Skip to Content

muller

Un século de loita e represión feminina

Este 10 de marzo a escritora e xornalista Montse Fajardo, diante dun auditorio formado por alumnado de catro grupos de 4º da ESO, falounos da loita das mulleres no século XX. Fixo un repaso polas conquistas protagonizadas polas mulleres galegas e pola represión da que foron vítimas ao longo dos últimos cen anos.
As  nosas devanceiras pelexaron pola conquista de dereitos, dende finais da centuria decimonónica, aproveitando movementos sociais como o agrarismo, o sindicalismo ou o nacionalismo para participar na vida política e social en igualdade de condicións que os seus compañeiros varóns. Tiveron que enfrontarse a múltiples prexuízos arraigados incluso en organizacións de ideoloxía progresista. Así lograron avances como o dereito ao sufraxio feminino e outros recoñecidos no período da II República. Mais coa Guerra Civil e a longa noite de pedra posterior as mulleres víronse obrigadas a pecharse no ámbito privado dos seus fogares para ser modelo de sufridas e compracentes esposas e compañeiras dos varóns forxadores da nova España, segundo o criterio da falanxista Sección Feminina.  
Por outra parte a represión derivada da Guerra Civil e da posterior dictadura cebouse nas mulleres que, por defender os seus dereitos e loitar polas liberdades, foron obxecto de múltiples aldraxes (rapadas, violadas, paseadas...) incluso sometidas a inícuos procedementos xudiciais que remataban en longas penas de prisión ou morte. A chegada da chamada transición non supuxo o punto final á persecución das mulleres, aínda nos anos setenta e oitenta do século XX hai acusadas por participar en actos de apoio ás vítimas dos sucesos acaecidos hai xusto 50 anos en Ferrol  (cando o 10 de marzo de 1972 a policía franquista disparou contra unha protesta sindical provocando a morte dos traballadores  Amador Rey e Daniel Niebla e feridas a outro medio cento de manifestantes) ou recluídas en centros dependentes do Patronato de Protección á Muller.
Montse Fajardo puxo cara, nome e apelidos a algunhas destas mulleres que, de palabra e obra, son o alicerce das libertades que hoxe gozamos e que, por defender as liberdades e o réxime político legalmente constituído, sufriron en carne propia o menosprezo dun sistema ideolóxico-político machista.

Cómpre non esquecer para non caer nos mesmos erros e para evitar que a historia se repita. Por iso una vez máis parabenizamos e agradecemos á Deputación de Pontevedra por este programa “O pasado por vir” que permite coñecermos mellor o noso pasado para construír un futuro mellor.

Lendo e falando de ciencia en feminino

Aproveitamos estas xornadas en torno ao 11 de febreiro (declarado pola ONU como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia "coa finalidade de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas") para propor algunhas lecturas:


 

 

Ven á biblioteca e atoparás moitas máis lecturas de ciencia en feminino!

 LEMOS DE CIENCIA EN FEMININO!

E xa que nesta ano "temos a palabra", o alumnado de 1º ESO presta as súas voces ás mulleres de ciencia, poñémonos na pel de científicas de todos os tempos para contar a súa vida e a súa obra, os seus logros e as súas pexas polo feito de ser mulleres,

FALAMOS DE CIENCIA EN FEMININO!

Ciencia: feminina e plural

90 anos da aprobación do sufraxio feminino en España

O 30 de setembro de 1931 as Cortes Republicanas comezaron o debate que concluíu coa aprobación o 1 de outubro do sufraxio feminino en España. Desde esa data, toda española maior de 23 anos podía votar. Con anterioridade, nas Cortes Constituintes da República, as mulleres maiores de 23 anos podían presentarse como candidatas, é así como resultaron elixidas deputadas Clara Campoamor, Vitoria Kent e Margarita  Nelken.

Das intervencións en contra e a favor do dereito ao voto feminino destacamos as seguintes:Nóvoa Santos

O doutor Roberto Novoa Santos, da Federación Republicana Galega, dixo:
Por que temos que conceder á muller os mesmos títulos e os mesmos dereitos políticos que ao home? Son por ventura ecuación? Son organismos igualmente capacitados? A muller é toda paixón, toda figura de emoción, é todo sensibilidade; non é, en cambio, reflexión, non é espírito crítico, non é ponderación. Cal sería o destino da República se nun futuro próximo, moi próximo, houbésemos de conceder o voto ás mulleres?

Hilario  Ayuso, do Partido Republicano Federal, defendía que as mulleres puidesen votar a partir dos 45 anos.

 Victoria Kent, do Partido Republicano Radical Socialista, sostivo:
Creo que o voto feminino debe aprazarse, dío unha muller que, no momento crítico de dicilo, renuncia a un ideal” e proseguiu: “cando transcorran uns anos e vexa a muller os froitos da República e recolla a muller na educación e na vida dos seus fillos os froitos da República, entón, Sres. Deputados, a muller será a máis fervente, a máis ardente defensora da República. Se as mulleres españolas fosen todas obreiras, se as mulleres españolas tivesen atravesado xa un período universitario e estivesen liberadas na súa conciencia, eu levantaríame hoxe fronte a toda a Cámara para pedir o voto feminino. Pero nestas horas eu levántome xustamente para dicir o contrario e dicilo con toda a valentía do meu espírito

En resposta a esta última intervención Clara Campoamor defendeu:
As mulleres! Como pode dicirse que cando as mulleres dean sinais de vida pola República concederáselles como premio o dereito para votar? É que non loitaron as mulleres pola República? É que ao falar con eloxio das mulleres obreiras e das mulleres universitarias non está a cantar a súa capacidade? Ademais, ao falar das mulleres obreiras e universitarias, vai ignorar a todas as que non pertencen a unha clase nin á outra? Non sofren estas as consecuencias da lexislación? Non pagan os impostos para soster ao Estado na mesma forma que as outras e que os homes?

clara campoamor(...) Non esquezades que non sodes fillos de home tan só, senón que se reúne en vós o produto dos dous sexos. En ausencia miña e lendo o diario de sesións, puiden ver nel que un doutor falaba aquí de que non había ecuación posible e, con espírito herdado de  Moebius e Aristóteles, declaraba a incapacidade da muller.

A iso, un só argumento: aínda que non queirades e se acaso admitides a incapacidade feminina, votades coa metade do voso ser incapaz. Eu e todas as mulleres a quen represento queremos votar coa nosa metade masculina, porque non hai dexeneración de sexos, porque todos somos fillos de home e muller e recibimos por igual as dúas partes do noso ser, argumento que desenvolveron os biólogos. Somos produto de dous seres; non hai incapacidade posible de vós a min, nin de min a vós.

(...) A muller española espera hoxe da República a redención súa e a redención do fillo. Non cometades un erro histórico que non teredes nunca bastante tempo para chorar ao deixar á marxe da República á muller, que representa unha forza nova; que foi simpatía e apoio para os homes que estaban nos cárceres; que sufriu en moitos casos como vós mesmos, e que está  anhelante, aplicándose a si mesma a frase de  Humboldt de que a única maneira de madurarse para o exercicio da liberdade e de facela accesible a todos é camiñar dentro dela.

Finalmente, na votación, houbo 161 votos a favor, 121 en contra e 188 abstencións, quedando aprobada a proposta.

Case dous anos despois, nas eleccións xerais do 19 de novembro de 1933,  as mulleres puideron votar por primeira vez.

Recreación dalgunhas intervencións deste histórico debate sobre o voto feminino:

 

O discurso de Clara Campoamor:

 

Presentación da película Clara Campoamor, a muller esquecida:

Créditos:

https://canalhistoria.es/hoy-en-la-historia/aprobado-sufragio-femenino-espana/

 

 

Lecturas en feminino

Cinexornal 7

As mulleres son de ciencias

 

Unha pioneira: Lolita Díaz Baliño

Dende o ano 2014 todos os 30 de xaneiro celebramos o Día da Ilustración. Nesta edición, por primeira vez, a homenaxeada é unha muller: Lolita Díaz Baliño, toda unha "artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época".

Esta tía do coñecido Isaac Díaz Pardo e unha pioneira: ilustradora, pintora e docente cunha obra de contrastada calidade e unha das primeiras mulleres numerarias da Real Academia Galega de Belas Artes.

Neste enlace tes máis información sobre esta galega pioneira: https://acorunhadasmulleres.gal/lolita-diaz-balino/

O cartel desta edición pertence á autoría do artista Manel Cráneo.

Ademais catro ilustradoras actuais (Lidia Cao, Nuria Figueiredo, Iria Ribadomar e Laura Romero) ofrecen a súa visión persoal de Lolita Díaz Baliño, mediante ilustracións realizadas ad hoc. Preme aquí e accederás a esas ilustracións.

 

A xeografía do machismo asasino

A máis da actual pandemia global do COVID-19, hai outra pandemia -non menos destrutora e tamén global- que se ceba nos millóns de mulleres que en todo o mundo son atacadas polo virus do machismo: mulleres feridas, ultraxadas, violadas e mortas.

Tamén na pel de touro peninsular e nos seus arquipélagos. No decurso deste 2020 contabilizamos en España máis do corenta mortes froito desta vesania machista que non respecta fronteiras.

Preme nos enclaves sinalados no mapa e poderás facer un lutuoso percorrido polas xeografías das últimas vítimas mortais desta pandemia.

Para cando a vacina que inmunice do machismo asasino?

Lecturas en feminino

O pasado domingo, 8 de marzo, a partir das 12 da mañá mozas do noso club de lectura "Pedra do Acordo" foron as encargadas de poñer voz a poemas da guatemalteca Guisela López, da senegalesa Comba, da barcelonesa Elena Barrio, da venezolana Oriette D´Angelo, da polaca Anna Swirszczynska, da sevillana Rosa Berbel, da bonaerense Cecilia Alfonso Esteves ou do outeirano Manuel María (poema á muller galega) e do ferrolán Carvalho Calero (Muller). Participaban así na concentración promovida polo Concello de Tui, dentro da súa programación "Somos e seremos inmarcesibles" para celebrar a efeméride do 8 M. Neste acto da parte musical ocupouse Xoana que presentou o seu traballo “Dardos”

   
  

Grazas a Ainoa, Alba, Fátima, Gabriela, Sara ou Sofía por prestarnos as súas voces para reivindicar de xeito poético a visibilización das mulleres.

Le tí tamén os textos recitados no acto:

Distribuir contido


by Dr. Radut