Skip to Content

Mollándonos na lectura

O pasado martes, 17 de outubro, a climatoloxía adversa non foi quen de impedir a nosa primeira, neste curso, xuntanza oficial do club de lectura de adultos.
A sesión, duns noventa minutos, dividiuse en dúas partes.
Na principal abordamos distintos aspectos de A muller xabaril: contextualización da novela dentro da obra e das lembranzas da autora; visionado dunha entrevista con Fina Casalderrey; tratamento non tanto da muller concreta Adelina Franco como da muller en xeral vítima do desprezo, o maltrato, a incomprensión ou os aldraxes; o papel da familia da protagonista e das circunstancias históricas vividas; o comportamento de Ramiro; o maxistral uso do xénero epistolográfico no desenvolvemento da estrutura narrativa; a dosificación da información que permite manter a intriga e o interese do lector ata o final; os temas da violencia, o escarnio ou o idadismo; o rexeitamento social ao que resulta diferente e/ou rompe os moldes estabelecidos; o papel da lectura, da formación, da cultura (por algo A Muller Xabaril levaba ao lombo un saco con libros, entre outras pertenzas).
Na última parte presentamos e discutimos distintas propostas de próximas lecturas: a do vindeiro mes será, aproveitando a visita da autora ao noso centro, O ano das mazás (vivencias do pai da escritora nos tempos da posguerra: maltrato infantil na escola, nais solteiras, relixión evanxélica, estraperlo, privacións e fame). Outras suxestións lectoras correspóndense con O estranxeiro de Alex Alonso (un surrealista asasinato da pábulo a unha humorística e mordaz crítica á sociedade actual, aos seus principios e valores e á volubilidade da xustiza); Coa man esquerda de Xabier Quiroga (un escritor recibe un curioso manuscrito no que un ancián conta arrepiantes sucesos vividos cando era neno e que lle deixarán fonda pegada) ou Unha saca da patacas de Francisco Coimbra (onde se xoga coa ambivalencia semántica do termo “pataca”: tubérculo e moeda, cun destacado protagonismo da lingua mais tamén cunha crítica social encarnada no luxo de Macau sostido co traballo precario das distintas profesións que fan posíbel o ouropel dese luxo)
Vémonos o vindeiro mes!

Data: 
Xov, 19/10/2023 - 05:52


page | by Dr. Radut