Título node Learning object

Convocatoria premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net
Xov, 18/05/2017 - 10:24
Logo

Información

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dáse acollida ao programa Galicons-net a través do Plan Proxecta, para favorecer a integración das metodoloxías innovadoras a través dos distintos programas e temáticas. Nesta convocatoria establécese a incorporación dunha dotación económica para premiar os proxectos que mellor potencien o consumo responsable en cada centro docente.

 

 

 

Obxectivos

  • desenvolver as competencias clave e da educación en valores a través da realización dun proxecto de innovación educativa en materia de consumo responsable.
  • potenciar a educación para o consumo responsable nos centros docentes non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia
  • motivar un traballo activo e colaborativo do alumnado e do profesorado nas distintas etapas educativas
  • formar cidadáns e cidadás que se poidan desenvolver na sociedade dunha maneira responsable, solidaria e con sentido crítico, dando preferencia ao «ser» fronte ao «posuír».

Participantes

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non-universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2016/17 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do Plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Categorías de participación

  • Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.
  • Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria.
  • Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional e de educación de persoas adultas.

Non se establece un número mínimo de alumnos/as para cada categoría de participación.

Cada centro docente só poderá presentar un único proxecto, correspondente a unha das categorías de participación sinaladas.

Características dos proxectos

Os centros deberán realizar un proxecto de innovación educativa sobre unha ou varias das seguintes temáticas de consumo responsable que mellor se adapte ás súas necesidades.

a) Consumo e xénero:

  • Xoguetes, xénero e publicidade.
  • Impacto das relacións de xénero no consumo.
  • Consumo e xénero: onte, hoxe e mañá.

b) Linguaxe publicitaria:

  • Publicidade na miña contorna.
  • Publicidade dirixida á adolescencia.
  • Publicidade: onte, hoxe e mañá.

c) Comercio electrónico:

  • Hábitos de consumo de comercio electrónico.
  • Seguridade no comercio electrónico.
  • Comercio electrónico: onte, hoxe e mañá.

d) Servizos financeiros:

  • Tipoloxía dos servizos financeiros: captación e investimento.
  • Identificación de servizos inseguros: créditos rápidos e cláusulas abusivas.
  • Servizos financeiros: onte, hoxe e mañá.

Requisitos

  • O proxecto deberá incluír un título directamente relacionado coa temática seleccionada.
  • O proxecto deberá concretar o proceso de aprendizaxe na elaboración dun produto final que permita expoñer o coñecemento adquirido e o traballo realizado. Terá formato libre e formalizarase a través de calquera tipo de soporte (textual, audiovisual, informático, virtual, gráfico, campaña de concienciación...).
  • O proxecto deberá basearse nun traballo colaborativo entre o alumnado e guiado polo profesorado.

O desenvolvemento do proxecto en cada centro deberá servir para acadar os seguintes obxectivos específicos:

  • a) Concienciar o alumnado da súa condición de persoa consumidora, iniciándoo no funcionamento dunha sociedade de consumo responsable.
  • b) Fomentar que o alumnado actúe na sociedade de maneira informada, de forma que poida elixir, con pleno coñecemento, entre os bens e servizos que están ao seu dispor e coñecer os seus dereitos e deberes como persoa consumidora.
  • c) Desenvolver no alumnado un pensamento crítico e fomentar a reflexión sobre os aspectos éticos, solidarios e ambientais que determinan a responsabilidade no consumo.

Prazo de presentación

O prazo para a presentación das solicitudes rematará o día 30 de xuño de 2017.

Premios

Concederase un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das categorías de participación.

Certificación e recoñecemento

Ademais dos premios, os centros recibirán un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.

A persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Contacto

Escola Galega do Consumo

igc.escuela@xunta.gal

Teléfono 881 99 90 91