O modelo pedagóxico “aprendizaxe-servizo” no ámbito da educación física e do deporte

O artigo que se presenta a continuación fai alusión a unha serie de reflexións teóricas sobre a metodoloxía de aprendizaxe-servizo (en diante ApS) relacionada coa finalidade principal da materia de Educación Física e a súa pedagoxía activa dentro do ensino regrado: a competencia motriz, con todo o que leva implícito para o seu correcto desenvolvemento dado que, para falar dunha educación física e deportiva de calidade, debemos transcender do simplemente motriz para auspiciar outros ámbitos como a saúde e os procesos cognitivos, emocionais, persoais e sobre todo os sociais (valores que se poden aplicar noutras áreas curriculares ou en actividades da cidadanía en xeral e para a convivencia). Con esta publicación preténdese que o alumnado das distintas etapas do sistema educativo conte con ideas innovadoras/orixinais e fundamentos básicos para levar a cabo programas de ApS. A súa finalidade principal consiste en poder seguir aprendendo e ser útiles ao mesmo tempo á comunidade na que viven, dentro desta nova era na que entran de cheo as competencias dixitais. En definitiva, trátase de aplicar as competencias globais e os coñecementos teórico-prácticos —adquiridos dentro dos contextos educativos— a outros colectivos sociais fóra da escola pero xa en situacións de acción e de aplicación práctica, para aprender uns dos outros, das experiencias e do aproveitamento dos recursos da formación académica inicial, en combinación e con retroalimentación bidireccional nun modelo ecolóxico de aprendizaxe interaccional.

José Raposeiras Correa
Catedrático de ensinanza secundaria
Equipo de Orientación Específico de Pontevedra
Profesor asociado doutor da Universidade de Vigo
joseraposeiras@uvigo.es

Rede aprendizaxe-servizo e Educación Física

 

Introdución

A materia de Educación Física ten como finalidade principal que o alumnado alcance a competencia motriz, entendida como un conxunto de coñecementos, procedementos, actitudes e emocións que interveñen nas múltiples interaccións que realiza unha persoa no seu medio e coas demais, que permite que o alumnado supere os problemas motores propostos tanto nas sesións de Educación Física coma na súa vida cotiá; sempre actuando de forma coherente e en concordancia co nivel de desenvolvemento psicomotor, e outorgándolle especial sensibilidade á atención á diversidade nas aulas, utilizando estratexias inclusivas e procurando a integración dos coñecementos, os procedementos, as actitudes e as emocións que se vinculan á conduta motora. (Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da ESO e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia).

O noso interese por esta temática consiste en preparar e motivar o alumnado para levar a cabo proxectos de aprendizaxe-servizo (ApS) dentro e fóra das institucións educativas. Unha aprendizaxe social a través da actividade física e do deporte, con carácter prospectivo e innovador, que procure o crecemento persoal, a mellora e o compromiso coa e/ou da propia sociedade. En situacións de educación formal e incluso non formal ou informal, cómpre que o alumnado adquira primeiro as competencias previas, aprenda facendo, con significatividade e aplicación práctica dos coñecementos teóricos; en colaboración, contribuíndo e identificando as necesidades sociais e tratando de melloralas. Trátase de entender a educación física/deportiva dunha maneira distinta, incidindo nas competencias sociais e cívicas, de aprender a aprender, de conciencia e expresións culturais, de sentido de iniciativa e espírito emprendedor entre outras, con grandes doses de influencia social e cultural, que implica un conxunto de valores e actitudes. Así podemos axudar a ennobrecer o ser humano, extrapolando as actividades da competencia motriz a outros ámbitos de participación humana, á vida en sociedade, na cultura, na saúde, nos procesos cognitivos e/ou emocionais; con actividades para persoas maiores, persoas que teñan algunha discapacidade ou diversidade funcional, outras na procura de situacións de reinserción social de determinados colectivos en risco de exclusión ou de integración da poboación reclusa etc.

Estas actividades —dentro e fóra da escola— favorecerán a relación cos demais, o respecto, a atención especial á igualdade de xénero, entendendo as diferenzas relativas ás capacidades psicofísicas, os condicionantes dos estereotipos sociais, a colaboración, o traballo en equipo aprendendo uns dos outros, o xogo limpo, a resolución de conflitos, a convivencia, o recoñecemento do esforzo para lograr metas, a aceptación das regras de xogo establecidas, o desenvolvemento da iniciativa individual, a resiliencia e a pedagoxía do fracaso...
 
Os programas de ApS pódense contextualizar, identificar necesidades, facer propostas de traballo ao respecto e avalialas a través dos catro bloques de contidos que se establecen para a área da Educación Física, por exemplo, no citado Decreto 86/2015, neste caso para a ESO e o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia: 1) Contidos comúns. 2) Actividades físicas artístico-expresivas. 3) Actividade física e saúde. 4) Os xogos e as actividades deportivas. Son moitas, pois, as actividades que se poderían levar a cabo relacionadas con hábitos de saúde, hixiene, alimentación, baile, danzas, expresión corporal, accións deportivas, xogos, habilidades sociais, xestión de emocións, valores etc. De aquí poderían xurdir os valores e as experiencias que se deseñen para incorporar e desenvolver desde as clases de Educación Física, nas etapas escolares de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e universidade. En definitiva, programas que propicien compromisos relacionados cos colectivos que presentan máis necesidades dentro do seu contexto sociocomunitario de referencia. 

Aspectos xerais de carácter teórico/práctico

A metodoloxía ApS busca unha aprendizaxe experiencial e intencional de contidos académicos, combinándoa con aplicacións prácticas na vida real ao prestar servizos útiles á comunidade. Deste xeito, o alumnado atopa motivos xustificativos que lle dan sentido e significatividade ao que se estuda dentro das institucións educativas coa finalidade de producir unha mellora social. Búscanse experiencias para aprender, para dar servizo, para motivar, para intercambios etc. Ao falar desta metodoloxía, estamos pensando nunha forma de unir éxito educativo e compromiso social, aprendendo a ser competentes e útiles aos demais. En si non é algo novo xa que sempre existiu. Trátase de poñer en valor as boas prácticas do pensar e do sentir en relación coa educación integral do ser humano, na vida e ao longo da vida, “go to school - out of school” (dentro e fóra da escola) en combinación. Búscase en si mesmo unha educación integral e persoas competentes, tal e como se manifesta no proxecto DeSeCo deseñado pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). O obxectivo consiste en darlle prioridade ao campo da aprendizaxe fronte ao da ensinanza, cunha “aprendizaxe máis atractiva e promotora da cidadanía activa, da igualdade de oportunidades e da cohesión social”.

Os tres momentos clave de aprendizaxe que deben conter os proxectos de ApS son a preparación do servizo (antes), o camiño de ida e volta entre a teoría e a práctica (durante) e despois, dando sentido ao servizo e formulando novas interrogantes (Rubio e outros, 2014).

Existen experiencias publicadas que se relacionan coa materia de Educación Física. A modo de exemplo imos facer alusión neste apartado a unha delas, dentro da etapa educativa de educación primaria. O proxecto Cuídate, cuídalo do Colexio Público San Pascual Bailón de Pinos Puente (Granada). Este proxecto acadou o Primeiro Premio ApS 2016 ―na categoría infantil/primaria— outorgado pola Rede Española de Aprendizaxe-Servizo, Educo e Edebé: nenos e nenas dunha escola pública reflexionan sobre a alta porcentaxe de obesidade infantil na súa localidade. Neste caso poderían estudar e aprender sobre o tema, facer un traballo, un mural, entrevistar a persoal facultativo, facer voluntariado etc. Non obstante, optan, xunto a un mestre e unha mestra do centro educativo, por realizar un proxecto con metodoloxía ApS. Así, planifican como poden contribuír a mellorar esa necesidade social detectada: sensibilizar a cidadanía e proporcionarlle información e medios para a mellora dos hábitos saudables (Teijeira, 2016). Para facer posible este traballo houbo que planificar os seguintes pasos:

- Deseño dun servizo á comunidade mediante accións dentro do recinto escolar (acondicionar un parque de actividade física e unha horta ecolóxica) e trazar un circuíto cultural saudable dentro do seu concello, vídeos informativos…
- Aprender o necesario para realizar este servizo: investigan sobre problemas de saúde, sobre o sedentarismo, a obesidade, sobre a gravación e edición de vídeos…    

Loxicamente, este proxecto non o poden levar a cabo eles sos. Profesorado e alumnado buscan a colaboración das ANPAS e das familias, concello, centro de saúde, expertos na materia, comercios locais, agricultores etc. Nalgúns casos contribúen á súa aprendizaxe, noutros axúdanlles para que poidan realizar o servizo.

Estamos, pois, ante unha situación de ApS dentro da área de  educación física. Despois de identificar unha necesidade no contexto social, desenvólvense as estratexias cognitivas para mellorala, apréndese o que se precisa para levala á práctica, créanse alianzas que axudan a aprender, a deseñar e levar a cabo accións e para realizar o servizo coa intención de mellorar a situación detectada.  

Con esta metodoloxía ApS, os estudantes reflexionan e fan actividades sempre en función das súas competencias. Ao final realizan un servizo, celebran o conseguido cos destinatarios e participantes no traballo, avalían o proceso e difunden a experiencia. Búscase unha capacitación teórico/práctica para aprender o que necesitan e responder axeitadamente ás demandas que se lles presentan. O obxectivo fundamental consiste, pois, en acadar os maiores beneficios posibles para todos e todas, intentando solucionar problemas da vida real, coa máxima satisfacción e utilidade. En todo caso, estamos falando de actividades escolares cunha clara proxección social, xa que se combina a aprendizaxe de contidos, competencias e valores (saber, saber facer, saber estar e saber ser) coas tarefas de servizo á comunidade.

O rol dos estudantes de Educación Física no proceso de aprendizaxe-servizo

Os poderes públicos fomentarán a educación sanitaria, a educación física e o deporte e facilitarán a adecuada utilización do ocio dos cidadáns. (Artigo 43.3 da Constitución española de 1978).

Poñer en valor este método pedagóxico na sociedade en que vivimos pode ser responsabilidade da universidade, entre outras institucións, procurando que a xuventude adquira as competencias axeitadas coa finalidade de dar resposta ás inquietudes, preocupacións e intencións dos diferentes colectivos extraescolares nun contexto sociocomunitario do modelo ecolóxico en interacción. É obvio que a sociedade española, nos últimos anos e sobre todo a partir do citado artigo 43.3 da Constitución española de 1978, experimentou un desenvolvemento considerable no eido deportivo e do exercicio físico en xeral, dándolle cabida ao deporte institucionalizado e competitivo, ás actividades de tempo libre e de recreación dirixida con actuacións dentro do movemento denominado Deporte para Todos (DpT), ás actividades de lecer e ao deporte educativo de rendemento óptimo e de máximos dentro dun modelo de pedagoxía cognitiva/construtivista/emocional.   

Para que o alumnado poida aprender cunha metodoloxía ApS, é preciso que exista unha implicación das comunidades educativas, das familias, da sociedade (concellos, institucións sanitarias e deportivas, asociacións etc.) e incluso dos medios de comunicación, no seu conxunto. As experiencias que se leven a cabo nun contexto de interacción van mellorar, sen dúbida, as aprendizaxes do alumnado na aplicación práctica, na investigación-acción, no descubrimento/indagación, na motivación e na colaboración mutua, na axuda aos demais, no respecto e solidariedade, na utilidade, no desenvolvemento afectivo/social e no traballo dos procesos cognitivos asociados, neste caso, ao exercicio físico e ás actividades deportivas en xeral, dándolles sentido aos seus estudos.

Os valores éticos e morais son algúns dos efectos que se reflicten no desenvolvemento social dos estudantes de educación superior á hora de estar en contacto cun modelo de ApS. Este proceso debe responder aos obxectivos e contidos do currículo para que non se converta nun servizo directo de voluntariado con e sen aprendizaxe. O traballo con colectivos de persoas maiores, entre outros, pódelle axudar a comprender aínda máis as necesidades e características destas persoas e saber como poden colaborar con elas, de maneira eficaz e correcta ante situacións futuras (Ruiz e outros, 2016).

Experiencias e propostas desde a Educación Física

Mens sana in corpore sano. (Juvenal)

Nos seguintes apartados formulamos algunhas suxestións coa finalidade de que o alumnado de Educación Física ou áreas relacionadas, en todas as etapas educativas do réxime xeral (educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato), os que cursan formación profesional de grao medio ou superior (familia de actividades físicas e deportivas), así como os estudantes do réxime especial (ensinanzas deportivas) ou do Grao Universitario en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, poida elaborar programas creativos e innovadores de ApS:  

Persoas maiores e/ou en risco de exclusión social
Na actualidade, o sector de poboación que máis está medrando en España é o das persoas maiores de 65 anos. Os lugares nos que se poden aplicar programas de ApS con eles son os hospitais, centros de saúde, residencias de maiores, centros de día, asociacións ou centros da terceira idade, centros de adultos (actividades regradas e non regradas), balnearios, excursións da terceira idade e actividades sociocomunitarias organizadas polos concellos (baile, canto, pilates, ximnasia de mantemento, xogos, natación, obradoiros da memoria, charlas etc.), entre outras posibles propostas que se poden levar a cabo. De todos os xeitos, cómpre ter en conta as características destas persoas, a súa localización, autorización do servizo que se preste con competencias técnicas na materia (coordinación e responsabilidades); trátase, pois, de aprender na práctica, na vida e para a vida, aplicando os saberes académicos e as competencias adquiridas nas institucións educativas a outros contextos de proximidade.    

Neste caso é preciso idear e crear un clima de sesións que busque favorecer a socialización e o asentamento de valores cidadáns, habilidades sociais, relacións interpersoais e a motivación, entre outros aspectos. O alumnado implicado debe procurar o benestar xeral destes colectivos mediante a práctica da actividade e do exercicio físico, vivencias positivas e pracenteiras que incidan na súa calidade e na esperanza de vida e na saúde no ámbito global (física, intelectual, social, emocional e incluso espiritual do ser humano, tal e como se recolle na definición que ao respecto fai a Organización Mundial da Saúde). Unha ApS con incidencia na cohesión social en zonas urbanas desfavorecidas, para mellorar a equiparación étnica e cultural que promova a igualdade de oportunidades e os procesos de inclusión, as relacións interxeracionais; para combater situacións de drogodependencias, a obesidade e os trastornos da conduta alimentaria (bulimia e anorexia) e como prevención da violencia na xuventude, así como para fomentar a súa participación na sociedade.

Existen experiencias interxeracionais de ApS no ámbito da saúde, por exemplo, a levada a cabo polo Departamento de Educación Física do IES de Betxí (Castellón) e o profesorado do Centro Público Municipal de Formación de Persoas Adultas desta localidade en colaboración co Departamento de Educación da Universidade Jaume I de Castellón (Rubio e outros, 2014; citando a Gil Gómez).

Poboación reclusa: actividades físicas e deportivas como instrumento de integración social
Parécenos que existen oportunidades para levar a cabo experiencias relacionadas coa ApS dentro das institucións carcerarias. Neste caso hai convenios asinados co Consello Superior de Deportes e acordos de colaboración co Colexio Oficial de Profesores Graduados e Licenciados en Educación Física: programas deportivos de recreación (ximnasia, fútbol sala, voleibol, natación, atletismo…), de competición e de formación e motivación deportiva. Relación coa formación integral destas persoas para traballar a capacidade de convivencia en sociedade, a evasión dos problemas dos presos e a mellora da súa calidade de vida e a formación en valores, colaborando na reinserción social e laboral.

Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra

 

Alumnado con mobilidade reducida e/ou diversidade funcional
Búscanse outras formas de traballar, diferentes ás convencionais, para mellorar a competencia dos futuros docentes, establecendo contacto coas persoas que teñen limitacións diarias derivadas da súa diversidade. Unha formación para o futuro con recoñecemento do valor da práctica, atención personalizada, traballo específico sobre carencias motrices, diversión, prestación dun servizo de colaboración, para desenvolver as habilidades prácticas dos bloques de contidos académicos da Educación Física. Estratexias de ensinanza multinivel, adaptación de tarefas con metodoloxías plurais, compartir o deporte adaptado (por exemplo, o xogo da boccia para persoas con parálise cerebral), compensación de limitacións en situacións competitivas, aprendizaxe e actividades cooperativas, apoios inclusivos ante as barreiras para a participación e a aprendizaxe… (Ríos, 2009). Trátase de  vivir experiencias de ApS en situacións reais, nun ambiente natural da clase de Educación Física, preparando profesionais e cidadáns, con servizo á comunidade para mellorala e transformala mentres se aprende.

A Fundación Integra para a discapacidade intelectual, con sede en Vigo, conta con programas de educación física e deporte, así como con programas de atención temperá. Ao respecto e de ser o caso, poderíanse idear e xestionar proxectos de ApS con esta fundación (entre outras) a través das institucións escolares, en colaboración e pensando en situacións beneficiosas de inclusión familiar, socioeducativa e na inserción laboral: o aumento da autonomía das persoas con diversidade funcional, a práctica deportiva para a mellora do estado físico e a calidade de vida na procura de situacións de éxito, o sistema cardiorrespiratorio, o control de movementos, o incremento da capacidade de desprazamento, a socialización e as relacións interpersoais; o equilibrio, coordinación, orientación espacial, desenvolvemento motor e psicomotriz etc.   

Centros de saúde, de benestar e para a calidade de vida. Institutos municipais de deportes. Clubs deportivos en xeral (tenis, piragüismo, baloncesto, balonmán, fútbol etc.). Asociacións socioculturais. Obradoiros de desenvolvemento cognitivo e psicomotricidade
Axudar a construír unha autoestima máis sólida, a mellora das actividades mentais, a educación en valores sociais (amizade, cooperación; solidariedade en aspectos como a doazón de sangue ou de órganos, a dotación de recursos e/ou de materiais para as actividades físicas e deportivas no caso de persoas con carencias ou que viven en países non desenvolvidos etc.; traballo en equipo, relación social, loita pola igualdade en todos os aspectos, xustiza, compañeirismo, cohesión de grupo, expresión de sentimentos, xogo limpo e sen violencia no deporte, respecto aos demais…) e a educación en valores persoais (forma física e mental, diversión, creatividade, autodisciplina, mantemento e mellora da saúde, deportividade, participación lúdica etc.). Coas temáticas aquí expostas, é factible realizar experiencias diversas empregando unha metodoloxía de aprendizaxe-servizo.

Retos pedagóxicos actuais das actividades físicas e deportivas, a través da utilización e aproveitamento das tecnoloxías da información e da comunicación
Nesta nova era que estamos a vivir, as TIC desempeñan un papel de suma importancia. O teléfono móbil intelixente (con programas como Stepz, datos de saúde personalizados…), o iPod (con fitness para supervisar os adestramentos persoais), o reloxo con conexión a ONconnect; a bicicleta estática e a elíptica conectadas aos programas do smartphone para o control de datos etc. En todo caso, cómpre contar con garantías de seguridade, aprendendo primeiro do educador físico —nos adestramentos— a dirixir os exercicios físicos, como se fai e que nos deixe facer, para aprender contando coa súa experiencia e competencias teóricas, así como na práctica profesional, intentando despois levar esas aprendizaxes aos contextos sociais de referencia nos que nos desenvolvemos. É dicir, aprender dentro e fóra das institucións de carácter regrado ou non regrado; colaborando, intercambiando teorías, ideas e opinións; aproveitando recursos teórico-prácticos, con utilidade e comunicación bidireccional intencionada en beneficio de todos os axentes implicados.
             
Propoñemos, pois, unha iniciación á investigación-acción do alumnado, para aprender tamén en contextos extraescolares e con persoas de distintas idades, sobre a distancia percorrida en quilómetros, a duración diaria aproximada, calorías queimadas, gráficas do peso corporal, relación alimentación/saúde, motivo do control da súa actividade física, control total por mes e segundo idades, comprobación das melloras no ámbito da saúde física, emocional e social…
Así, nos centros educativos sería positivo fomentar o uso correcto dos smartphones, reloxos dixitais, apps como, por exemplo, a Runtastic, creando unha clasificación da actividade física entre os membros da comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias): controlar a actividade mensual para loitar contra o sedentarismo, a inactividade física e a obesidade entre todos dun xeito lúdico e interactivo, para estar en forma, para render máis, para colaborar, para ser felices… Os saberes teórico-prácticos adquiridos polo alumnado, o profesorado que imparte a docencia (especialistas na materia), as familias (pais, nais, outras persoas). Baixo a coordinación docente, o alumnado elaboraría o correspondente programa de ApS. Poderían contar, ademais, coa colaboración doutros profesionais (médicos, fisioterapeutas, adestradores deportivos, especialistas en tecnoloxías de última xeración que impartisen charlas informativas para unha utilización adecuada e correcta etc.), a cooperación empresarial ou de organismos oficiais, fundamentalmente de carácter local…. Con estas tecnoloxías levaríase a cabo un seguimento moito máis preciso do progreso acadado no ámbito das competencias motrices, entre as que se atopa o exercicio físico e a actividade deportiva. Sería interesante tamén facer unha reflexión sobre posibles premios ás persoas que conseguisen os mellores obxectivos. En resumo, outra forma de aprender, desde o centro educativo aberto ao aproveitamento das experiencias externas, en beneficio da propia comunidade de aprendizaxe na que viven. 

Rexistro de datos no móbil (con fitness para supervisar os adestramentos persoais)

 

A finalidade esencial consiste en aprender a medir a actividade física global, a motivación e o estímulo para manterse en forma e para facer exercicio, educando para levar unha vida máis sa e activa. En definitiva, interesa saber o que podemos ofrecer  a través da formación regrada e o que podemos recibir das experiencias de colectivos alleos ás institucións educativas. Algo que xa está demostrado por un grupo de investigadores da Universidade de Stanford (os Estados Unidos), entre outros, o que afecta positivamente a todo o benestar, reducindo os niveis de glicosa, colesterol, ansiedade e depresión e mellorando a autoestima e a sociabilidade.

Conclusións

O campo formativo da educación física é de sumo interese para calquera ámbito ou etapa educativa de maneira individual e/ou colectiva. Unha educación integral que inclúe todo o relacionado co uso pedagóxico do corpo acrobático, pensante e comunicativo. A acción para a mellora social e para a adquisición doutro tipo de aprendizaxes —en relación coas demais áreas curriculares— pódese enfocar, tal e como se comentou con anterioridade, desde o carácter vivencial da educación física e a través do modelo ApS dentro das chamadas pedagoxías activas: actividades de recreación dirixida, tempo libre e de lecer, promoción de hábitos saudables, benestar e calidade de vida, obxectivos afectivos/emocionais, educación en valores etc. En relación con moitas destas actividades citadas, as TIC poden ser de grande utilidade sabéndoas aproveitar ben.  

O potencial pedagóxico da educación física e da actividade deportiva pódenos levar a unha fonte de transformación social e de experiencias solidarias en todas as facetas da vida humana e atendendo á diversidade das persoas. A partir dun diagnóstico da detección de necesidades sociais reais, inténtanse buscar situacións de mellora social, espazos comúns de aprendizaxe mutua, entusiasmo en proximidade compartida e enriquecemento persoal.   

A educación en valores, desde a área de educación física, non debe consistir só en coñecelos ou definilos. É preciso tamén saber levalos á práctica, servindo de modelos e predicando con exemplos, para todas as persoas coas que van implementar os programas de ApS, nos diferentes contextos de práctica relativa á actividade física e deportiva.

Cando aplicamos a metodoloxía aprendizaxe-servizo non só estamos procesando o currículo da materia de Educación Física senón que compartimos tamén eses saberes teóricos/prácticos co intercambio de ideas, experiencias, opinións das persoas maiores ou doutros colectivos profesionais experimentados. Estamos a falar dunha interacción entre xeracións diferentes, a colaboración mutua dun xeito organizado e intencional, da participación con obxectivos comúns de utilidade á sociedade e da pretensión de formar cidadáns activos, comprometidos co seu desenvolvemento individual así como nos vínculos interpersoais. Parécenos, pois, que nos atopamos ante unha aprendizaxe máis atractiva, conexionada, completa e realista, que vai dar sentido e aplicación práctica dentro da realidade circundante na que nos movemos.

Pantalla do móbil para rexistro de datos de saúde

 

 

Bibliografía: 

 

 

CAPELLA PERIS, C. e outros (2014): “La metodología del aprendizaje-servicio en la educación física”. Apunts. Educación Física y Deportes, 116, 33-43. Barcelona: Instituto Nacional de Educación Física de Cataluña.

Decreto 86/2015, do 25 de xuño (DOG do 29 de xuño de 2015), polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. “Educación Física”. DOG, 120, 1046-1080.

FORTUÑO GODES, J. (2017): “Relación entre ejercicio físico y procesos cognitivos en las personas mayores”. Ágora para la educación física y el deporte, 19, 73-87. Valladolid: Universidade de Valladolid.

GIL GÓMEZ, J. e outros (2016): “Una experiencia de aprendizaje-servicio en futuros docentes: desarrollo de la competencia social y ciudadana”. Revista Complutense de Educación, 27, 53-73. Madrid: Universidade Complutense.  

RUBIO, L. e outros (2014): Aprendizaje-servicio y educación física. Experiencias de compromiso social a través de la actividad física y el deporte. Barcelona: INDE Publicaciones.

RUBIO, L. e outros (2014): “Educación Física y aprendizaje servicio”. Tándem Didáctica de la Educación Física, 44, 7-14. Barcelona: Graó.

RUIZ MONTERO, P. e outros (2016): “Aprendizaje-Servicio en los grados universitarios de Educación Física: ejercicio físico con personas mayores”. Ágora para la educación física y el deporte, 18, 244-258. Valladolid: Universidade de Valladolid.

SOTELINO LOSADA, A.  e outros (2015): “Aprendizaje-Servicio, docencia e implicación social del profesorado universitario. ¿Existe alguna relación?”. Revista de estudios e investigación en psicología y educación, 12 (publicación electrónica). A Coruña: Universidade da Coruña.

TEIJEIRA BAUTISTA, E. (2016): “Aprendizaje-Servicio, una metodología que funciona”.  Convives, 16, 5-11. Madrid: Asociación Convivencia en la Escuela - Convives.

ZUBIAUR-GONZÁLEZ, M. (2017): “¿Se puede considerar el deporte como un instrumento de integración social de la población reclusa española?”. Ágora para la educación física y el deporte, 19, 1-18. Valladolid: Universidade de Valladolid.

Webgrafía

Artigo “Educación física y ApS. Una combinación más que saludable” de Laura Rubio (UB) e outros. Dispoñible en http://tandem.grao.com/revistas/tandem/044-aprendizaje-servicio-en-educacion-fisica/educacion-fisica-y-aprendizaje-servicio-una-combinacion-mas-que-saludable. Tandem, núm. 44, monográfico sobre Educación Física e ApS (consultada o 7 de febreiro de 2018).

“Aprendizaje-Servicio y educación física. Experiencias de compromiso social a través de la actividad física y el deporte”. Dispoñible en https://dialnet.unirioja.es/servlet/libro?codigo=563174 (consultada o 8 de febreiro de 2018).

Convives. “Asociación para la Convivencia Positiva en los Centros Educativos”. Dispoñible en http://convivesenlaescuela.blogspot.com.es (consultada o 30 de xaneiro de 2018).

El Educador Físico - Consejo COLEF. Decálogo. Campaña Estatal de Deporte y Salud. http://www.consejo-colef.es/el-educador-fisico (consultada o 15 de febreiro de 2018).

Entrevista a Enric M.ª Sebastiani.  Universidade Ramón LLull. Dispoñible en https://www.youtube.com/watch?v=3NbLR86HoGA (consultada o 1 de febreiro de 2018).

Fundación INTEGRA para a discapacidade intelectual. Dispoñible en http://fundacionintegravigo.org/programas.html (consultada o 16 de febreiro de 2018).

“Red universitaria ApS y Educación Física”. Dispoñible en https://www.facebook.com/redapsef (consultada o 9 de febreiro de 2018).

 

Sección: