao da celebración da proba. Así, por exemplo, se as probas de 2015 se celebrasen o 29 de maio, unha persoa que se presente a estas probas debe ter cumpridos dezaoito anos o 28 de maio dese mesmo ano. A convocatoria publícase todos os anos no Diario Oficial de Galicia.

1.11. Cal é o temario para preparar estas probas?

O temario está formado polos contidos propios da educación secundaria para adultos, que están desenvolvidos no anexo da Orde de 24 de xuño de 2008, DOG do 23 de xullo. Como material de referencia poden valer as unidades didácticas publicadas pola Consellería de Educación para a educación secundaria para adultos, e o material Paso a nivel que se poden atopar neste portal.

Na seguinte dirección, hai un manual que explica todo o relacionado con estas probas: organización e partes dos exames, exemplos de exames, etc.

Máis información

1.12. Probas para a obtención do título de bacharel. Quen se pode matricular nestas probas?

As persoas que sexan maiores de vinte anos ou que cumpran esa idade no ano natural no que se celebre a proba.

1.13 Como se estrutura a proba?

A proba constará de dous exercicios, o primeiro deles dedicado ás materias comúns e o segundo, ás materias de modalidade. Pode obter máis información na seguinte ligazón

1.14 Cal é o temario para preparar a proba para a obtención do título de bacharel?

Non existen contidos específicos para este exame, así que o temario é o establecido polo Decreto 126/2008 do 19 de xuño, que fixa o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

1.15. Que valor ten o certificado ou título que eu teño?

Existen equivalencias dos títulos académicos obtidos en ensinanzas que xa non están vixentes e os títulos actuais. Esas equivalencias poden ser con efectos académicos (para seguir estudos) ou con efectos laborais (para presentarse a oposicións ou optar a postos de traballo).

Máis información

1.16. Onde preguntar?

As persoas que teñan dúbidas sobre estas ensinanzas ou precisen de máis información poden dirixirse a este correo electrónico ou chamar ao teléfono da unidade de educación de persoas adultas:

ea

Tema