Skip to Content

Convocatoria dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2021-2022

Convocatoria dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2021-2022

O 25 de abril publicouse no DOG a ORDE do 31 de marzo de 2022 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2021/22 (código de procedemento ED311A).

Finalidade

Recoñecer e valorar os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Destinatarios

Alumnado que finalice os estudos de bacharelato no curso 2021-2022 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia en calquera das modalidades establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e cumpra os requisitos establecidos na orde antes citada.

Requisitos

a) Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2021/22 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso.

b) Ter obtido unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75.

Todos os requisitos relacionados neste artigo deberán posuírse no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Premio

Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios extraordinarios.

O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica de 1.000 euros, e ademais recibirá un diploma acreditativo. A distinción de obter premio extraordinario farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou por calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

As persoas que obteñan premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de solicitude, ao correspondente premio nacional.

O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2022/23.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 26 de abril de 2022 e rematará o día 25 de maio de 2022.

Forma de presentación de solicitudes

As solicitudes de participación presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) ou na sede electrónica da Xunta de Galicia

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Realización da proba para a obtención do premio

O alumnado deberá realizar unha proba presencial que terá carácter único en todo o territorio da Comunidade, que terá lugar de forma simultánea nas distintas sedes. 

A realización da proba terá lugar o día 23 de xuño de 2022 e realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal).

Estrutura da proba

A proba estruturarase en dúas partes:

Primeira parte, para desenvolver en 2 horas:

1.1.1. Análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario.

1.1.2. Resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira lingua estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario no idioma correspondente.

Segunda parte, para desenvolver en 1 hora:

Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado, para elixir entre as seguintes: Matemáticas II, Matemáticas aplicadas ás ciencias sociais II, Latín II e Fundamentos da arte II.



page | by Dr. Radut