Preguntas frecuentes

1. Que centros poden participar?

Só centros públicos dependentes desta consellería (EEI, CRA, CEIP, CEE, CEP, CPI, CIFP, EPAPU e IES).

2. Cantas modalidades se poden incluír nun mesmo Plan de Mellora?

Entre 1 e 5.

3. Cando remata o prazo para presentar as solicitudes e o proxecto da convocatoria 2023/24?

O prazo rematará o 22 de setembro de 2023.

4. Como se solicita a participación?

Primeiro, introducindo os datos na aplicación informática habilitada para tal fin. Terá acceso á creación da solicitude a persoa responsable da dirección do centro.

Para acceder ao formulario de solicitude, debe seleccionar Programas de éxito educativo na convocatoria 2023/24 e a continuación premer o botón laranxa SELECCIONAR. Despois ir a Listaxe programas (columna negra da esquerda), escoller CPInnova e premer en SOLICITAR (situado na parte inferior esquerda da páxina). Logo, introducir os datos que se requiren referentes ao claustro e consello e premer o botón CREAR. A continuación seleccionar as modalidades que pretende desenvolver o centro no seu plan de mellora. Premer novamente en GARDAR e, seguidamente, pulsar PRESENTAR E EDITAR O PROXECTO. Deste xeito, abrirase unha nova páxina onde deberá cubrir todos os campos obrigatorios das modalidades solicitadas.

Non esqueza ir gardando os datos para evitar perdelos no caso de que caduque a sesión.

5. Que documentación ten que custodiar o centro?

a) A documentación que xera a aplicación en pdf, logo de introducir os datos solicitados, e que deberá selar, asinar e custodiar no centro é a seguinte:

  • Anexo I (solicitude)

  • Anexo II (valoración do consello escolar/consello social)

Non é preciso enviala por ningunha vía (correo electrónico, correo ordinario, Rexistro...).

6. Onde se publicará a información da Resolución desta convocatoria?

Na sección de Anuncios do portal educativo e no sitio web de CP Innova.

7. Como se pode realizar unha reclamación?

Unha vez rematado o proceso de selección dos plans e realizada a concreción dos CP Innova, a comisión fará pública a resolución provisoria, que se difundirá no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/).

A publicación da resolución provisional abrirá un prazo de cinco días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias que deberán presentarse no enderezo electrónico programaseducativos@edu.xunta.es

Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e/ou renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa que resolverá a relación final dos plans seleccionados.

8. Como se pode renunciar despois de realizar unha solicitude?

As renuncias realizaranse a través dunha certificación da dirección do centro na que figure de xeito explícito a renuncia á concesión do CP Innova e, se é o caso, as causas que motivan esta renuncia. Deberán remitirse ao enderezo electrónico programaseducativos@edu.xunta.es

9. Quen elabora o Plan de Mellora que se vai desenvolver?

O equipo directivo.

10. Que duración ten o CP Innova?

O curso escolar para o que se convoca, isto é, 2023/24.

11. Ten algún tipo de recoñecemento a participación do profesorado participante nos CP Innova?

Certificarase como actividade de innovación educativa (20 h) para o profesorado do centro que participe directamente no desenvolvemento das actuacións. Emitirase unha única certificación independentemente do número de modalidades nas que se participe e do rol que se desempeñe nelas.

Identificaranse e difundiranse as boas prácticas que se leven adiante ao abeiro dos CP Innova.

12. Contarán os centros educativos con recursos extraordinarios para o desenvolvemento do programa?

Poderán contar con recursos económicos extraordinarios -gastos de funcionamento- para cada unha das modalidades concedidas en función das necesidades detectadas polo centro.

13. Xustificación dos recursos económicos recibidos para o curso 2023/24.

Os recursos económicos recibidos a través dos CP Innova xustificaranse a través da aplicación XECOCENTROS. Os gastos deberán realizarse, preferentemente, durante o curso académico correspondente. No caso de que por distintas razóns isto non fose posible, e se tivesen que realizar no primeiro trimestre do curso seguinte, as facturas resultantes deberán recoller o seguinte texto: “Gastos de funcionamento derivados da participación nos CP Innova do curso __/__.”

14. Memoria das actuacións desenvolvidas no curso 2023/24.

Tras o remate do programa, os centros participantes deberán cubrir na aplicación informática a memoria das actuacións desenvolvidas en CP Innova, tal como establece a convocatoria no apartado 15.3. A memoria deberá incorporar (a través de ligazóns, imaxes ...) mostras do produto final acadado que permitan constatar o desenvolvemento axeitado do Plan de Mellora. Non será necesario enviar a memoria por ningún outro medio. O prazo para cubrila vai do 1 de xuño ao 15 de xullo de 2024.

Unha vez accedan á aplicación, deberán seleccionar Programas de éxito educativo e convocatoria 2023/24 e premer o botón laranxa SELECCIONAR. Logo, no menú da esquerda premer en Memoria e, posteriormente, no símbolo da lupa.

Deberán ir cubrindo todos os campos que se lle solicitan. Non esquezan premer de cando en vez en Gravar e Continuar para evitar que caduque a sesión.

Convén que a dirección do centro revise a información introducida e a listaxe de profesorado participante para asegurarse de que todos os datos son correctos. Se é así, debe premer en REMATAR E ENVIAR. A memoria figurará en estado Rematada.

Pode obter un informe da memoria accedendo no menú da esquerda ao apartado Informes > Informes xerais > Contratos-programa > Memoria

15. Sobre a aplicación informática:

  • Onde está a aplicación? Nesta ligazón.

  • É necesario utilizala? Si. É imprescindible porque toda a xestión da convocatoria se desenvolve a través dela.

  • Quen pode introducir os datos na aplicación? A dirección do centro, ou persoa a quen autorice a través da utilidade da aplicación AUTORIZA.

  • Hai que presentar unha solicitude por cada modalidade? Non. Cada centro presentará unha única solicitude, independentemente do número de modalidades que solicite.

  • Podo realizar modificacións sobre a solicitude? Si, sempre dentro do prazo de solicitude establecido na convocatoria. Con todo, cómpre ter a precaución de gardar os cambios e xerar e custodiar no centro a última solicitude xerada.

  • Os cadros de texto teñen unha extensión limitada? Si, todos. Cómpre ter a precaución de introducir o texto das caixas sen exceder a capacidade destas. Recomendamos que empreguen o bloc de notas ou o Wordpad (para que limpe o texto oculto, que ocupa caracteres innecesariamente) e logo copien ese texto en Word, que permite contar o número de caracteres.

  • Son definitivos os datos que introduzo no programa? Non. O programa poderase ir completando nos prazos que determine a Asesoría de Programas Educativos co fin de axustar o número de grupos, o número de alumnos por grupo, os indicadores...

16. Identificación e rexistro do alumnado participante nas modalidades dos CP Innova.

Os centros solicitantes identificarán o alumnado participante mediante o DNI ou, no seu defecto, o código XADE na aplicación de contratos-programa se a Administración educativa así o require.

17. Incorporación de profesorado participante en CP Innova.

O profesorado que participe activamente nas distintas modalidades de CP Innova será incorporado na aplicación pola persoa directora do centro, que é quen acredita dita participación. O último día de prazo para editar profesorado no aplicativo é o 31 de marzo 2024.

18. Elementos de comunicación.

Os centros seleccionados para participar en CPInnova, farán visible o logo do CPInnova nos documentos do centro vinculados co contrato-programa, na páxina web do centro e/ou en calquera outro soporte de difusión empregado.

19. Sobre gastos de funcionamento de todas as actuacións.

Non se contempla o financiamento de: obras e equipamento, mobiliario, reparacións, software, comedor, intercambios escolares, material inventariable obxecto de dotación por parte da Consellería de Educación, gastos asociados a outros plans ou programas promovidos pola Consellería (apartado 8.3 da Resolución), viaxes de ocio (só desprazamentos para actividades directamente vencelladas aos programas) e outros gastos inxustificados e así valorados pola Comisión de selección.